“Deixade en paz a Manoliño”: preocupa o acoso ao arroaz da ría de Muros e Noia

A CEMMA e os concellos da zona insisten nas recomendacións de evitar a interacción co animal, que ten feridas por mor do contacto dalgunhas persoas

Semella que as constantes interaccións do arroaz Manoliño (tamén coñecido como Confi) na ría de Muros e Noia están lonxe de achegarse a unha convivencia respectuosa entre o animal e as persoas que se achegan no verán aos areais da zona. Despois de que varios concellos insistisen nas últimas semanas chamando á precaución no contacto co arroaz, esta pasada fin de semana producíronse algúns episodios de acoso ao animal, segundo constataron persoas presentes na zona e confirman a GCiencia desde a Coordinadora para o Estudo dos Mamíferos Mariños (CEMMA).

Foi o caso da praia de Gaivotas, preto de Portosín (Porto do Son), onde algunhas persoas presenciaron como un importante número de xente se achegou a Manoliño, “tocándoo e agobiándoo”, mesmo intentando subirse sobre el. Tal e como levan meses advertindo entidades como a CEMMA e os propios concellos, é recomendable evitar a interacción co animal, que pesa arredor de 300 quilos. De feito, na propia praia de Gaivotas hai carteis avisando do risco das interaccións, pero non surtiron efecto a pasada fin de semana.

Publicidade

Sinais de feridas e insultos fronte ás chamadas á precaución

Como constata Alfredo López, da CEMMA, Manoliño presenta “varias feridas” na pel causadas polas unllas de persoas que entran en contacto con el. Ademais os responsables da entidade, que realizan un seguimento diario do mamífero mariño, observaron “un par de agresións máis importantes” con algún tipo de obxecto cortante.

A CEMMA chama á precaución co golfiño Manoliño, o arroaz ‘viral’

Fronte a isto, López lamenta a actitude dalgunhas das persoas que se achegan a abafar ao animal cando se lles advirte do risco deste tipo de accións. “Algún colaborador que nos ten chamado para avisarnos contounos que recibiu insultos cando lle dixo a algunha xente que non era recomendable ter ese comportamento co arroaz”.

Publicidade

Nesta situación, López apela ás autoridades competentes, nomeadamente a Garda Civil, para que tomen medidas fronte ao acoso ao golfiño, co obxectivo de evitar posibles incidentes.

Carteis de advertencia

Os concellos da parte interior da ría (Muros, Outes, Noia e Porto do Son), zonas polas que adoitan producirse as interaccións con Manoliño, colocaron carteis de información nas praias e portos, como se pode ver baixo estas liñas:

As pautas de actuación, de acordo ás recomendacións da CEMMA, insisten en “manter o mínimo contacto e a máxima indiferenza para non perturbar” o comportamento de Manoliño, evitando en todo caso meterse na auga ao seu carón e adoptando unha posición neutral e indiferente se se achega. Destacan especialmente os riscos de tocar zonas como o rostro ou o ventre, xa que pode provocar reaccións negativas. Nestas situacións, como xa insistía a CEMMA en avisos previos, “pode acontecer que se sinta rexeitado e que reaccione mal”. Xa se produciron a finais de maio algunhas situacións complicadas con mariscadores: Manoliño chegou a aprisionar o cóbado dun deles cos seus dentes. Alén disto, desde a CEMMA lembran que existe posibilidade de que estas a interaccións ocasionen o contaxio dalgunhas doenzas dérmicas ou pulmonares.

A orixe da situación actual de Manoliño, segundo a CEMMA, é un escenario que pode acontecer no desenvolvemento destes cetáceos. “Cando un arroaz ten tres anos, a súa nai déixao para comezar un novo ciclo reprodutivo”. É entón cando “marcha ou xúntase con outros da súa idade”. Mais, segundo a entidade, “o problema é se non acepta esa nova situación entón non quere irse, sendo expulsado violentamente da manda, e se non atopa iguais pasa ser solitario”.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Corridas de arroaces en Pontevedra: a histórica persecución dos cetáceos en Galicia

A recomendación de cazar a especie Tursiops truncatus remóntase séculos atrás e xa no XVIII o ilustrado Frei Martín Sarmiento defendía esta práctica

As candorcas entran por primeira vez na ría de Pontevedra

O biólogo Alfredo López confirma o avistamento de oito exemplares da especie 'Orcinus orca' na parte interior das illas de Ons

As candorcas volven a Galicia con menor interacción: mudou o seu comportamento?

O Grupo de Traballo Orca-Mariña e a CEMMA observa un descenso no reporte de incidencias entre o animal mariño e as embarcacións da península

As 11 recomendacións que debes pór en práctica se te atopas cun cetáceo

A causa dos actos negativos fronte á presenza do arroaz Confi na Enseada de Corcubión, a CEMMA lanza aos bañistas unha serie de recomendacións para mellorar o benestar destes animais