Identifican catro baleas azuis nos últimos días na costa galega

Fai agora catro anos, a finais do verán de 2017, tivo lugar o notorio e celebrado retorno das baleas azuis (Balaenoptera musculus) ás costas de Galicia, despois de máis de tres decenios de ausencia, con avistamentos moi escasos. Estaban moi preto, case que ás portas dos esteiros, moi preto, por exemplo, do monte Louro. Non volveron faltar nesta época desde entón, e o que está a acontecer este último mes, en palabras das persoas que están a presenciar os seus movementos, é unha auténtica “explosión de vida” nas augas litorais. O Instituto para a Investigación dos Arroaces (BDRI, polas siglas en inglés) con base na vila do Grove, informou este xoves que nos últimos días se identificaron catro exemplares distintos destes xigantes do mar. Trátase, ademais, de exemplares novos, non avistados previamente, que salientan aínda máis a relevancia destes avistamentos.

A xeira de avistamentos comezou o pasado 8 de agosto, cando o BDRI anunciou a primeira localización dun exemplar no que ía de 2021. Tiña case 20 metros de lonxitude. As saídas deste verán enmárcanse dentro do proxecto Balaenatur, financiado pola Fundación Biodiversidad do Ministerio para la Transición Ecológica y el Reto Demográfico do Goberno español. Destacaban entón desde o BDRI que o regreso do gran mamífero á plataforma continental galega era “unha mostra da importancia da conservación da enorme biodiversidade mariña presente nestas augas”. As condicións oceanográficas, cunha gran productividade e presenza de alimento, como krill e plancton, incrementan o número de exemplares de cetáceos.

Publicidade

Con todo, o vivido a última semana está fascinando a quen o presencia. De “inolvidable” cualificaban desde o BDRI a xornada do pasado martes 31 de agosto. “A balea azul non estaba soa, xa que catro rorcuais comúns, centos de golfiños comúns, arroaces e varios grupos de marsopas tamén se alimentaban” na zona. Puideron observalos de preto os investigadores do BDRI nunha xornada de máis de 14 horas de navegación.

Por segundo día consecutivo, este mércores viviuse un intenso día de observación. Desta volta, o equipo do BDRI conseguiu identificar dúas novas baleas azuis, “xunto a seis rorcuais comúns e un rorcual alibranco”. Coas dúas azuis, xa son catro, por tanto, os exemplares identificados en poucos días. Desde o centro avanzan que “en canto revisemos os catálogos, iremos informando de quen nos veu a visitar de novo”.

Publicidade

 

Ver esta publicación en Instagram

 

Una publicación compartida de BDRI (@thebdri)

Os avistamentos están contribuíndo, deste xeito, a aplicar os obxectivos de Balaenatur, co que se procuran novos datos sobre a ecoloxía das especies de grandes rorcuais, un aspecto esencial para o deseño de posibles plans de recuperación destes animais, e que poida servir de base na toma de decisións para a conservación das baleas nas augas galegas.

As saídas e investigacións realizadas en 2020 ao abeiro de Balaenatur, co avistamento de máis dunha vintena de baleas azuis, preto de 200 baleas comúns (Balaenoptera physalus) e outras especies de gran relevancia, como o rorcual alibranco (Balaenoptera acutorostrata).

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Cen anos d’O Mariscal, a obra teatral que pintou a Pardo de Cela como símbolo das liberdades galegas

A Real Academia Galega celebrará un acto conmemorativo de entrada libre o xoves 15 ás 16:30 horas no Museo de Ramón Cabanillas, en Cambados

Galicia avalía a realidade virtual como alternativa para tratar as fobias específicas

Un informe de Avalia-t analiza a súa eficacia fronte a outros modos de terapia de exposición, o tratamento recomendado polas Guías de Práctica Clínica

Dun rosco de palabras a localizar o teu concello: coñece a nova plataforma de pasatempos en galego

A páxina web Ludogal ofrece catro xogos en liña gratuítos de vocabulario e xeografía para promover o uso do galego

Do Café Moderno de Pontevedra aos ‘Seis poemas galegos’: esta é a Galicia de Lorca

O poeta granadino visitou dúas veces a cidade, mantivo vínculos con destacados intelectuais e deixou unha fonda pegada na cultura, a paisaxe e a lingua