O equipo ChromChem realiza análises periódicas nas augas residuais de Santiago. Fonte: USC.

Así se detectan as drogas nas augas residuais de Galicia

Ao contrario do que pasa coas drogas legais, como o tabaco ou o alcol, a clandestinidade na que se moven substancias ilegais (cannabis, cocaína ou as drogas de síntese, como o MDMA) fai moi difícil cuantificar o seu consumo. Alén das enquisas – con inevitables sesgos – e os rexistros médicos, é preciso dispor de máis datos científicos que poidan estimar as cifras dun importante problema de saúde pública e tamén de crime organizado. Non en tanto, en Galicia hai un grupo que explora un camiño pioneiro: a análise da augas residuais. Polos sumidoiros vai todo o que cae polo váter, e as drogas tamén.

Desde hai máis de 10 anos, investigadores do grupo de investigación ChromChem (Cromatografia e Quimiometría) do departamento de Química Analítica da Universidade de Santiago de Compostela traballan nunha liña que levaba tempo desenvolvéndose noutros países de Europa: a coñecida como WBE (siglas en inglés de “Epidemioloxía de Augas Residuais”): medir os metabolitos (as substancias que o corpo humano transforma a partir das drogas) e outros compostos químicos que aparecen nas augas que chegan ás depuradoras, co fin de coñecer a exposición humana a estes elementos. Ao contrario que nas enquisas sobre drogas, a análise non ofrece un perfil sociodemográfico do consumidor, pero si se poden establecer patróns temporais e locais de cada droga. “As augas residuais non minten”, adoitan dicir os membros do equipo.

Grupo de Cromatografía e Quimiometría da USC.
Grupo de Cromatografía e Quimiometría da USC.

Ao abeiro da tese de Iria González Mariño, o equipo coordinado por José Benito Quintana comezou a facer campañas de mostraxe na depuradora do Sar, en Santiago, na procura de trazas de cannabis, cocaína, éxtase ou alcol, pero tamén dos chamados contaminantes emerxentes, relacionados na súa maior parte con produtos cosméticos e de hixiene persoal. O seu método recibiu o recoñecemento da Real Academia Galega de Ciencias en 2013, que xa viña participando nun grupo europeo para poñer en común todos os proxectos que facían este traballo. En 2017 constituíse ESAR-NET, a rede nacional, que coordina a USC.

O método das augas residuais

En varios períodos ao longo do ano, o equipo de Química Analítica recolle mostras representativas nas augas da depuradora compostelá que reporta ao Observatorio Europeo das Drogas e Toxicomannías (EMCDDA) e cuxos datos son públicos. “Poderían medirse máis lugares, pero os medios son os que son”, explica José Benito Quintana. As mostraxes recóllense para poder calcular as variacións segundo os días da semana, un aspecto moi relevante na investigación.

A auga recollida lévase ata o Instituto de Investigación e Análises Alimentarias, no campus sur da USC. Fíltrase e mediante diversos procesos de extracción, auméntase a concentración das substancias que se buscan. A continuación, mediante un cromatógrafo de líquidos con espectrografía de masas, detállase a presenza de cada un dos compostos.

Esquema do método para detectar drogas en augas residuais. Fonte: Esarnet.

Os resultados

Non é certo que en Santiago se consuma máis cocaína ca noutros lugares, como ás veces se di”, expón Quintana. “A presenza de cocaína por habitante e día é alta, pero como noutras zonas de España, do mesmo xeito que en Escandinavia se atopan máis drogas de deseño”. Por exemplo, a presenza do metabolito da cocaína é 20 veces menor, por exemplo, ca o do ibuprofeno; “a cantidade non é pouca, tendo en conta que o ibuprofeno consúmese moito”. E varía tamén segundo os días: “Como era de esperar, atopamos máis alcol e cocaína nas mostras tomadas nas fins de semana“. Unha segmentación que se pode estender a eventos concretos, como grandes festas patronais ou concertos.

Nas últimas análises que se fixeron públicas, as de 2017, houbo datos curiosos en Santiago. “Atopamos máis presenza do metabolito da cocaína, algo que parece confirmarse en 2018, pero non podemos concluír se é debido a que máis xente a consumiu, ou a que droga que se consumiu é máis pura”. Ademais este aumento tamén se observou na maioría das augas residuais europeas.

Non só hai cocaína no Támesis: tamén chega aos ríos de Galicia

Unha ferramenta na loita contra o crime

Santiago é a única cidade galega e unha das poucas españolas na que se analizan as augas residuais para buscar restos de drogas e outros contaminantes emerxentes, como os ftalatos. “Os recursos son os que son, e estaría ben estender a análise a outras cidades, pero por agora non é posible”, lamenta José Benito Quintana. Desde a rede reclaman máis apoio das autoridades sanitarias e as administracións para poder ofrecer máis axuda no problema. “Temos que ter máis visibilidade”, conclúe Quintana.

Os datos extraídos das augas residuais poden axudar tamén na loita contra as drogas, como xa se está facendo noutras partes de Europa. Ademais, en Finlandia, Australia ou Cataluña, os equipos de análise xa teñen convenios coas autoridades policiais para explorar o consumo e a produción de drogas ilegais: “Por exemplo, no caso das drogas de deseño poden atoparse precursores de síntese, que poden dar pistas ás autoridades sobre os compostos que se usan para fabricalas e os lugares onde se está producindo a droga”, explica o investigador da USC.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.