Un grupo formado por empresas, universidades, produtores e comunidades de montes está a desenvolver un proxecto para mellorar a calidade do solo. Para iso, está a probar unha mestura de residuos porcinos e forestais co obxectivo de coñecer se manteñen a fertilidade dos solos nos cultivos leñosos. En concreto, estase a traballar con vide, oliveira e pistacho. Os resultados preliminares apuntan a efectos positivos. O grupo tamén busca averiguar se esta mestura axuda na conservación do solo naquelas zonas onde o cambio de uso favorecería a súa perda por erosión.
A entidade coordinadora deste grupo operativo é a empresa Seica Seo S.L e nel participan a Universidade de Vigo (UVigo), a Universidade de Santiago de Compostela (USC), a produtora agrícola Ana María Pérez e a Comunidade de Montes Veciñais en Man Común Serra de Meda-Vences. A UVigo é a responsable da posta en funcionamento e seguimento dos ensaios en campo deseñados para avaliar a utilidade dos produtos compostados xerados a partir dos residuos porcinos e forestais.
Buscando alternativas sostibles e aplicables
Os obxectivos específicos do proxecto son obter unha menda orgánica derivada de residuos porcinos e de biomasa forestal que poida dar solucións adicionais ás necesidades do sector primario. A iniciativa, comentan desde a súa organización: “Xurdiu coa finalidade de propoñer novas alternativas para a xestión de residuos de orixe gandeira, como os xurros de porcino, e os restos de biomasa forestal sen interese para a industria silvícola”.
A súa idea principal é avanzar na valorización conxunta de ambos residuos buscando unha alternativa sostible e aplicable a nivel produtivo. Así, búscase “evitar os custos excesivos dunha axeitada xestión dos xurros ou da súa aplicación excesiva ou incorrecta no medio agrícola”. De igual xeito, engaden desde o grupo operativo, a reutilización dos restos de biomasa tras os labores silvícolas permitiría reducir os custes de mantemento nas zonas forestais explotadas, minimizar os riscos de incendio pola acumulación de biomasa seca fina e facilitar o uso dos medios forestais explotados pola poboación local.
Tres etapas
O proxecto, que remata este mes de decembro, constou de varias etapas. Arrincou cunha recollida e selección de materiais derivados das actividades silvícolas e residuos de porcino e a realización de varias mesturas dos mesmos que se someteron a un proceso de compostaxe. A partir de aquí, desenvolvéronse dúas etapas a cargo de persoal investigador da Facultade de Ciencias do campus de Ourense e do Instituto de Agroecoloxía e Alimentación da UVigo, estando como coordinadores Juan Carlos Nóvoa e M. Flora Alonso e contando coa participación de Melissa Méndez, Andrea Parente e Lara Acemel.
Este equipo da UVigo levou a cabo, contando co apoio dos socios do grupo operativo, ensaios de campo consistentes na aplicación dos materiais compostados obtidos na fase previa a solos de cultivo de vide, oliveira e pistacho, avaliando diferentes parámetros relacionados coa fertilidade do solo a dous tempos diferentes: xusto despois da aplicación das emendas e logo de seis meses. Ademais, empregaron algunhas das emendas orgánicas obtidas en fases previas para realizar ensaios de control da erosión en zonas onde o cambio do uso do solo podería facilitar os procesos erosivos.
Aumento do pH na auga do solo
Segundo explica o equipo da UVigo, unha interpretación preliminar dos resultados obtidos poñen de manifesto que a aplicación das emendas orgánicas ao solos de cultivo de viñedo, oliveira e pistacho supuxo a curto prazo un lixeiro aumento do pH en auga do solo. A adición de material compostado, engaden, parece contribuír positivamente á fertilidade dos solos dos cultivo ensaiados, achegando calcio, magnesio e fósforo a curto prazo, e carbono e nitróxeno máis a longo prazo. En todo caso, a emenda orgánica “foi quen de manter os niveis de fertilidade do solo despois de seis meses, coincidindo co período de maior requirimento nutricional dos cultivos avaliados”. En relación coa segunda das actividades, a utilización destas emendas para controlar a perda de solo por erosión en zonas de cambio de uso, os resultados obtidos “non foron moi concluíntes”.
Podes ler a noticia do DUVI na seguinte ligazón.














