Un mar de ardora intenso ante un verán con temperaturas da auga récord

O fenómeno visual provocado por microalgas nas costas pode alterarse segundo os graos aos que estean sometidos

As temperaturas do mar este verán acadaron cifras récord. A situación é perigosa para o medio mariño, coas ondas de calor mariñas duplicando a súa frecuencia e duración desde 1982. As consecuencias xa son visibles, coa morte masiva de animais pola dificultade para adaptarse ás consecuencias, en parte naturais pero en gran medida provocadas e potenciadas polo ser humano. Pero entre as diversas e preocupantes afeccións ao medio mariño, hai unha certamente curiosa: o mar de ardora pode ser máis potente este ano nesas épocas de máis temperaturas.

As microalgas Noctiluca scintillans, por exemplo, son quizais as máis famosas das entre setenta e oitenta especies bioluminiscentes que hai en Galicia. De feito, a simple vista é imposible recoñecer que organismos poden causar o mar de ardora: require a súa análise a fondo.

Publicidade

Os dinoflaxelados non apareceron nas costas galegas nos últimos anos. Aínda que nos últimos anos colleu máis forza polo eco que fan as redes e a prensa deste proceso, os seus efectos son ben coñecidos para as persoas que viven nas vilas da zona. Con todo, este ano quizais tamén puideron ser visibles con máis forza, sobre todo ao comezo do verán cando a calor da costa era máis elevado. “As condicións de alta temperatura durante o verán son propicias para que haxa un maior volume de microalgas”, asegura Francisco Rodríguez, investigador do Instituto Español de Oceanografía (IEO) de Vigo.

Un mecanismo de defensa?

Malia a produción deste efecto, as consecuencias do aumento da temperatura nos mares é negativa, xa que se produce un desequilibrio no ecosistema mariño. De por si, Galicia xa conta cun ecosistema favorable para a aparición destes organismos. “Temos unhas augas moi produtivas”, asegura Rodríguez.

Publicidade

O funcionamento do mar de ardora baséase na aparición dos dinoflaxelados, xa que organismos bioluminiscentes hai moitos. “Desde bacterias ata invertebrados e peixes, pero é un fenómeno principalmente mariño”, destaca o experto, que aclara que os dinoflaxelados non son bacterias. “Son células eucariotas, como as nosas, pero son organismos unicelulares”, afirma. Rodríguez explica que as investigacións actuais apuntan a que podería ser un mecanismo de defensa fronte a depredadores. “Esta é unha das teorías máis aceptadas pero non o sabemos con exactitude”, recalca.

Nos últimos anos e especialmente este último verán, a aparición de vídeos nas redes con móbiles capaces de mostrar a beleza do fenómeno está provocando un efecto chamada. Non é algo negativo, sempre que se faga desde o respeto. “Como quen vai observar aves ou outros animais, é un fenómeno natural”, considera Rodríguez. Por iso, o investigador do IEO pide “sentido común” e comparte a necesidade de divulgar sobre estes espazos mariños como un espazo natural máis.

Os efectos da contaminación luminosa

O que si afecta e moito ao medio mariño é unha das contaminacións máis normalizadas e asimiladas: a luminosa. Isto afecta especialmente preto de cidades, pero tamén polas estradas e vilas costeiras que, en moitos casos, teñen un exceso de iluminación que ten consecuencias moi relevantes para as especies próximas ao mar. “Pode desorientar aves mariñas e alterar os ritmos dos organismos”, afirma.

Os desequilibrios que se provocan nos ecosistemas mariños non só se traducen en especies que poidan desaparecer. En ocasións, poden provocar problemas como os da costa de Cádiz da semana pasada. Unha alga asiática invasora, que tamén está presente nas costas galegas, está a causar problemas pola súa capacidade por multiplicarse centos de veces e a incapacidade das autoridades de poder acabar con ela. Por iso é tan importante preservar os equilibrios naturais: a perda dun só organismo pode desencadear problemas importantes.

Ademais, non só é a contaminación luminosa. Os ruídos tamén poden afectar e a contaminación dos mares tamén. A sociedade civil e moitos investigadores e institucións están involucrados na proposta de solucións. É o caso da Quitina, un proxecto pensado por catro rapazas de secundaria e unha profesora e que acabou na ONU no que planeaban como reducir a contaminación polos palillos plásticos das bateas. En moitos casos, unha das que provoca unha afección máis directa é a sobrepesca, coma no caso do esturión, un exemplo de extinción local. Exemplos do importante que é coidar as nosas costas.

1 comentario

  1. Encántame esta publicación, non só polas referencias científicas ás cales temos acceso na nosa lingua. É máis pola obxectividade e análise sistemática en cada tema, fóra artificio errado ou rimbonbancia, incluso o chauvinismo que atopas noutras publicacións de maior selo, como national geografic, moi teatralizada ultimamente, o science, claramente instrumento para o ingreso pecuniario

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

▪️ Galicia rexistrou a primavera máis seca dende 1990

O último informe de Meteogalicia indica que nos meses de marzo, abril e maio houbo un 46% menos de precipitacións do habitual para o período

Cinco motivos polos que a Unesco tumba a candidatura da Ribeira Sacra a Patrimonio da Humanidade

Un informe do Icomos sinala deficiencias na representatividade, na metodoloxía, no descenso demográfico e nos efectos das infraestruturas sobre o valor da paisaxe

A riqueza baixo os carballos: un estudo pioneiro con participación da USC revela a súa diversidade fúnxica

A investigación identifica 297 especies asociadas ás raíces destas árbores no norte peninsular e confirma a existencia de extensas redes biolóxicas

Un estudo da USC valida novos sistemas para eliminar contaminantes emerxentes nas augas residuais

A tese de Matías Rivadulla demostrou que algúns métodos innovadores permitiron eliminar máis do 90% dalgúns compostos farmacéuticos