O que aconteceu a finais do verán e comezos de outono de 2017 nas augas da costa de Galicia deixou coa boca aberta a científicos e coñecedores do medio mariño. Despois de moitos anos, a admirada balea azul (Balaenoptera musculus) aparecía de novo a moi poucas millas do litoral. Viña acompañada dunha ‘explosión’ de biodiversidade, na que tamén se deixaron ver un bo número de xibardos, ou baleas chepudas (Megaptera novaeangliae), rorcuais comúns (Balaenoptera physalus), rorcuais boreais (Balaenoptera borealis) e rorcuais de ás brancas (Balaenoptera acutorostrata). E agora, cos datos recollidos naquelas saídas, o Instituto para a Investigación do Delfín Mular do Grove (BDRI, en inglés) acaba de confirmar a existencia dunha ruta migratoria entre o arquipélago dos Azores e as costas galegas.
Así o confirma o director do instituto, Bruno Díaz. “Entre finais da primavera e comezos de verán de 2017 identificárase nos Azores unha balea azul, e a través dos rexistros fotográficos puidemos ver despois que o mesmo exemplar foi o que nós avistamos nas costas galegas a finais de verán e comezos de outono”, explica Díaz.
Podería ser unha casualidade, pero pouco despois viuse que non fora o único gran cetáceo que seguira esa ruta. “Vimos que había un rorcual común, que ademais era fácil de detectar porque tiña vitilixe, que seguira o mesmo camiño”, engade o director do BDRI. “Son dúas especies distintas, con distintas necesidades de alimentación e comportamento, polo que esta viaxe parece ser habitual”.
A viaxe tivo que ser bastante directa, debido ao breve lapso de tempo entre os dous avistamentos e a distancia entre os Azores e Galicia (máis de 1.500 quilómetros en liña recta). Queda por saber, aclara Díaz, “se esta ruta foi anual ou forma parte dunha ruta migratoria regular das baleas”.
Máis baleas azuis este ano?
Despois dos avistamentos de 2017, durante o pasado ano rexistráronse novos exemplares de Balaenoptera musculus moi preto da costa de Galicia, mesmo en datas máis temperás. “Avistáronse antes, e xa a finais de xullo vimos unha cría de seis meses, pero tamén é certo que realizamos máis saídas, e son precisos máis estudos antes de confirmar que haxa algún patrón novo nesta presenza”, aclara Bruno Díaz.
As boas novas dos dous últimos anos levan a pensar que en 2019 se vexan outra vez estes xigantes do mar preto de nós. Hai estudos, segundo explica Díaz, que apuntan a que as baleas se desprazan baseándose na súa memoria; é dicir: máis que por criterios oceanográficos, son quen de regresar aos lugares donde atoparon máis alimento e facilidades.