Martes 16 Abril 2024

Seis reliquias da natureza: estas son as novas árbores senlleiras de Galicia

Dúas secuoias, un conxunto de cipreses, un cedro, unha sobreira e unha formación de camelias son as novas incorporacións ao catálogo

En apenas 15 días, o Catálogo galego de árbores senlleiras presume de seis novas incorporacións. Dúas secuoias, un cedro, un conxunto de cipreses, unha sobreira e unha formación de camelias xa engrosan unha lista que acada os 190 elementos. Todos eles son verdadeiras “reliquias botánicas” que salientan polo seu valor cultural, didáctico e paisaxístico. Esta listaxe, que naceu en 2007 da man da Consellería de Medio Ambiente, ten un claro obxectivo: protexer a todos os efectos as árbores —ou formacións arbóreas— singulares e garantir, así, a súa conservación.

Estas son as árbores que acaban de obter o recoñecemento:

Publicidade

Cedro do Xapón (Cryptomeria japonica), Mondariz-Balneario

Exemplar de Cryptomeria japonica.

O cedro do Xapón (Cryptomeria japonica) leva observando a contorna do palco da música de Mondariz-Balneario dende hai 110 anos. Cos seus 25 metros de altura, pénsase que é o exemplar máis antigo e singular do xardín, segundo explican no catálogo de árbores singulares da Deputación de Pontevedra. A súa antigüidade queda demostrada grazas ás fotografías de principios do século XX, entre os anos 20 e 30, que testemuñan a súa presenza no xardín. Agora, a árbore pasa a formar parte do Catálogo galego de árbores senlleiras pola súa significación histórica, cultural, estética e paisaxística. De todos modos, xa era un exemplar recoñecido dende hai décadas, posto que figuraba no inventario de árbores sobresaíntes que a Xunta publicou a mediados dos anos 80.

No que respecta á súa contorna, o cedro do Xapón está situado ao lado do palco da música e preto da fonte da Gándara, obra do arquitecto Antonio Palacios.

Ciprés de Portugal (Cupressus lusitanica), Mondariz-Balneario

Hai 100 anos que o ciprés de Portugal (Cupressus lusitanica) olla dende os seus case 20 metros de alto o xardín traseiro do hotel de Mondariz-Balneario. En realidade, son dous exemplares que medran xuntos, a unha distancia inferior a tres metros, e que presiden un pequeno estanque circular.

Dependendo do ángulo de visión, pode dar a sensación de que as dúas árbores conforman unha única copa, mais non é así. A súa proximidade, xunto coa falta de espazo que hai entre ambos, impediu un maior desenvolvemento da súa parte superior. Dende a Deputación confirman que o seu “estado xeral é bo”, mais recoñecen que no interior hai ramas secas con liques.

Estes dous exemplares forman parte do histórico xardín deseñado no século XIX, cando as coníferas se empregaban habitualmente para decorar os espazos exteriores dos balnearios.

Secuoias vermellas (Sequoia sempervirens), Teo

Estímase que as secuoias vermellas do Xirimbao teñen entre 60 e 70 anos, dado que a área recreativa na que están situadas se inaugurou en 1961. Porén, non se coñece o tamaño co que foron plantadas. Sen que trascendan máis datos destas dúas árbores, xa senlleiras e recoñecidas no ámbito galego, forman parte do Xirimbao, no concello de Teo, e máis en concreto no couto de Couso.

Sobreira (Quercus suber) de Outeda, Barro

A sobreira (Quercus suber) de Outeda.

Máis de 20 metros de altura e unha copa que rolda os 23 metros de circunferencia. Con estas dimensións, unha pode imaxinar o maxestosa que é a sobreira (Quercus suber) de Outeda, en Barro. Segundo trasladan dende a Consellería de Medio Ambiente, pénsase que puido plantarse entre finais do século XVIII e principios do XIX. Polo tanto, os seus máis de 200 anos de historia, pero tamén a importancia da súa contorna e da súa estética, foron criterios esenciais para incorporar a sobreira ao catálogo de árbores senlleiras. E ser un elemento máis desa longa lista de monumentos vexetais.

Formación de camelias, Vedra

Un dos dous agregados de camelias do Pazo de Santa Cruz de Rivadulla.

Ademais de exemplares, o Catálogo galego de árbores senlleiras tamén inclúe formacións arbóreas significativas. A nova incorporación son, en realidade, dous agregados separados no espazo e coñecidos como o Bosque dos camelios e o Paseo nas noivas e fondo do prado. Segundo trasladou a Consellería de Medio Ambiente, son as formacións de camelias máis representativas do Pazo de Santa Cruz de Rivadulla, onde están situadas. De feito, na contorna do edificio hai múltiples exemplares de Camellia japonica e doutras especies e variedades diversas do mesmo xénero.

O pazo, situado no concello de Vedra, é un vello coñecido do catálogo das árbores singulares. O seu xardín xa conta con dez elementos senlleiros: sete exemplares e tres formacións.

  1. Hai unha secuoia sempervivens en Trailán do Concello de Sarria de Lugo que foi prantada polos anos 30 do século XIX. Creo que pode ter interese grande para Galiza a súa conservación

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Unha nogueira centenaria de Triacastela, nova árbore senlleira de Galicia

O DPG publica a resolución pola que se fai pública a inclusión deste exemplar atendendo ás súas características dendrométricas e á súa singularidade

O Pazo de Mariñán xa é un destino Observer de Turismo Científico: estes son os seus tesouros

O selo destaca o valor singular do xardín de camelias e as árbores senlleiras deste enclave, recoñecido como Conxunto Histórico Artístico desde 1972

O Pazo de Mariñán convértese en destino Observer de turismo científico

Os seus xardíns, situados á beira da ría de Betanzos, destacan polas camelias e a presenza de árbores senlleiras

Unha tese propón a inclusión de 58 novos rexistros no Catálogo de Árbores Senlleiras

O enxeñeiro Gaspar Bernárdez analiza na súa investigación o estado de conservación de máis de 1.100 formacións distribuídas por Galicia