VÍDEO: O mar de ardora emerxe nos últimos días na ría de Corme e Laxe

O fotógrafo Drew Korme leva recollendo desde comezos de xullo o fascinante fenómeno na ría de Corme e Laxe, cunha frecuencia moi pouco habitual

Durante moitos anos foi un fenómeno fuxidío, o que alimentou as lendas e mesmo as dúbidas sobre a súa existencia real entre a xente que nunca o presenciara. Só unha pequena parte de persoas afortunadas, que estaban no momento e o lugar exactos, podían ser testemuñas de como o mar se iluminaba no medio da noite grazas ao fenómeno da bioluminescencia que producen algúns dinoflaxelados como a Noctiluca scintillans. Pero o que está a acontecer nos últimos días na Costa da Morte, principalmente na ría de Corme e Laxe. En praias como Valarés, A Ermida ou Rebordelo, fotógrafos afeccionados están a achegarse aos areais durante a noite para contemplar o espectáculo. E están desfrutando moito.

O fotógrafo Drew Korme, que a comezos de xullo xa retratara a bioluminescencia na praia da Ermida de Corme, difundiu este luns un vídeo de case oito minutos de duración no que se observa en repetidas secuencias o mar de ardora. As imaxes, tomadas na noite do domingo 15 ao luns 16 de agosto, evidencian a intensidade que este efecto está a acadar neste verán na ría bergantiñá. E, como destaca Drew, mesmo aparecen ao tempo o mar de ardora e un dos meteoros das Perseidas (minuto 7.11 do vídeo). Tamén se percibe, no primeiro minuto do vídeo, un surfista cabalgando sobre as ondas brillantes. Con todo, a observación vese afectada pola contaminación luminosa de vilas como Laxe, o que impide un desfrute máis limpo do fenómeno.

Nestas semanas, segundo o fotógrafo, o mar de ardora é case que constante nas noites estivais da zona. “Leva dende o primeiro día que o vimos, salvo unha semana”. Alén das observacións dentro do esteiro de Corme e Laxe, avistouse tamén nas praias de Soesto ou Traba. As condicións do mar durante o día xa anticipaban a posible aparición da ardora, pois segundo destacou Drew, durante o día observouse na auga un ton avermellado en boa parte da ría de Corme e Laxe. Esta cor, como recolleu o ano pasado na ría de Vigo o investigador do IEO Francisco Rodríguez, evidencia unha alta presenza de organismos dinoflaxelados, como é a Noctiluca scintillans.

Para que apareza o mar de ardora teñen que darse unhas determinadas condicións no mar, pois a Noctiluca scintillans aliméntase de fitoplancto. Así, no verán con altas temperaturas e maior presenza de nutrientes, poden aumentar notablemente na costa galega. Esta situación estase a producir nestas semanas na citada zona da Costa da Morte. Atraídas polo boca a boca e as imaxes publicadas nas redes sociais, xa son varias as persoas que compartiron os retratos da ardentía nas redes:

 

Ver esta publicación en Instagram

 

Una publicación compartida de Dani (@sestelos)

 

Ver esta publicación en Instagram

 

Una publicación compartida de Adrian Carro Ramos (@carroadrian)

 

 

Ver esta publicación en Instagram

 

Una publicación compartida de drew (@drewkorme)

 

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.