Ao investigaren en varios ríos de Madrid e Toledo a presenza de contaminantes emerxentes, (como, por exemplo os fármacos antidepresivos) para clasificalos en base ao seu risco e perigo ambiental, un grupo de científicos de varias institucións españolas viu que algunhas drogas e un grupo importante de psicofármacos, amplamente consumidos pola poboación, “eran moi refractarios á súa eliminación nas depuradoras“, explica Yolanda Valcárcel, investigadora da Universidad Rey Juan Carlos de Madrid.
A presenza destes fármacos na auga fluvial levou a estes investigadores para coñecer cal é a súa concentración en auga mariña e en especies altamente expostas ás mesmas, como poden ser moluscos bivalvos e peces. Neste sentido, a experiencia previa en Galicia do grupo de Investigación TAyER, da doutora Valcárcel, da Universidad Rey Juan Carlos, permitiu realizar este estudo centrándose nas rías de Muros e Noia, Arousa e Pontevedra, debido á gran produtividade dos esteiros en canto a peixes e mariscos. Unha área de investigación na que os datos respecto diso aínda son poucos e, nalgúns casos, sen apenas precedentes.
“As maiores concentracións nunca rexistradas” nalgúns antidepresivos
Para analizar os posibles contaminantes emerxentes nestas rías galegas, os autores do traballo tiveron en conta 16 fármacos psicoactivos e 19 tipos de drogas ilícitas. E a presenza destas substancias foi notable. Detectáronse 14 dos 16 fármacos e 9 das 19 drogas que se buscaban en polo menos una das mostras tomadas en xullo de 2015 en 22 puntos destas tres Rías Baixas. Ademais, o estudo, publicado en Chemosphere, recolle que en cinco dos fármacos (alprazolam, oxazepam, citalopram, sertralina e venlafaxina) e dúas drogas (benzoylecgonina, o metabolito da cocaína, e EDDP, metabolito da metadona) medíronse “as maiores concentracións nunca rexistradas” en augas costeiras.
Entre os antidepresivos, o que se atopou en maiores niveis (ata 291 nanogramos por litro, aparecendo no 59% das mostras) foi a venlafaxina, un fármaco que aumenta os niveis de serotonina e noradrenalina para combater a depresión, e que se vende habitualmente con nomes comerciais como Zarelis ou Vandral.
Ademais da venlafaxina, as concentracións de citalopram, sertralina e o metabolito da metadona chegan a cifras que “potencialmente poden causar efectos crónicos nos organismos expostos“, indica o traballo, polo que se recomenda continuar co seguimento destes niveis na zona.

Efectos
“De momento non podemos determinar efectos crónicos. Si atopamos concentracións baixas en organismos das rías, de elevado consumo humano, pero o seu efecto sobre eses organismos, medido a través de diferentes factores non está todo claro; de momento só vimos a súa presenza”, aclara Yolanda Valcárcel.
Con todo, no artigo recoméndase tamén medir “os efectos potenciais da presenza destes compostos nas Rías Baixas”, debido á importancia económica do sector marisqueiro, así como as súas “potenciais repercusións” na saúde humana debido ao consumo destes produtos.
De feito, este mesmo equipo xa traballa en novos estudos sobre organismos “especialmente expostos”, subliña Valcárcel, como os mexillóns ou as navallas, que son filtradores e por iso acumulan unha maior cantidade das substancias presentes na auga. Estas novas investigacións ofrecerán datos máis concretos sobre a posible bioconcentración e acumulación e, con eles, os posibles efectos. O traballo, se o financiamento o permite, estenderase tamén a peixes, con estudos que serán “máis complexos e máis longos”, aclara a investigadora.
Referencias: Psychoactive pharmaceuticals and illicit drugs in coastal waters of North-Western Spain: Environmental exposure and risk assessment (Publicado en Chemosphere).
Como indicaba no anterior comentario, e indo xa aos resultados do estudo, facer as seguintes observación:
1. O traballo presenta incógnitas non aclaradas, en especial cando se pretende sacar conclusións contundentes, como as anunciadas no titular. Se fosen augas de río, non sería raro que aparecesen residuos de fármacos nun ríl si, pero noutro non. Pero sendo augas mariñas, e por tanto cercanas unhas a outras, chama a atención que aparezan trazas nunha zona, absolutamente ningún composto noutras, e incluso sendo da mesma ria. Tal vez o feito xa indicado de que so se tomara 1 mostra en cada localización explique o asunto, e ao tempo debería levar a ser prudente antes de extraer conclusións.
2. Dado que os fármacos proceden da actividade humana, sería razonable que as maiores concentración se desen nas augas máis cercanas á costa e incluso nas localizacións máis interior das rías. Pero soprendentemente non é así: na ría de Pontevedra os valores en Placeres (fondo de ría), son inferiores aos de Bueu, que é zona xa aberta.
3. Chama a atención que quitando a mostra (1 soa) de Rianxo e a mostra (1 soa) de Porto do Son, a táboa queda practicamente baleira, ou o que é o meso, os resultados das trazas de fáramcos son practicamente irrelevantes, e iso que xa na taboa se eliminaron 9 das 22 localizacións onde non se atopou nada de nada.
4. Xa pasando a outro plano de crítica, indicar que o zolpidem (ZOLP) e a hidroxizina (HDXZ), que figuran na táboa exposta como “antidepresivos” non o son, é un erro claro. O zolpidem é un hipnótico-sedante e a hidroxizina é un antihistamínico. E un error de similar entidade ocorre na explicación das siglas a pé táboa, onde figura a carbamazepina (CBZ) entre as benzodiazepinas, un erro flagrante, pois é un fármaco anticonvulsivo usado en epilepsias. Realmente sorprende que analizando fármacos, non revisara o traballo ningunha persoa competente na materia, ben con titulación de Farmacia ou de Medicina.
5. En conxunto, creo que o traballo ten unha consistencia insuficiente como para que GCIENCIA o reseñe como algo de interese.
A ver, vaia o meu respecto por GCiencia e o seu esforzo por divulgar noticias científicas en galego, pero…
Empezo polo titular:
1. “Altos niveis”. Cais son os niveis normais? Supoño que non existe Norma algunha, polo que calificar de “altos” é unha designación alarmista.
2. “Auga das rías Baixas”. É unha xeneralización non xustificable. Polos datos que se poden ver, trátase dunha soa ría (a de Muros-Noia) e tal vez na de Arousa..
3. “Antidepresivos”. Polo que se ve na táboa, os supostos altos niveis (inferiores a 1 microgramo/L) refírense unicamente, a un único antidepresivos, a venlafaxina.
4. Por último,e a expensas dunha análise máis completados datos achegados na táboa (que farei para a semana), apuntar que as análisis foron feitas a partir dunha única mostra en cada localización.
Á vista destas consideración, creo que sería prudente rectificar o titular.
Un saúdo cordial