Martes 19 Marzo 2024

Fraga de Catasós, un corazón verde para conservar

Este espazo de castiñeiros e carballos á beira do rego Quintela, en Lalín, é outro exemplo dos bosques antigos galegos, actualmente en retroceso

As fragas son, sen dúbida, lugares que sementan a creatividade e a imaxinación. As cores e as formas que trazan as pólas de carballos e castiñeiros, as follas que alfombran o solo, e que vai mudando de cor en cada estación, cativan a quen as percorre. En Galicia hai moitos e bos exemplos: o Eume o Cecebre inspiraron obras moi lembradas, e hoxe seguen fascinando a quen as percorre. E tamén a fraga de Catasós, en Lalín, no corazón de Galicia, é unha mostra destes paraísos verdes. Contan, aínda que ninguén o pode asegurar, que Emilia Pardo Bazán escribiu varios capítulos de Los pazos de Ulloa, no pazo de Quintela, onde a autora pasou unha longa tempada, e de seguro camiñou pola volta, xa que casou un dos descendentes da familia propietaria do pazo. Do nome deste pazo e do lugar da parroquia (Quintela) proceden os nomes que máis utilizan os veciños para referirse á fraga: Quiroga ou Quintela, máis ca Catasós, a denominación oficial.

Xa desde moito antes, e durante moito tempo despois, Catasós seguiu abraiando a quen o coñeceu. Paseniño, os troncos dos castiñeiros e carballos superaron os 30 metros de altura e ata 5 metros de diámetro. E en 1954 apareceu polo Deza o fitopatólogo norteamericano Flippo Gravatt, que describiu ante a FAO a riqueza da fraga e propuxo a súa protección. A finais de século, en 1998, pasaron a ser propiedade da Consellería de Agricultura e Medio Ambiente e finalmente no 2000 foi declarado como Monumento Natural pola da Xunta de Galicia. Tamén forma parte do Catálogo de Árbores Senlleiras, grazas aos maxestosos exemplares que se erguen e estenden a súa copa en case 15 metros de diámetro. Foron estes os atributos que chamaron a atención da FAO e seguen atraendo a investigadores, aos que lle sorprende a resistencia e capacidade de crecemento dos exemplares da zona. Destacan, ademais, as variedades de castaña que agroman nas árbores (famosa, negral, oura, rosario, abadá, pelada, temprá, patacuda, rañuda e mazaíña).

Publicidade

O espazo conta con máis de 45.000 metros cadrados de superficie protexida (4,52 hectáreas). Porén, bastantes voces avogan por ampliar a súa protección a un área moito maior, aos dous lados da N-525 que une Lalín con Ourense, nas fragas de Penelas, Celemín, Casas Vellas, Antuín, Gate, Pereira ou Portocelo, todas elas unidas pola auga do rego de Quintela. Foi precisamente en Casas Vellas por onde estaba proxectada unha liña de alta tensión de Fenosa que obrigaría a cortar centos de árbores, pero que finalmente non saíu adiante grazas á oposición veciñal e municipal.

Vista xeral de Catasós. Fonte: Concello de Lalín.
Vista xeral de Catasós. Fonte: Concello de Lalín.

 

A raíz deste proxecto, o Consello da Cultura Galega, nun informe elaborado polo catedrático Francisco Díaz Fierros, defendeu a importancia de Catasós como un exemplo que resistía ante o retroceso territorial do bosque galego. Dicía o documento que é “cada vez máis escasa a existencia de bosques formados por especies nativas que manteñan unha estrutura e biodiversidade próxima á naturalidade, e/ou que estean conformados por espécimes lonxevos ou simplemente que se correspondan con masas que persistiron como tales dende hai máis de 250 ou 500 anos”.

Porén, como en outros aspectos de conservación da natureza, a lexislación autonómica tampouco protexe estas formacións de bosques antigos. Dicía o informe do CCG que “en Galicia non existe unha protección específica” para estes lugares, “e ano tras ano prodúcese a perda ou degradación de bosques antigos de gran valor ambiental e cultural”, subliñando que as actuais leis “non resultan suficientemente efectivas para deter a perda de bosques nativos, especialmente de bosques de ribeira, carballeiras e bosques de encostas”, como o de Catasós.

Ao abeiro deste espazo medra a flora típica dos bosques nativos (carballos, castiñeiros) e de ribeira (amieiros e freixos), declarados como hábitat de interese comunitario. E a bibliografía existente sobre a fauna tamén describe a presenza de endemismos como o peixe Pseudochondrostoma duriense, endémico do noroeste da Península, o tritón común (Triturus boscai), o sapo pinto (Discoglossus galganoi), a cobra rateira (Malpolon monspessulanus) e a toupa ibérica (Talpa occidentalis). Hai ademais especies vulnerables, como os morcegos de ferradura grande e pequeno (Rhinolophus ferrumequinum e Rhinolophus hippossideros), a toupa de río (Galemys pirenaicus) e mesmo en perigo de extinción, como a avefría (Vanellus vanellus) e a becacina cabra (Gallinago gallinago).

A visita a Catasós pode completarse nun breve e sinxelo paseo, grazas á súa proximidade a N-525. Ao pasar Lalín desde Santiago de Compostela, en dirección a Ourense, a uns dous quilómetros e medio, aparece sinalizado o desvío cara a fraga. Hai un sendeiro circular sinalizado e ilustrado con paneis, que se pode contemplar en apenas unha hora.

1 comentario

  1. En Catasós hai exemplares de carballo e castiñeiro certamente espectaculares, pero 5 metros de diámetro resulta algo esaxerado… serán máis ben de perímetro.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Seis reliquias da natureza: estas son as novas árbores senlleiras de Galicia

Dúas secuoias, un conxunto de ciprestes, un cedro, unha sobreira e unha formación de camelias son as novas incorporacións ao catálogo

Unha nogueira centenaria de Triacastela, nova árbore senlleira de Galicia

O DPG publica a resolución pola que se fai pública a inclusión deste exemplar atendendo ás súas características dendrométricas e á súa singularidade

Os castiñeiros da Galicia atlántica, un refuxio xenético milenario

Un traballo do Centro de Investigación Forestal de Lourizán salienta a peculiaridade das poboacións locais de "Castanea sativa"

Un método dende Pontevedra para localizar castiñeiros vía satélite

Investigadoras da Escola de Enxeñaría Forestal da Universidade de Vigo empregan fontes cartográficas de libre acceso