As árbores e formacións senlleiras son o patrimonio natural de Galicia. O seu tamaño, idade, historia e beleza levan a que preto de 200 exemplares acaden unha especial consideración na comunidade. Xa sexan de especies autóctonas ou foráneas, están repartidas por todo o territorio galego en espazos públicos, privados ou de protección. Agora, a través dun mapa interactivo creado por GCiencia, podes consultar cantas árbores senlleiras hai na zona na que vives.
No ano 2007 a Xunta creou o Catálogo galego de árbores e formacións senlleiras. A través dun decreto estableceuse un réxime xurídico para incluír os exemplares neste inventario co obxectivo de “protexelos de posibles riscos e amezas para garantir a súa conservación”. Mediante unha serie de criterios, a Consellería de Medio Ambiente avalía as características das candidatas para formar parte deste sílabo. Aspectos como o grosor do tronco, altura total, grao de rareza, localización ou historia son factores determinantes para catalogalos como monumentos vexetais.
Estes criterios teñen como resultado “unha repartición bastante equilibrada entre especies foráneas e autóctonas” dentro do catálogo, asegura o profesor emérito do Campus Terra da Universidade de Santiago (USC) Antonio Rigueiro. “Lugares como os parques públicos, onde se coida moito o espazo natural, fan máis sinxelo que se dean estes monumentos vexetais, por iso vemos que se atopan moitos deles na fachada atlántica de Galicia”, explica.
Valor cultural
Se ben boa parte dos exemplares son incluídos no catálogo pola súa idade ou tamaño, existen árbores concretas que, “non sendo de especial relevancia o seu porte, si que teñen un gran valor cultural ou científico”, detalla Rigueiro.
Un destes casos é o da oliveira (Olea europaea L.) centenaria de Vigo. Localizada actualmente no Paseo de Alfonso XII, este exemplar “non é o orixinal que se plantou no século XIV na Colexiata de Santa María, senón que foi catalogado por ser o testemuño de que a cidade segue a ser olívica”, relata o profesor.
Do mesmo xeito, a figueira (Ficus carica L.) da Casa-Museo de Rosalía de Castro en Padrón tamén foi incluída na listaxe pola súa importancia cultural. “Non ten un gran valor dendrométrico, xa que non destaca polas súas dimensións”, indica Rigueiro. Pola contra, interprétase que pode ser o exemplar ao que se refire a poetisa nos seus versos de Adiós ríos, adiós fontes, “pese a que non está demostrado que fose ela quen o plantou”.
Entre os diferentes exemplares que foron recoñecidos no catálogo grazas a accións singulares pódese atopar o caso do castiñeiro (Castanea sativa Mill.) de Baamonde (Begonte, Lugo). Nos anos 70 a intervención do escultor Víctor Corral fixo que a árbore non acabase en estelas durante as obras de ampliación da estrada nacional seis. O artista encerrouse no oco do tronco e, ademais de evitar a súa destrución, tamén deixou a súa pegada artística, tallando a imaxe da Virxe do Rosario nel. “Por iso leva o nome de Castiñeiro da Capela”, apunta Rigueiro.
Importancia científica
Pero non todas as valoracións son culturais ou históricas, xa que tamén existen exemplares do catálogo que foron recoñecidos pola súa achega científica na biodiversidade galega. É o caso dos castiñeiros xaponeses e chineses (Castanea crenata Sieb.&Zucc. e Castanea mollisima Blume Mill.) do Pazo de Lourizán en Pontevedra. “Son dúas especies resistentes á doenza da tinta producida polo fungo Phytophthora cinnamomi Rands e tras cruzalas con exemplares do país naceron os castiñeiros híbridos que contan con más tolerancia e resistencia a esta enfermidade”, engade.
No mesmo enclave pontevedrés pódese atopar como árbore senlleira a ‘Metasecuoia’ asiática (Sequoia sempervirens (D. Don) Endl.). Coñecida tamén como “fósil vivente”, pertence a unha especie que se consideraba desaparecida no mundo. “Na década dos 40 descubríronse exemplares vivindo na China, pero o que temos en Lourizán —que debe ter 70 anos aproximadamente— está no catálogo, ademais de pola singularidade científica, por ser un dos máis vellos de España, se non o que máis”, asegura o experto.
Mapa das árbores e formacións senlleiras de Galicia
E como se poden visitar estas preto de 200 árbores e formacións senlleiras de Galicia? A Xunta conta con diversos documentos onde se expoñen as localizacións dos exemplares. A continuación atópase un mapa onde está indicada a situación exacta de todas elas. Lugares como o Pazo de Santa Cruz en Ribadulla, o Pazo da Oca na Estrada, ou de Mariñán na Coruña, contan con múltiples monumentos vexetais no seu terreo.
Se se quere desfrutar dunha andaina oficial por algunhas destas árbores con historia, a Consellería de Medio Ambiente ten a disposición pública tres extensas rutas polo territorio galego. “Deberían facerse máis este tipo de accións para destacar, difundir e pór en valor estes exemplares”, sinala Rigueiro. Ademais, segundo o seu criterio, sería interesante que todos os monumentos vexetais tivesen cadanseu panel informativo no que se facilitasen os datos máis relevantes. “Do mesmo xeito, aqueles que son máis visitados, sería bo que contasen con algunhas medidas de protección para que non se estraguen”, conclúe.
Boa noite:
O nome científico da sequioa de Lourizám é “Metasequoia glyptostroboides”.
Saudinha!
Al.