Un ‘erro’ no sistema inmunitario, detrás de 1 de cada 5 mortes por Covid-19

Científicos do CSIC describen dous factores que complican a resposta de defensa fronte ao SARS-CoV-2, vinculados a unha maior gravidade da infección

É sabido, a partir da mera observación dos casos graves de Covid-19 desde o comezo da actual pandemia, que a enfermidade que causa o SARS-CoV-2 afecta principalmente a xente de idade avanzada, e que a letalidade da infección é notablemente maior en homes. Porén, a ciencia segue a traballar para desentrañar os mecanismos que están detrás destas observacións. Na pasada semana, a revista Science Immunology publicou dous artigos que afondaban nestas claves, vinculando unha maior gravidade da Covid-19 á mutacións xenéticas e a presenza de “autoanticorpos” que obstaculizan as estratexias de defensa do organismo contra o coronavirus.

O primeiro dos traballos, nos que participan investigadores do CSIC e varios hospitais españois, revela que a probabilidade de desenvolver anticorpos erróneos ou — autoanticorpos— que atacan ao propio sistema inmunitario aumenta coa idade e constitúe un factor de risco para desenvolver Covid-19 grave. A investigación determina que o 20% de pacientes de máis de 80 anos con Covid-19 grave desenvolven anticorpos contra o interferón de tipo I, un grupo de 17 proteínas cruciais para a protección das nosas células contra o SARS-CoV-2, o que provoca que o sistema inmunitario destes enfermos máis vulnerables teña menos capacidade de defensa fronte á infección. Os resultados poderían permitir que se identifique ás persoas con risco de sufrir unha infección grave e o desenvolvemento de tratamentos personalizados.

Publicidade

En traballos anteriores publicados na revista Science en 2020 polo mesmo grupo de científicos, que forman parte do consorcio internacional COVID Human Genetic Effort, observouse que existe un 10% de pacientes afectados de Covid-19 grave que teñen autoanticorpos neutralizantes capaces de anular a función do interferón e dificultar a defensa do organismo en caso de infección.

O novo estudo reforza este achado e amplíao, xa que mostra unha maior frecuencia de autoanticorpos en persoas de idade avanzada e achega evidencias de que estes autoanticorpos existían xa antes da infección. “En persoas que non padeceron Covid-19 obsérvase o mesmo patrón, é dicir, maior frecuencia de persoas con autoanticorpos nos grupos de maior idade”, explica Jordi Perez-Tur, investigador do Instituto de Biomedicina de Valencia (IBV-CSIC) e un dos autores do estudo xunto con Anna Planas, do Instituto de Investigacións Biomédicas de Barcelona (IIBB-CSIC).

Publicidade

“Coa idade increméntase o número de anticorpos ‘erróneos’ que bloquean a resposta inmune mediada pola vía do interferón de tipo I, polo que estes pacientes non poden facer fronte á infección por SARS-CoV-2. De feito, ter estes autoanticorpos podería ser un indicador de mal prognóstico fronte á covid”, engade Planas.

En concreto, os datos obtidos expoñen que en menores de 70 anos, entre un 0,17 % e un 1,1 % dos individuos teñen autoanticorpos e, en maiores de 70, atópanse entre un 1,4 % e un 4,4 %. As persoas de 80 e 85 anos presentan un incremento de ata un 4,2 % a 7,1 %.

Variacións no xene TLR7

A outra investigación, tamén publicada en Science Immunology, descríbese o achado de variacións xenéticas noutro xene relacionado co interferón, o xene TLR7, que podería contribuír a explicar a maior susceptibilidade dos homes á Covid-19 grave.

“TLR7 é unha molécula que tamén está implicada na vía da inmunidade innata pola que se induce a expresión de interferón en presenza de moléculas de ARN vírico. Dáse a circunstancia de que TLR7 localízase no cromosoma X, do que os homes dispoñen dunha soa copia. Dado que as mulleres presentan dúas copias do xene, e que as variantes atopadas son moi pouco frecuentes, se unha muller ten unha copia correcta e outra incorrecta poderá producir proteína que funcione adecuadamente e terá unha mellor resposta fronte á infección”, aclara Pérez-Tur.

O traballo identifica nunha poboación de 1.202 individuos homes a presenza de variantes xenéticas raras que conducen a unha deficiencia funcional de TLR7. Estas variantes atopáronse no 1,8% de pacientes menores de 60 anos con Covid-19 grave, pero non se acharon en ningunha das 331 persoas estudadas infectadas por SARS-CoV-2 que eran asintomáticas ou presentaban síntomas moi leves.

“Estes resultados súmanse a outros que mostran a importancia crítica da integridade da resposta do interferón de tipo-I para facer fronte á infección por SARS-CoV-2, e abre a vía ao desenvolvemento de terapias dirixidas á eliminación destes autoanticorpos ou de tratamentos con interferón tipo-I específicos contra a enfermidade”, conclúe Anna Planas.

“Vimos que estes estes erros xenéticos aparecen sobre todo en pacientes máis novos, de menos de 60 anos”, indica, pola súa parte, Pere Soler-Palacín, xefe da Unidade de Patoloxía Infecciosa e Inmunodeficiencias de Pediatría do Hospital Universitario Vall d’Hebron e do Grupo de Investigación de Infección no Paciente Pediátrico Inmunodeprimido do VHIR.

Ademais do IIBB-CSIC e o IBV-CSIC, participan neste proxecto o Hospital Clínic/IDIBAPS e o Hospital de Sant Pau de Barcelona. O traballo enmárcase no proxecto INMUNGEN- CoV2 do CSIC, financiado por doazóns recibidas polo CSIC, co obxectivo de identificar o risco individual a desenvolver formas graves de Covid-19, descubrindo as moléculas implicadas nela e, a partir deses achados, potenciais tratamentos.


Referencias:

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

O CSIC localiza na provincia da Coruña 180 posibles sitios arqueolóxicos

Grazas ás tarefas do Instituto de Ciencias do Patrimonio (INCIPIT), estes achados serán incluídos eventualmente no inventario arqueolóxico de Galicia

Pequenas modificacións químicas permiten inverter o xiro na secuencia do ADN

Unha investigación sobre o comportamento da molécula da vida podería axudar a entender a resposta das células canceríxenas ante o sistema inmune

Descubertas novas pinturas prehistóricas en Carballeda de Valdeorras

O conxunto está formado por tres formas de soles e unha posible silueta humana e podería estar datado na Idade do Bronce

Un mapa do ministerio contabiliza ata 5.400 verteduras legais nas augas galegas

Nas demarcacións hidrográficas de Galicia-Costa e Miño-Sil hai 4.088 puntos de orixe urbana e 1.304 que proveñen da industria