Un estudo con selo galego revela que ferro no solo axuda a fixar CO2 nos mangleirais

O investigador da USC Xosé Lois Otero é coautor da investigación que ve os ecosistemas tropicais e subtropicais como sumidoiros de dióxido de carbono de grande eficiencia

Os bosque coñecidos como mangleirais, ecosistemas costeiros de arbustos ou árbores que medran en auga salgada ou auga salobre en zonas tropicais e subtropicais, están entre os sumidoiros de CO2 atmosférico máis eficientes do mundo, e para logralo un dos elementos cruciais é o ferro que se encontra nos solos, segundo se pon de relevo nun artigo publicado na revista Nature Communications do que é coautor o catedrático da Facultade de Bioloxía da Universidade de Santiago (USC) e investigador principal do Centro de Investigación Interdisciplinar en Tecnoloxías Ambientais (CRETUS) da USC Xosé Lois Otero.

A maior parte do carbono que fixan os mangleirais reside fundamentalmente no solo, de xeito que a reserva de carbono edáfico pode representar un 80% do total do carbono destes bosques. Os mecanismos específicos que impulsan este elevado almacenamento de carbono non son aínda ben coñecidos, pero os datos do artigo achegan nova información sobre iso.

Publicidade

Estes datos, explica Xosé Lois Otero, demostran “que o carbono asociado aos minerais de ferro, especialmente aqueles que se atopan no solo en forma de óxidos e hidróxidos de ferro pouco cristalino, representa o 10% do carbono orgánico total do solo nos mangleirais amazónicos, e os óxidos de ferro non só inmobilizan unha fracción significativa da materia orgánica do solo, senón que tamén protexen as formas máis lábiles ou inestables da materia orgánica do solo, evitando que sexan consumidas polos microorganismos e o carbono sexa devolto de novo á atmosfera”.

Cambios nos usos do solo

O traballo tamén mostra que “os cambios no uso do solo, como a transformación dos mangleirais en zonas agrícolas ou balsas para a produción de camarón —amplamente estendidas na rexión tropical e en todo o mundo— alteran substancialmente estas asociacións”, indica o catedrático. Segundo os datos recollidos para elaborar o estudo, “estas actividades provocan a perda do ferro e do carbono asociado a el, así como a transformación do ferro en fases menos eficientes para a inmobilización do carbono, reducindo así a capacidade destes ecosistemas para almacenano”.

Publicidade

O cambio de uso da terra para habilitar novas zonas urbanas, agrícolas ou dedicadas á acuicultura, segundo se indica no traballo, foi responsable da perda de máis de 180.000 hectáreas destes bosques nas dúas últimas décadas, e isto supuxo que volveran á atmosfera 158 millóns de toneladas de carbono acumulado nos solos destes bosques, contribuíndo deste xeito ao quecemento global.


Referencia: Iron’s role in soil organic carbon (de)stabilization in mangroves under land use change (Publicado en Nature Communications)

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un equipo galego abre a porta a detectar a periodontite mediante unha mostra de saliva e IA

A investigación, liderada pola USC e o IDIS, indica que o mellor modelo do experimento acada unha sensibilidade superior ao 92%

Das visitas a Santiago ás colaboracións científicas: estes son os vínculos do Nobel de Física con Galicia

O galardoado Francis Halzen é o presidente do Comité Asesor do IGFAE e colaborou cos científicos Enrique Zas, Jaime Álvarez ou Ricardo Vázquez

Un estudo galego propón novos criterios para identificar áreas de lonxevidade extrema

Investigadores do IDIS e da UVigo publican por primeira vez un marco metodolóxico que inclúe parámetros demográficos e epidemiolóxicos

Un científico do CiQUS obtén unha prestixiosa axuda para impulsar un novo enfoque de deseño molecular

Luis M. Mateo é beneficiario dunha Branco Weiss Fellowship, unha das bolsas con máis recoñecemento internacional destinada a investigadores mozos