Crean un novo material que bloquea o son pero deixa pasar o aire e a luz

Un equipo de investigadores da universidade de Boston desenvolve un obxecto cunhas peculiares características acústicas

É posible desenvolver un material polo que poida pasar o aire e a luz, pero que bloquee o 94% do son? Parece que si, segundo expoñen científicos da universidade de Boston. Acaban de publicar na revista Physical Review B un traballo no que describen a creación, mediante técnicas de impresión en 3D, dun “metamaterial” que intercepta o son mentres que o aire e a luz pasan libremente a través del.

A peculiar forma do material bloquea o son, pero non o aire nin a luz. Fonte: Boston University.
A peculiar forma do material bloquea o son, pero non o aire nin a luz. Fonte: Boston University.

“A idea é que agora podemos deseñar un obxecto que pode bloquear o son de calquera fonte”, explica a científica Xin Zhang. Segundo expoñen no seu artigo, comezaron calculando as dimensións e as características dun material que puidera reflectir as ondas de son que chegan a el, sen bloquear o aire ou a luz. Imprimírono en 3D, cunha forma semellante a unha rosca, e unírono a un tubo de PVC que tiña conectado un altofalante no outro extremo. E isto foi o que aconteceu:

Publicidade

O material era capaz de neutralizar o 94% do son que entraba pola tubaxe: “Poñer e quitar o ‘silenciador’ era, literamente, como o día e a noite”, declarou outro dos investigadores, Jacob Nikolajczyk. Foi a constatación das probas que xa fixeran mediante simulacións informáticas; “unha cousa é ver os modelos, e outra escoitar realmente o impacto”, subliñan.

Unha vez comprobados os resultados, os investigadores xa traballan en como trasladar o deseño a situacións reais. “Cada peza pode usarse como un ladrillo e construír así unha parede ampla para illar os sons”, explican. Así, avanzan que poderían adaptar a forma deste material (agora é circular, pero podían convertela en cadrada ou hexagonal para formar as paredes).

Publicidade

Deste xeito, cren que podería abrir a porta a reducir o impacto da contaminación acústica en grandes urbes, sen ter que restrinxir a circulación de aire ou luz.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Así soa unha das estrelas máis espectaculares da Vía Láctea

Un proxecto da NASA converte a luz de RS Puppis en son con fins divulgativos e de accesibilidade para persoas con discapacidade visual

O ruído do tráfico nas escolas empeora a atención e a memoria dos nenos

Un estudo en 'PloS Medicine' observa que a contaminación acústica debida á circulación inflúe negativamente no desenvolvemento cognitivo dos menores

Pódense escoitar as auroras boreais? E de facelo, que son emitirían?

O fenómeno auditivo nestes despregamentos de luz só se presenta no 5% das ocasións e soa como un "asubío débil moi curioso"

A ave australiana que chía igual ca un bebé, unha cámara ou unha motoserra

É sobradamente coñecida a habilidade dalgunhas especies de aves para replicar...