Doqui: novo asedio a un mamífero mariño na costa galega

A CEMMA fai un novo chamamento para evitar as interaccións cun lobo mariño cincento que percorre desde o ano pasado o litoral

Os mamíferos mariños están a ser protagonistas involuntarios neste verán no litoral galego. Despois de que as frecuentes interaccións humanas con Confi, tamén coñecido como Manoliño, un arroaz que habita nos últimos meses na ría de Muros e Noia, obrigasen a instalar carteis informativos de prevención en varias praias e peiraos, agora os problemas rodean a Doqui, unha femia de lobo mariño cincento (Halichoerus grypus) que desde fai máis dun ano está a ser avistado en varios puntos da costa.

Este luns, despois de varias chamadas á precaución nas últimas semanas, a Coordinadora para o Estudo dos Mamíferos Mariños (CEMMA), lanzou unha tallante mensaxe a través da súa páxina de Facebook: “Que pesada é esta xentiña, deixádeme descansar!”. A reacción debeuse á difusión dun vídeo no que se amosaba a un grupo de persoas que “acosaron a Doqui para que volvese ao mar na praia onde estaba descansando”. A mensaxe expoñía: “Non dubidamos da súa boa intención, pero é totalmente innecesario, non é un peixe, non é un golfiño. Pode baixar á praia ou rochas a descansar tranquilamente“, engadían desde a CEMMA. A publicación destacaba que foi precisa a “intervención policial” para solucionar os problemas causados por estas interaccións co lobo mariño.

Publicidade

O periplo de Doqui

Nas últimas semanas, cunha notable presenza de persoas nas costas galegas por mor do período vacacional, foron varios os encontros conflitivos con Doqui. O pasado 8 de agosto, a CEMMA xa advertía de que o lobo mariño “está nas Rías Baixas, quizais no peor momento do ano para que un animal salvaxe busque lugares tranquilos nesa costa“. Para evitar percances, insistían nas recomendacións de “ter respecto cara á súa presenza, deixarlle a máxima tranquilidade, non achegarse a ela, levar atados os cans e non divulgar a súa situación exacta para evitar un efecto chamada”.

Desde maio de 2020, Doqui está a percorrer a costa noroeste da península ibérica, e foi avistada no norte de Galicia e parte de Asturias. Lembra a CEMMA que “nestes 16 meses só foi necesario axudala nun día que comera un cogombro de mar que se lle resistiu”, segundo informaba a entidade o pasado 24 de xullo.

Publicidade

A femia foi avistada por primeira vez na zona de Mórdomo, na praia de Traba (Laxe) e posteriormente observouse en calas, furnas e areais do Golfo Ártabro. En xullo de 2020, a CEMMA xa advertía do risco das interaccións co animal: “Durante dous meses logramos manter a súa presenza da forma o máis discreta posible, aconsellando a quen nos avisaba de que non lle dese difusión para que poidese estar tranquila, pero nos últimos días con tanta xente na costa e véndoa, e publicándoo en redes sociais, esto xa é imposible”, comentaban desde a entidade.

Como adoita acontecer nestes casos, a CEMMA incide en que, ante calquera problema, pode contactase coa rede de varamentos da entidade no teléfono 686989008 ou chamando ao 112.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un potente anticiclón chega a Galicia: estamos ante a primeira onda de calor do ano?

As temperaturas poderán ser as máis altas rexistradas para esta época do ano entre finais da semana e comezos da próxima

Dos ventos do sur aos eucaliptos vellos: os factores tras o primeiro grande incendio da tempada en Galicia

A combinación de factores no lume de Herbón-Padrón, con 350 hectáreas queimadas, confirma unha mudanza nos patróns de propagación

Crista subtropical sobre Galicia: os modelos europeos anticipan temperaturas extremas

A chegada dunha masa de aire cálida traerá unhas anomalías positivas de 6ºC no litoral galego e ata 10ºC no interior

‘Mozarrón’ e ‘Pega’, as tartarugas que regresan ao mar tras chegar desnutridas ás costas galegas

A CEMMA devolve ao océano dous espécimes de 'Caretta caretta' despois dunha rehabilitación en augas de 18 a 20 graos