Xoves 28 Marzo 2024

Trinta baleas azuis achegáronse ás costas galegas no 2020

Os resultados do proxecto de investigación Balaenatur constata a recuperación dos grandes cetáceos, co maior número de avistamentos en 40 anos

Máis de 35 anos despois de que a explotación baleeira de Caneliñas, en Cee, acollese o último de exemplar de rorcual común cazado en Europa, en outubro de 1985, as baleas volven nadar preto das costas galegas. Se durante o século XX case se chegou ao exterminio dos mamíferos máis grandes do mundo, a segunda década do século XXI marcou a reaparición de varias especies de cetáceos. Así o constatan os resultados do proxecto científico Balaenatur, impulsado polo instituto BDRI, con base no Grove, e apoiado pola Fundación Biodiversidad, desenvolvido durante 2020, e do que fixo balance este xoves o director do BDRI, Bruno Díaz.

Despois deses máis de tres decenios, segundo explicaba López, o 2017 marcou un antes e un despois. A aparición dos primeiros exemplares de baleas azuis (Balaenoptera musculus) xeraron un grande interese na comunidade científica. Xunto a elas avistáronse decenas de baleas doutras especies nese mesmo ano, e 2018 e 2019 confirmou a visita de rorcuais comúns (Balaenoptera physalus), alibrancos (Balaenoptera acutorostrata), xibardos (Megaptera novaeangliae) e rorcuais boreais (Balaenoptera borealis). Para dar resposta as claves deste achegamento, o BDRI impulsou o proxecto Balaenatur, apoiado pola Fundación Biodiversidad, do Ministerio para a Transición Ecolóxica. E os resultados obtidos son “esperanzadores”, segundo Bruno Díaz.

Publicidade

 

A pesar das restricións marcadas pola pandemia, o equipo do BDRI realizou durante 2020 43 días de expedición, que sumaron case 400 horas no mar e 4.500 quilómetros percorridos nas Rías Baixas, entre a parte exterior da ría de Muros e Noia e a Ría de Vigo. E este ano confirmou, como xa avanzaban os anteriores, a visita frecuente dos grandes cetáceos ao litoral do noroeste da península ibérica.

Case 500 avistamentos de cetáceos

Os resultados de Balaenatur apuntan cara á estacionalidade das visitas dos grandes cetáceos, nomeadamente as baleas azuis, ás costas galegas. “Sobre todo a finais do verán e comezos de outono danse as condicións para a súa presenza”, explicou Díaz.

Pero o número de cetáceos no seu conxunto foi moito maior. En total realizáronse 439 avistamentos, dos que 99 foron de baleas, en solitario ou en grupo, xa que en total identificáronse ata 235 exemplares. Outros 394 foron mamíferos de menor tamaño, como arroaces (Tursiops truncatus), toniñas (Phocoena phocoena) ou arroaces botos (Grampus griseus).

En canto ás baleas azuis, o animal vivo máis grande do mundo, e que centra unha parte importante do pulo ao proxecto Balaenatur, chegáronse a observar 30 exemplares, en agrupamentos de ata cinco individuos, e que nalgún caso nadaban xunto a outras especies como o rorcual común. O tamaño oscilou entre os 14 e os 20 metros.

Foto-identificación

Outro dos resultados salientables do proxecto foi a identificación de individuos de baleas azuis que, despois de visitar as costas galegas en 2018 e 2019, regresaron en 2020 á zona. As fotografías realizadas ao corpo dos cetáceos, que teñen un patrón de manchas único en cada individuo, permitiu realizar este achado. Refórzase así a existencia dunha ruta migratoria de baleas azuis e rorcuais comúns entre o arquipélago das illas Azores e Galicia.

Confirman a ruta migratoria das baleas dos Azores a Galicia

Alén das baleas azuis, as saídas de Balaenatur observaron 186 exemplares de rorcuais comúns en 61 avistamentos e 19 exemplares de rorcuais alibrancos en 18 observacións.

Claves para o futuro

Deste xeito, Balaenatur achega novas respostas para coñecer a ecoloxía e o comportamento dos grandes cetáceos nas costas de Galicia. “Se están aquí temos que coñecer como e por que, para xestionar as actividades humanas e garantir a conservación das especies”, expuxo Bruno Díaz. Destacou a coñecida produtividade da costa galega como zona de afloramento costeiro, con moita alimentación dispoñible para estes animais en forma do krill.

Tal e como lembrou o director do BDRI, o espazo de estudo abrangue unha superficie de 2.500 quilómetros cadrados nas que hai zonas de especial protección de aves (ZEPA), lugares de interese comunitario (LIC), Rede Natura e o Parque Nacional das Illas Atlánticas. “Toda a zona ten un elevado potencial e valor pola presenza detas especies, polo que debería abordarse establecer novas zonas de especial conservación do medio mariño ou de interese comunitario”, engadiu Díaz.

Ademais, dada a presenza de buques na zona durante o verán, expón a posibilidade de que se realicen avisos a navegantes nos períodos de maior densidade de baleas.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

A rede ambiental máis grande do mundo declara as rías galegas como área importante de mamíferos mariños

A IUCN destaca o valor da poboación dos cetáceos que viven nas costas de Galicia, especialmente dos golfiños

En que zonas das Rías Baixas hai plásticos flotantes? Este mapa ten a resposta

Un equipo do Grove leva dende 2016 realizando mostraxes na ría de Arousa e nas súas augas circundantes para estudar o lixo mariño en superficie

Queres adoptar un golfiño da ría de Arousa? Así podes facelo

O Bottlenose Dolphin Research Institute BDRI, con sede no Grove, ofrece a posibilidade de apadriñar un exemplar dos 40 que están estudando

As candorcas volverán esta semana a Galicia

Os expertos confirman o avistamento de 'Orcinus orca' á altura de Braga, polo que se prevé a súa entrada nas Rías Baixas nos próximos días