O Pazo de Mariñán xa é un destino Observer de Turismo Científico: estes son os seus tesouros

O selo destaca o valor singular do xardín de camelias e as árbores senlleiras deste enclave, recoñecido como Conxunto Histórico Artístico desde 1972

Visita ao Pazo de Mariñán.
Visita ao Pazo de Mariñán.

Á beira da ría de Betanzos, no concello de Bergondo, o Pazo de Mariñán constitúe un enclave cunha interesante historia ás súas costas. E nos seus xardíns acumúlanse importantes elementos que o acaban de facer merecedor da certificación Observer® de Turismo Científico na categoría de Xardín Histórico. O edificio acolleu este martes a entrega da certificación, que destaca a singularidade do seu xardín de camelias e formacións arbóreas incluídas no Catálogo de Árbores Senlleiras de Galicia. Mariñán está tamén considerado como Conxunto Histórico Artístico desde 1972.

Xosé Regueira, Alejandra Pérez Márquez e Maite Vence, no acto de entrega da certificación.
Xosé Regueira, Alejandra Pérez Márquez e Maite Vence, no acto de entrega da certificación.

As camelias

O acto deste martes abrírono Xosé Regueira, vicepresidente da Deputación da Coruña, e Alejandra Pérez Márquez, alcaldesa de Bergondo. A continuación realizouse a presentación dos resultados da acreditación Observer, coa presenza de Carmen Salinero, investigadora da Estación Fitopatolóxica do Areeiro e presidenta da Sociedade Internacional da Camelia. Tamén participaron neste acto a directora de Observer, Maite Vence, e Clara Rey, auditora da empresa. Carmen Salinero, unha das principais expertas nesta flor, destacou o valor dos camelios de Mariñán (que forman parte da Ruta da Camelia de Galicia), presentes no patio de armas do xardín da capela, na terraza da avenida residencial ou no embarcadoiro que dá á ría de Betanzos. Crese que foron plantadas na segunda metade do século XIX, polo que xa superarían amplamente os 100 anos de vida. As camelias, orixinarias de Asia Oriental, chegaron a Galicia a través do norte de Europa no século XIX, e foron espallándose nos xardíns pacegos da nobreza do país.

O elemento diferenciador das camelias do pazo bergondés é a súa disposición formando grupos, cada un dos cales debuxa unha circunferencia formada por 8 plantas ao redor dunha planta que ocupa o centro. Este tipo de agrupación vese nas diferentes partes mencionadas. Destacan, pola súa importancia, as agrupacións de camelias 8+1 no patio de armas. Os perímetros dos conxuntos miden 8,35 metros e 6,75 metros, respectivamente, a niveis do solo.

O xardín

Alén da notable relevancia das camelias, Mariñán sobresae polo maxestoso xardín principal, co que podemos atoparnos ao descender pola monumental escalinata do pazo. A parte central ten unhas dimensións de 33,5 x 38,5 metros que acolle 16 cadros con figuras xeométricas creadas mediante sebes de buxo (Buxus sempervirens),  magníficamente conservadas nas que se aprecian rosetas, estrelas, cruces, aneis, armas das liñaxes nobres que atesouraron o Pazo e mesmo lendas alegóricas.

A orixe deste xardín remóntase ao século XVIII, probablemente obra do paisaxista Martin Thiebe. Posteriormente houbo máis intervencións que o levaron ao seu aspecto actual. O conxunto conforma unha rede de paseos de 3×3 que desembocan en  praciñas circulares ou  ovaladas cun central na que se ergue unha fonte monumental. No extremo máis afastado do pazo, tras atravesar todo o xardín, atopamos un templete de estrutura octogonal que serve de punto desde o que contemplar a ría. Ademais de gozar da súa preciosidade artística, no xardín con céspede e flores principal pódense observar diferentes exemplares de árbores, entre os que destaca a maxestosa  tuia xigante (Thuja plicata) á que acompañan diferentes variedades de palmeiras (Phoenix canariensis, Phoenix dactylifera e Trachycarpus fortunei), un rododendro arbóreo (Rhododendrum arboreum),  mirtos (Myrtus communis), e unha falsa tuia (Thujopsis dolabrata).

Aos dous lados poden verse as parcelas Parque I e Parque II, sucadas por varios camiños interiores que convidan a perderse para descubrir gran parte das máis de 100 plantas e árbores que atesoura o Pazo de Mariñán, convertendo todo o conxunto nun completo e destacado xardín botánico. O Parque I conta con lourentinos (Viburnum tinus), loureiros xaponeses (Aucuba japonica), pero neste espazo destacan os  mirtos, o  érbedo (Arbutus  unedo) e o teixo (Taxus baccata). No Parque II destacan as iucas (Yucca gloriosa),  puchos de crego (Euonymus japonica) ou camecíparis (Chamaecyparis lawsoniana). Cómpre destacar tamén a laurisilva Clethrea arborea, exemplar especialmente interesante dado que só é posible contemplala aquí ou no Pazo de Casal en Vilagarcía de Arousa.

Pazo de Mariñán: un verxel único sobre a ría de Betanzos

Árbores senlleiras

En Mariñán tamén se pode gozar de varios dos exemplares incluídos no Catálogo Galego de Árbores Senlleiras, que recolle formacións vexetais destacadas polo seu especial valor histórico ou científico, e protexidas por tanto pola lei. No pazo están presentes varios exemplares de eucalipto (Eucalyptus globulus) de máis de 40 metros de altura que se atopan entre os primeiros plantados en Galicia. Destacan tamén os mirtos (Myrtus communis) por riba dos cinco metros de altura, plátanos de sombra (Platanus hispanica) do século XIX de gran volume, e tamén por riba dos 40 metros, así como o érbedo máis alto de toda Galicia, cunhas dimensións de 10×3 metros.

Ornitoloxía

Moi preto do pazo, á mesma beira dos humidais da ría de Betanzos, nunha zona de gran valor onde entran en contacto as augas fluviais e marítimas, tamén podemos gozar da observación de aves. Desde o observatorio situado dentro dos terreos de Mariñán pode contemplarse o paso de aves rapaces como a aguia peixeira (Visita ao Pazo de Mariñán.), tartaraña das xunqueiras (Circus aeruginosus);  limícolas como o mazarico chiador (Numenius phaeopus) e real (Numenius arquata), bilurico común (Tringa totanus) ou claro (Tringa nebularia), garza real (Ardea cinerea), aves acuáticas como os lavancos (Anas platyrhynchos) ou mergullóns pequenos (Tachybaptus ruficollis), aves mariñas como gaivotas choronas (Chroicocephalus ridibundus) e patiamarelas (Larus michahellis), asi como o corvo mariño grande (Phalacrocorax carbo).

Todos estes valores levaron a Observer a acreditar que por razóns históricas, culturais e naturais, o Pazo de Mariñán, unha das propiedades señoriais máis emblemáticas de Galicia, cumpre sobradamente os requisitos impostos pola certificación para convertirse en Destino Observer baixo a categoría de Xardín histórico. Segundo destaca a empresa que certifica esta acreditación, “os Xardíns históricos Observer® son lugares de interese cultural e botánico que constitúan un recurso único e singular a través dos cales realizar actividades de divulgación e turismo científico no eido da botánica e a historia”.

A certificación Observer

Ademáis dos seus valores naturais, o pazo conta cunha pinacoteca visitable, de enorme valor, centrada en obras de arte dos séculos XIX e XX, moitas delas de artistas galegos. Con esta certificación, Mariñán súmase á lista de destinos turísticos de excelencia certificados por Observer. Galicia conta xa con preto de 80 destinos Observer, que poden ser consultados na súa páxina web na que se achegan contidos, roteiros, actividades e información especializada.

O obxectivo da certificación Observer é poñer en valor e recoñecer a singularidade dos recursos turísticos que avalían, e achegar aos xestores do espazo una ferramenta de planificación que sirva de guía para deseñar novas estratexias turísticas acordes ao patrimonio dos destinos que certifican.

Para a súa acreditación, Observer® valorou aspectos que teñen que ver co patrimonio natural e cultural, a conservación da biodiversidade, proxectos de investigación, actividades de turismo científico, persoal cualificado ou a colaboración con provedores de Km 0, entre outros aspectos.  Ademais, como novidade, o selo inclúe agora protocolos de bioseguridade contra a Covid-19, que acreditan aos seus destinos de turismo científico, como confiables en canto a normas sanitarias.  O proceso de certificación, encargado pola Deputación de Coruña dou comezo o pasado mes de febreiro, e rematou agora na súa primeira fase de certificación.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.