Balaenatur: un proxecto para coñecer mellor a balea azul en Galicia

O BDRI do Grove e a Fundación Biodiversidad impulsan un proxecto que estudará ata 2021 o paso dos grandes rorcuais polo noroeste da península

Balea azul avistada en 2017 nas costas de Galicia. Imaxe: BDRI.
Balea azul avistada en 2017 nas costas de Galicia. Imaxe: BDRI.

As boas novas dos últimos anos en Galicia en forma de avistamentos de grandes rorcuais, como a admirada balea azul (Balaenoptera musculus), terán maior seguimento científico durante 2020 grazas ao pulo do proxecto Balaenatur, un programa para o seguimento do rorcual azul dentro da rede Natura 2000, e que conta co impulso do Bottlenose Dolphin Research Institute (BDRI) do Grove, e co apoio da Fundación Biodiversidade do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico. O proxecto preséntase este venres na Facultade de Bioloxía de Santiago de Compostela ás 19 horas.

Publicidade

Balaenatur procurará novos datos sobre a ecoloxía das grandes especies de rorcuais, como o azul, pero tamén outros documentados nas costas de Galicia, como a balea común (Balaenoptera physalus), rorcual alibranco (Balaenoptera acutorostrata), a balea xibarte (Megaptera novaeangliae) e o rorcual boreal (Balaenoptera borealis). A través de saídas en barco pola plataforma continental, o grupo “levará a cabo un seguimento destas especies en relación coas súas pautas migratorias, distribución e comportamento dentro da plataforma continental galega e en particular no interior de zonas da Rede Natura 2000”, explican desde o BDRI.

Os resultados do proxecto achegarán información ata o de agora inexistente sobre a bioloxía das baleas no noso territorio esencial para o desenvolvemento do futuro plan de recuperación destes animais, que poida servir de base na toma de decisións para a conservación das baleas nas augas galegas. O equipo do BDRI levará a cabo a través de Balaenatur unha mostraxe sistemática que permitirá un seguimento das principais especies de baleas que visitan esta costa para poder dar resposta á gran gama de interrogantes que aínda existen sobre estes mamíferos, os máis grandes do mundo.

“Galicia é a envexa de medio mundo coas baleas azuis”

Alén disto, os resultados tamén contribuirán a coñecer mellor “o impacto do cambio climático na cadea trófica mariña, xa que a alimentación das baleas está ligada ao krill do norte presente en Galicia por fenómenos de afloramento costeiro que á súa vez están condicionados polo clima”.

Ademais da crise climática, desde o BDRI poñen o acento no risco que poden supoñer “a interacción con pesqueiras, a sobrepesca, a acuicultura, as verteduras de petróleo, a contaminación, os efectos do ruído derivado do tráfico marítimo, as prospeccións petrolíferas e de gas, a actividade militar e o turismo” para a conservación destes hábitats.

Segundo salienta o instituto do Grove, Balaenatur acadou a máxima valoración (90 puntos de 100) de todas as solicitudes presentadas na convocatoria de concesión de axudas da Fundación Biodiversidade, en réxime de concorrencia competitiva, para a conservación da biodiversidade mariña en España en 2019.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.