A observación de catro exemplares de baleas azuis (Balaenoptera musculus) nas augas próximas ás Rías Baixas, segundo informou o Instituto para a Investigación dos Arroaces (BDRI) do Grove, constata que o regreso da especie ao litoral peninsular, despois de máis de tres décadas con moi escasos avistamentos, vai camiño de converterse nun hábito. Bruno Díaz, director do BDRI, destaca que a chegada destes grandes cetáceos “é un sopro de aire fresco no medio de tempos tan difíciles a nivel global, porque se están observando os efectos dos danos á natureza”. Díaz advirte que o regreso das baleas “é tamén un sinal de que se nos poñemos a traballar para conservar o que temos, estamos a tempo de corrixir moitas cousas e conservar especies coma estas, tan carismáticas e simbólicas”.
Para o director do BDRI, as condicións que se están a dar nas augas galegas son clave para as boas novas da última semana: “Os niveis de produtividade están a ser enormes; e iso sen dúbida atrae ás baleas. Hai unha gran presenza de zooplancto e fitoplancto, e de aí ‘a cociña ponse a traballar'”, exemplifica Díaz. De feito, Díaz engade que a “explosión de vida” observada nos últimos días coincide con outro fenómeno que está a xerar importante expectación, o do mar de ardora. Nestas últimas xornadas, ao caer a noite, as expedicións do BDRI estan a atopar concentracións de Noctiluca scintillans coa súa correspondente bioluminescencia. Tal e como explicaba esta mesma semana o científico do IEO Francisco Rodríguez, estes dinoflaxelados aliméntanse de microalgas e ovos de zooplancto, o que provoca que cando a presenza de nutrientes nas augas é alta e o clima acaído, poidan concentrarse preto da costa e iluminar a escuridade.

Estas condicións excepcionais contribúen, do mesmo xeito, á alta produtividade das augas da plataforma continental galega. O fenómeno do afloramento costeiro é máis frecuente en primavera e verán pola dominancia dos ventos do norte que desprazan as augas superficiais e fan ascender as augas profundas, frías e ricas en nutrientes. Desde o BDRI, unha das liñas de investigación xira arredor da relación entre os índices de afloramento e a presenza das baleas nesta rexión.
Un exemplar non visto antes
Entre as catro baleas azuis observadas nos últimos días, Bruno Díaz explica que “dous dos exemplares xa os viramos desde 2018, e están catalogados desde entón”. Porén, apareceu outra balea azul nova. “Isto é unha gran noticia, porque significa que ano tras ano están a regresar a unha zona que é minúscula en relación á súa distribución, e dá conta da enorme riqueza que atopan nestas augas”, resume o biólogo.
Con todo, advirte que estes mesmos sinais evidencian que a situación da especie non ter por que se boiante. “Se aparecen as mesmas baleas todos os anos, iso tamén quere dicir que non hai moita abundancia de exemplares; nos catálogos hai arredor de 14-15 exemplares que se observan en diversas zonas do Atlántico”, di.
Outro dos factores clave para dispoñer desta nova información científica sobre os grandes cetáceos é a capacidade de realizar saídas e, deste xeito, ter oportunidade de observar os exemplares. Da man do proxecto Balaenatur, financiado pola Fundación Biodiversidad, o BDRI leva a bordo da súa embarcación a 12 biólogos e biólogas que desenvolven xornadas de ata 14 horas no mar. “Estamos vendo as baleas na zona exterior das Rías Baixas porque é a zona na que estamos traballando, pero probablemente se foramos ata Fisterra, tamén as veriamos alí. Unha balea desde tamaño pode estar hoxe preto de Vigo e mañá chegar á parte exterior de Estaca de Bares, e baixar de novo ás Rías Baixas no día seguinte”.
Este proxecto de investigación, que se estenderá ata 2022, ten por obxectivo mellorar o coñecemento científico dispoñible sobre a balea azul e outras especies de baleas, como o rorcual común (Balaenoptera physalus), o alibranco (Balaenoptera acutorostrata) ou a xibarte (Megaptera novaeangliae), que estes días están a ser igualmente avistados preto do litoral galego. As campañas de mostraxe, como as realizadas nestes días, axudan a ampliar e revisar os catálogos de exemplares dispoñibles.