É sobradamente coñecida a habilidade dalgunhas especies de aves para replicar sons semellantes aos que emiten os humanos. Ben o saben, por exemplo, en Pontevedra, onde o papagaio Ravachol é un auténtico emblema da cidade e mascota do Entroido, célebre por frases como “se collo a vara…”, que pronunciaba na botica de Perfecto Feijoo, onde pasaba os seus días. Porén, o abano de sons é sorprendentemente amplo, e así o demostra un vídeo gravado no zoolóxico de Taronga, en Sydney (Australia). A que recorda este son?
https://twitter.com/tarongazoo/status/1432489666897453057
O protagonista é un exemplar de Menura novaehollandiae, coñecida como ave lira soberbia. E efectivamente, esta especie ten unha enorme habilidade para recrear son de ata máis de 20 aves distintas. A ave lira soberbia xa chamou a atención no seu momento do gran documentalista David Attenborough, que nun dos seus documentais amosaba a este animal reproducindo os sons do obturador dunha cámara, o movemento do carrete dentro dela ou mesmo o ruído dunha motoserra:
Con todo, o son que recrea o pranto dun bebé humano sorprendeu máis se cabe aos traballadores do zoolóxico australiano. Segundo contaron os traballadores do zoo a The Guardian, con toda probabilidade desenvolveu a habilidade despois de escoitar a algún bebé que visitaba o lugar. Unha das traballadoras, Leanne Golebiowski, dixo que o exemplar, que leva por nome Echo, é capaz de imitar igualmente un trade eléctrico ou a alarma de incendios do zoolóxico. Mesmo pode emitir a orde “evacúen agora mesmo” que inclúe a alarma.
Segundo as investigacións realizadas, a imitación dos cantos doutras especies por parte dos machos da ave lira soberbia é unha estratexia de cortexo por parte dos machos, aínda que tamén se postulou que as femias teñen a capacidade de reproducir diversos sons na procura de alimento ou como defensa do niño. Ademais, adquiren a capacidade de reproducir sons que se producen na contorna onde viven, de aí as curiosas escenas que teñen lugar cando comparten espazo coa actividade humana.














