Case a metade da xeografía galega presenta niveis elevados de arsénico. É unha das principais conclusións que se pode extraer da análise dos mapas de indicadores de degradación do solo do Observatorio do Solo da Unión Europea (EUSO). Nestes apréciase tamén como a concentración de cobre e mercurio en puntos concretos de Galicia é superior aos niveis que marca a institución a partir dos que podería haber problemas de toxicidade.
Porén, cómpre matizar estes datos, tal e como explica Juan Carlos Nóvoa Muñoz, catedrático de Edafoloxía e Química Agrícola na Facultade de Ciencias da Universidade de Vigo no campus de Ourense. O primeiro é que este tipo de mapas hai que saber interpretalos: poden dar unha imaxe inicial razoablemente real e serven para ter unha idea comparativa da situación do solo galego respecto a outros territorios da Unión Europea, pero os achados deben contrastarse con outras fontes e traballo de campo. Isto vese cando se analiza punto por punto a presenza dos metais pesados (mercurio e cobre) e do metaloide, o arsénico.
Por que os niveis elevados de arsénico en Galicia?
Cando se selecciona o indicador do arsénico no mapa, a primeira impresión é intensa, posto que é unha das rexións europeas no que máis se aprecia. Case a metade do territorio aparece na cor vermella vencellada a niveis superiores do límite de 45 miligramos por quilogramo que sinala o EUSO. Aparecen con esta cor a práctica totalidade da provincia da Coruña, a fronteira entre Pontevedra e Ourense, o Baixo Miño e áreas significativas no interior de Lugo e no sueste de Galicia. A información do mapa aclara que este elemento emprégase de forma extensiva en aplicacións industriais e con usos agrícolas. Quere isto dicir que vaiamos morrer por envelenamento? Non parece exacto.
“Polo que vexo aquí, é fundamentalmente un arsénico de orixe litoxénica, é dicir, natural na rocha”, explica Nóvoa Muñoz, quen é investigador membro do grupo BV1 Planta, Solo e Aproveitamento de Subprodutos, integrado no Instituto de Agroecoloxía e Alimentación (IAA)-Campus Auga da Universidade de Vigo. “O tipo de rocha que domina nesa zona pode ter algúns tipos de minerais que teñan algo de arsénico. Normalmente son concentracións moi baixas”. Estes minerais, ao alterarse (algo que pode pasar polo clima ou polo paso do tempo, por exemplo) fan que parte do metaloide se libere e abunde. “Non é un proceso de contaminación antropoxénica. Outra cousa é que nalgúns sitios, que seguro que os hai, vencellados a temas de explotacións mineiras, poida haber niveis máis altos de arsénico”.
Unha orixe natural
O caso do arsénico permite exemplificar os matices destes mapas. “Eses valores totais están ben, porque dá unha idea de cales son eses niveis e, ao ser totais, podes comparar en distintos sitios”, detalla Nóvoa. “Pero o problema dos valores totais é que non dan información do grao de mobilidade que pode ter ese metal”.
Exemplifícao: segundo estas análises, podería saír unha concentración no solo de 300 miligramos/quilo de arsénico, un valor por enriba dos límites para cultivo e que requiriría dunha técnica de restauración ou de recuperación dese solo. “Pero ao mellor desa cantidade que sexa móbil, é dicir, que poida interactuar con organismos vivos ou que poida moverse cara ás augas superficiais ou freáticas, é unha cantidade moi pequena”.
Situacións puntuais
Os valores totais dan unha información moi básica, sintetiza; permiten comparar, pero non avaliar con detalle ata que punto esas cantidades poden ser perigosas para os elementos vivos dos ecosistemas. Para iso farían falta eses traballos máis exhaustivos dos que se falaban.
No caso do arsénico, iso si, hai ocasións puntuais nas que chega á auga, advirte Nóvoa, lembrando as novas periódicas nas que nalgún concello, como os de Castrelo de Miño ou Ramirás, ten que cortar o subministro de auga pola presenza de niveis por riba do permitido, “case sempre de orixe natural”, explica. “Adoita pasar no verán, cando o nivel dos pozos baixa moito, queda un material escavado en contacto co aire e aí o arsénico dos minerais das paredes pode comezar a alterarse”, explica. “En calquera caso, son situacións moi puntuais”. Aquí non aplicarían os límites que aparecen nos mapas do EUSO, xa que ao tratarse das augas, os valores serían distintos; por exemplo, para o arsénico, tanto a Organización Mundial da Saúde (OMS) como a Axencia de Medio Ambiente de Estados Unidos sitúa o límite máximo nos 10 microgramos por litro.
O caso do mercurio
O EUSO destaca o mercurio como un metal tóxico que pode supoñer un risco significativo para a saúde humana; a súa concentración non só depende dunha cantidade moi ampla de variables que teñen influencia na súa emisión, transporte e depósito no medio. “Está considerado un contaminante global”, aclara Nóvoa. “Isto significa que, desde os lugares desde onde se emite de forma natural ou de forma antrópica, pode distribuírse por todo o planeta”.
No mapa, aprécianse varios puntos moi localizados por enriba dos 200 microgramos por quilogramo que pon por límite o EUSO, situados no interior da provincia de Pontevedra, nas zonas de Bande, Xinzo e Trives en Ourense e pola área do Courel. “Dáme a sensación de que están vinculadas a algún tipo de explotación mineira”, sinala o investigador.
Residuos do pasado
O mercurio pode aparecer relacionado con fontes naturais, como emisións volcánicas ou actividades termais, ou a fontes antrópicas, máis vencelladas aos combustibles fósiles, como centrais térmicas ou cementeiras. O máis habitual é que se emita á atmosfera e aí comece a moverse, como era o caso coa central de Meirama.
Vendo o mapa nun sentido máis amplo, Nóvoa aprecia que hai puntos moi concentrados en Ciudad Real e Asturias, onde hai antigas explotacións mineiras, o que podería ser o caso en Galicia: non explotacións propiamente de mercurio, senón doutro tipo de minerais como cinc, cobre ou níquel, dado que normalmente os metais pesados adoitan aparecer xuntos. “Dependendo de como nesa explotación mineira se traballara e se arranxara cos residuos de explotación, pode haber esas pequenas manchas”.
O científico considera que “aquí en Galicia non temos niveis altos de mercurio, en xeral. Outra cousa é que haxa nalgún sitio puntual”. Nóvoa é investigador principal no proxecto “Aproximación interdisciplinar para desentrañar el destino del mercurio en ecosistemas forestales del suroeste de Europa”, financiado pola Axencia Estatal de Investigación asistida con Fondos Feder.
O cobre e os viñedos
O cobre é tanto un micronutriente esencial para o crecemento das plantas como, en altas concentracións, un contaminante que pode supoñer un risco para a saúde humana e o medio ambiente, explican desde o EUSO. No mapa identifícanse as áreas con valores superiores aos 50 miligramos por quilogramo: en Galicia, a zona sur da ría de Arousa e un pequeno punto na comarca de Ferrol, próximo a San Saturnino. No que se refire a primeira localización, Nóvoa está moi seguro do seu vínculo cos viñedos. “Tradicionalmente, para loitar contra as enfermidades que atacan á vide, aplícase sulfato de cobre. É algo que está tendendo a menos, porque a lexislación europea cada vez é máis restritiva”.
Sobre isto tamén pon en contexto o mapa. “Chámame moito a atención que só apareza a zona de Vilagarcía”. Explica que seguramente teña relación coa información empregada para elaborar os mapas, que non identifica outros puntos. Na que teñen publicado desde o seu grupo de traballo aparecen claramente outras zonas nas que os niveis de concentración de cobre son superiores ás indicadas. Son áreas vitivinícolas, como a Ribeira Sacra, Valdeorras ou a do Ribeiro. Nesta última, por exemplo, teñen localizados niveis superiores aos 300-400 miligramos por quilo. “Iso obedece á aplicación durante décadas de funxicidas de base cúprica”. Outra cosa é o punto localizado na comarca do Ferrol, que Nóvoa asocia a unha degradación dun determinado tipo de rocha, por exemplo roca metamórfica, que seguramente teña uns niveis de cobre natural un pouco máis altos.
Traballo por facer
Nóvoa incide nos matices asociados á información cartográfica que se recolle nos mapas do EUSO. “Hai que ter en conta que a escala cartográfica empregada pode obviar un montón de sitios, moi pequenos en extensión e polo tanto imposibles de cartografiar na escala do estudo, onde os niveis deses metais pesados e metaloides poden ser moito maiores”. Entre eles estarían as zonas onde se realizaran actividades mineiras, a maior ou menor escala, para a obtención de mineral coma materia prima con destino a obtención de metais.
“Posiblemente neses sitios, os riscos de toxicidade por niveis altos de metais pesados pode ser moito maior e o seu impacto ambiental, como consecuencia, tamén moi preocupante”. Isto leva, de novo, á necesidade de, unha vez feitas estas observacións, “facer estudos complementarios no campo para confirmar se esas predicións espaciais no territorio son correctas”, un traballo no que a administración debe estar en contacto cos centros de investigación.














