Martes 16 Abril 2024

Un programa axuda a persoas con trastornos mentais a recoñecer emocións na voz

Investigadores galegos deseñan un software para axudar á comunicación de afectados por esquizofrenia e trastornos esquizo-afectivos

Algúns dos problemas de socialización que afrontan as persoas con trastornos mentais gardan relación coa dificultade para intepretar as expresións faciais, a linguaxe corporal ou o ton de voz. Nas conversas cotiás, a interpretación correcta destes xestos é clave para unha comunicación correcta. Para superar este obstáculo, un equipo de científicos galegos desenvolveu o programa “Voices“, unha ferramenta que axuda a mellorar o recoñecemento das emocións no ton de voz en persoas con determinados trastornos mentais.

Os resultados dun ensaio clínico sobre este software acaban de ser presentados nun artigo que publica a revista PlosOne. O estudo realizouse en medio cento de pacientes diagnosticados de esquizofrenia ou de trastorno esquizo-afectivo. Á metade do grupo da mostra aplicóuselle o programa “Voices” e á outra metade os programas de rehabilitación convencionais para a súa patoloxía. Os resultados mostran que o grupo de persoas expostos ao novo software presentaron mellores puntuacións nos tests de recoñecemento emocional aplicados posteriormente, fronte ás persoas que seguiron os protocolos de tratamento convencionais.

Publicidade

As persoas que participaron no estudo procedían do Hospital de Día dos servizos de Psiquiatría dos complexos hospitalarios universitarios de Vigo, Ourense e Ferrol, da residencia Ceboliño de Ourense e dos centros de rehabilitación psicosocial de APEM Carballo e da asociación Afaes Porta Nova de Narón.

Segundo subliña María Lado, investigadora da Facultade de Medicina da USC e psiquiatra do Hospital Universitario de Donostia, as dificultades para recoñecer emocións nas persoas afectadas por esquizofrenia ou autismo, “supoñen unha peor integración social coa contorna”, o que pode incidir nun agravamento das doenzas.

“Voices” para interpretar emocións

Para afrontalo, o equipo de investigadores galegos creou o programa ‘Voices’ dispoñible na páxina web www.e-motionaltraining.com. Na páxina “encontramos diversos xogos autoaplicados, atractivos e actualizados centrados en traballar as emocións mediante a obtención de puntuacións e, de forma paralela, mellorar o recoñecemento emocional e as habilidades sociais”, especifica María Lado. Moitos destes xogos foron probados como eficaces polo grupo de investigación dirixido polo doutor Alexandre García Caballero noutras publicacións científicas previas.

Portada da páxina .e-motionaltraining.com, onde se pode acceder ao programa "Voices".
Portada da páxina .e-motionaltraining.com, onde se pode acceder ao programa “Voices”.

Os resultados do ensaio suxiren que “a rehabilitación é posible e que o programa ‘Voices’ é útil para alcanzar este obxectivo”. Ao mesmo tempo puntualiza que “polo momento non coñecemos a estabilidade no tempo da melloría percibida, nin podemos dicir que supoña unha mellora directa no recoñecemento emocional na vida diaria destas persoas, obxectivo último de toda rehabilitación”. Actualmente, “seguimos traballando no deseño de novas programas para alcanzar os obxectivos propostos”.

‘Voices’ adopta a forma dun xogo onde se escoitan diferentes frases gravadas por actores e actrices profesionais nas que se poden detectar diferentes tons de voz e onde os usuarios teñen que elixir cal é o correcto entre varias opcións. Existen oito sesións diferentes, dúas por semana, representando distintos graos de dificultade progresiva. Tras cada sesión, obtéñense unha serie de puntos segundo os acertos producidos durante o xogo. Actualmente a páxina web de rehabilitación, desenvolvida co financiamento do Sergas, xa chegou a máis de mil usuarios en máis de 50 centros de oito comunidades autónomas diferentes.

O artigo publicado en PLOS ONE asínano María Lado Codesido, Raimundo Mateos e Alejandro García Caballero, da USC; Cristina Méndez Pérez, do Complexo Hospitalario Universitario de Vigo; e José Manuel Olivares, do Centro de Investigación Biomédica en Rede de Saúde Mental (CIBERSAM) así como do mesmo centro hospitalario vigués.

 

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

O Dicionario da Real Academia Galega actualiza a definición de ‘autismo’

A nova redacción adáptase aos cambios producidos na súa descrición científica, que deixa atrás a súa consideración como enfermidade

Investigadoras galegas constatan que as mulleres autistas camuflan máis os seus síntomas

O enmascaramento provoca retrasos no diagnóstico e problemas de saúde mental derivados da presión social

Un equipo galego detecta posibles biomarcadores da esquizofrenia resistente ao tratamento

Científicos do IDIS identifican un perfil de 16 microARN que diferencia aos pacientes que non responden á medicación dos que si o fan

Un equipo galego identifica un novo biomarcador da depresión

O estudo pioneiro do IDIS postula a posibilidade de diagnosticar patoloxías psiquiátricas como a esquizofrenia a través dos niveis da hormona IGF-2