A noticia percorreu as redes a comezos de 2019: estase a tomar tanta cocaína en Londres que, ao parecer, as anguías que viven no Támesis estanse volvendo hiperactivas ao recibir os restos da droga que chega polos sumidoiros. Mais non é así, porque son estudos distintos: un deles, do King’s College, subliña a cantidade de droga que hai no río londinense; e por outra banda, un equipo de científicos italianos comprobou que, ao ubicar ás anguías nunhas augas con altas concentracións de cocaína, había cambios notables no sistema locomotor e nervioso dos animais. Pero non houbo ningunha proba directa sobre as anguías do Támesis.
Con todo, a conclusión de ambos traballos é que o elevado consumo de drogas segue sendo un serio problema de saúde pública. Algúns estudos a gran escala, como o Global Drug Survey, dan conta da magnitude do problema: comprobouse que en Londres ou Glasgow tárdase menos tempo en conseguir cocaína que en recibir un pedido de pizza.
A droga nos ríos galegos
A nivel galego, varios traballos dan conta de que as drogas acaban tamén nos ríos do país, e iso pode medirse. Un deles foi premiado en 2013 pola Real Academia Galega de Ciencias e pola Sociedade de Toxicoloxía e Química Ambiental (SETAC), xa que propoñía un método de análise para atopar as substancias ilegais e os seus metabolitos nas augas residuais de Galicia, e estimar así as cifras de consumo na poboación.
O traballo foi realizado polo Instituto de Investigación e Análises Alimentarios (IIAA) do Laboratorio de Química Analítica da USC. Foi un dos primeiros resultados dunha investigación que comezou hai máis de 10 anos e continúa hoxe en día, xa que os científicos composteláns lideran a Rede Española de Análise de Augas Residuais con fins Epidemiolóxicos, que á súa vez se enmarca nun proxecto comunitario que estuda os restos de substancias ilegais que chegan aos sumidoiros. Cada ano tómanse mostras durante varias semanas do ano para ver as tendencias neste senso.
Naquel estudo tomáronse mostras durante todos os días de dúas semanas, unha de marzo de 2011 e outra de abril de 2012. E ao estudalas, viuse que as substancias en maior concentración atopadas nas augas residuais eran “a benzoilecgonina (metabolito da cocaína), a propia cocaína e o produto de consumo da mesma con alcol (cocaetilento), seguidas do metabolito do consumo de cannabis (carboxi-THC) e do principal compoñente do éxtase (MDMA), ademais da metadona e o seu metabolito (EDDP) debido ao seu uso coma substitutos en tratamentos de desintoxicación”.
Os patróns de presenza destas substancias reflectían que no caso da cocaína e o éxtase, a súa presenza era maior nas fins de semana, mentres que o cannabis aparecía de forma máis repartida durante todos os días. O método permitía tamén estimar o consumo: a droga máis consumida era o cannabis, con entre 40 e 240 doses/día por cada 1000 habitantes, seguida da cocaína (entre 2,3-9,1 doses/día por 1000 habitantes) e por último o éxtase (0,02-0,16 doses/día por 1000 habitantes).
Fármacos, produtos de cosmética, etc.
Anos antes, en 2008, o mesmo equipo xa analizara o problema dos contaminantes emerxentes, que non son só drogas ilegais, senón tamén fármacos ou produtos cosméticos, repelentes de insectos ou herbicidas, entre outros. En estudos realizados na bacía dos ríos Mero ou Anllóns, atopáronse concentracións significativas de ibuprofeno, naproxeno, acido salicílico ou filtros de raios ultravioleta, usados para as cremas de protección solar.
Outro estudo realizado en 2016 pola Estación Hidrobiolóxica Encoro do Con da USC, a Universidade da Coruña e a UNED atopou tamén elevadas doses de ibuprofeno, produtos cosméticos e droga nas augas dos ríos Con, Louro e Sar, afectados por contaminación e con notables eivas de depuración.
Recentemente, noutro traballo publicado na revista Chemosphere, outra investigación tomou mostraxes nas rías de Pontevedra, Arousa e Muros e Noia, atopando tamén altos niveis de antidepresivos como a venlafaxina.
Un estudo pioneiro atopa altos niveis de antidepresivos na auga das Rías Baixas