Adiós ríos, adiós fontes;
adiós regatos pequenos;
adiós vista dos meus ollos:
non sei cando nos veremos.
Rosalía de Castro, Cantares Gallegos, 1863
Ano 1963, España. Máis de cincuenta persoas falecen e decenas quedan cegas debido ao consumo de bebidas alcohólicas elaboradas con metanol, un composto químico tóxico que se emprega como anticonxelante, disolvente e combustible.
Os anteriores datos son os oficialmente recoñecidos, pero é probable que miles de persoas fosen vítimas desta intoxicación sen que a súa contorna soubera a orixe das súas doenzas. O envelenamento tivo unha especial incidencia en Galicia –lugar no que se orixinou a fraude– e en Canarias. Foi nese arquipélago onde a farmacéutica María Elisa Álvarez Obaya descubriu a orixe da intoxicación alimentaria.
María Elisa naceu en Villaviciosa (Asturias) o 12 de xaneiro de 1934. Tras finalizar o bacharelato, matriculouse na Facultade de Farmacia de Santiago de Compostela. Alí realizou a maior parte dos seus estudos: suspendeu a materia de bromatoloxía –a ciencia que estuda os alimentos–, pero aprobouna na Universidade de Barcelona no curso 1960-1961.
Ás poucas semanas de terminar os seus estudos trasladouse á pequena poboación de Haría (Lanzarote) para rexentar unha pequena farmacia. Desde xaneiro de 1962 asignóuselle tamén –de maneira interina– o cargo de Inspectora Farmacéutica Municipal. Esa modesta farmacia foi o lugar no que María Elisa realizou as primeiras análises que destaparon o chamado caso do metílico.
Alcol industrial no augardente
Mais empecemos polo principio. En 1963, Rogelio Aguiar, o dono das Adegas Aragón (Ourense) experimentaba con diferentes alcois a preparación de augardentes e licores. Buscaba aumentar os seus beneficios e terminou comprando alcol metílico á empresa Alcoholes Aroca (Madrid) que distribuía ese produto para uso industrial.
Sabendo que non era apto para o consumo humano, Aguiar comprou 75.000 litros de metanol: investiu neles a metade de diñeiro que supoñía a mesma cantidade de etanol, o principal tipo de alcol presente nas bebidas alcohólicas.
O metanol comprado procedía da destilación da hulla e empregábase normalmente para fabricar vernices, pinturas e combustibles. Mesturado con auga, esencias e etanol para mitigar os seus efectos perniciosos, Aguiar usou este líquido para preparar diferentes licores que comercializou sen informar da súa procedencia.
En Haría producíronse varias mortes a principios de 1963, onde María Elisa traballaba como Inspectora Farmacéutica Municipal. Polos síntomas que observou e pola sucesión dos feitos, sospeitou que podía tratarse dunha intoxicación por metanol procedente do consumo de augardente.
Poucos medios e moitas reticencias cara a Elisa
A farmacéutica tivo que soportar a hostilidade de moitas persoas. Era unha muller e, ademais, unha recentemente licenciada, unha principiante, unha novata. A pesar da oposición inicial, e grazas ao apoio do equipo municipal, María Elisa inmobilizou os produtos sospeitosos requisados en comercios e bares da zona. Todos procedían das adegas Lago e Hijos, de Vigo.
O 17 de marzo de 1963, cos escasos medios dos que dispoñía na súa modesta farmacia, María Elisa estudou os contidos das garrafas de ron incautadas e confirmou que contiñan metanol. Para corroborar as súas investigacións, enviou algunhas mostras á Xefatura de Sanidade de Las Palmas: as análises alí realizadas ratificaron as conclusións da farmacéutica.
A partir dese momento, pasáronse os informes ao Xulgado de Instrución de Arrecife (Lanzarote). Realizáronse minuciosas investigacións en todo o Estado, analizando licores e outras bebidas como os vinagres para elaborar peixes en escabeche.
O xuízo por esta fraude alimentaria tivo lugar a finais de 1967, catro anos despois das primeiras mortes e casos de cegueira. Once persoas foron condenadas pola súa participación neste delito. Declaráronse insolventes e, como adoita suceder, o tema caeu no esquecemento rapidamente, deixando a moitas vítimas desamparadas.
Sospéitase, ademais, que as persoas damnificadas foron moito máis numerosas que as admitidas na versión oficial. Sen realizar autopsias a moitos dos falecidos en estrañas circunstancias, foi imposible vincular estas mortes ao consumo de metanol.
Un poema premonitorio
O poema que abre este escrito forma parte dos Cantares gallegos de Rosalía de Castro. A cegueira é un dos síntomas da intoxicación por metanol: ironicamente, a contraetiqueta dunha das botellas de licor que provocaron esta intoxicación contiña este poema. E, efectivamente, a vista desapareceu de moitos ollos.
E que pasou con María Elisa Álvarez Obaya? Foi distinguida pola Real Academia de Farmacia e polo Concello de Haría coa Medalla Carracido.
Tras o magnífico traballo que realizou, trasladouse a traballar aos laboratorios da Inspección Farmacéutica das Palmas, onde se dedicou a realizar análises bromatolóxicos. O destino levouna a dedicarse a esa materia que se lle resistiu durante a súa carreira en Santiago de Compostela. Alí, nas Palmas, traballou ata a súa xubilación.
María Elisa faleceu o 26 de febreiro de 2010. Sen ningunha dúbida, grazas ao seu traballo e á súa coraxe, salvou a vida de moitas persoas.
Marta Macho-Stadler é profesora de Matemáticas na Universidad del País Vasco / Euskal Herriko Unibertsitatea. Este artigo é unha adaptación de María Elisa Álvarez Obaya y el ‘caso del metílico’ publicado no blog Mujeres con ciencia, da Cátedra de Cultura Científica da UPV/EHU.