Xoves 18 Abril 2024

Pazo de Mariñán: un verxel único sobre a ría de Betanzos

O xardín está integrado na Ruta das Camelias e conta con exemplares centenarios recollidos no Catálogo de Árbores Senlleiras de Galicia

A tan só 25 quilómetros da Coruña, no concello de Bergondo e á beira da ría de Betanzos e o río Mandeo, atópase unha das construcións civís máis emblemáticas de Galicia: o Pazo de Mariñan e o seu espectacular xardín, integrado na Ruta das Camelias e con árbores únicas recolleitas no Catálogo de Árbores Senlleiras de Galicia. Sen dúbida unha visita obrigada para todas as persoas interesadas en coñecer e profundar no patrimonio cultural e natural galegos.

Foi declarado Conxunto Histórico-Artístico e Monumental en outubro de 1972. Esta declaración deu ás á Deputación da Coruña -actual propietaria- para acometer unha ampla, ambiciosa e coidada intervención rehabilitadora e museística e impulsar a posta en valor do seu patrimonio natural, ao que incorporou novas actuacións paisaxísticas como o “Xardín da Palabra”. Neste lugar visitantes ilustres plantan unha árbore e escriben unha mensaxe para a posteridade, como xa o fixeron, entre outros, Manuel María, Luz Pozo, Mario Benedetti, Ernesto Cardeal, Bernardino Graña, José Hierro, Camilo José Cela ou Salvador Bolaño.

Publicidade

Recentemente o Pazo de Mariñán obtivo o selo Observer de Destino de Turismo Científico, o que acredita a súa dobre aposta pola divulgación do coñecemento – neste caso en tres áreas: botánica, historia e arquitectura- e pola promoción de turismo sostible, que foxe da masificación e avoga pola calidade, a identidade e a divulgación científica.

O Pazo de Mariñán -coñecido tamén como Quinta de Bergondo ou Casa de Láncara– ten as súas orixes nunha defensa militar construída no século XV por orde de Gómez Pérez das Mariñas, cabaleiro da corte de Juan II que tivo un papel protagonista na Revolta Irmandiña. Foi abandonando o seu carácter defensivo para transformarse nun nobre conxunto de pazo-residencia. Foi pasando de pais a fillos -nunha sucesión na que emparentaron familias nobres galegas como Ribadeneira, Lemos, Pimentel, Oca, Sotomaior ou Suárez de Deza- ata chegar a Gerardo Bermúdez de Castro e Suárez de Deza quen, solteiro e sen fillos, decidiu legalo á Deputación da Coruña en 1936 para fins sociais. Foi hospicio durante máis de tres décadas. Na actualidade, ademais de ser museo e pinacoteca, acolle actos institucionais e actividades socioculturais.

Xardín do Pazo de Mariñán. Foto: Turismo de Galicia.
Xardín do Pazo de Mariñán. Foto: Turismo de Galicia.

O Pazo ten unha estrutura en “U” e un predominio estilístico barroco aínda que a súa fachada principal, presidida por unha escalinata “imperial” diríxenos a mirada á arquitectura palaciana italiana. Unha impresión ratificada polos moitos motivos decorativos que a complementan: vasos, bustos, pináculos, rostros pétreos… Ao seu valor arquitectónico e histórico suma unha importante pinacoteca de obras de arte dos séculos XIX e XX, moitas delas de artistas galegos como Modesto Brocos, Román Navarro, Dionisio Fierros, Ovidio Murguía Castro, Vilafinez, Álvarez de Sotomayor, Seijo Rojizo, Isaac Díaz Pardo…

Se a escalinata monumental que mira á ría dá paso ao grandioso xardín xeométrico con céspede e flores de buxo, que se construíu sobre un primeiro deseño do século XVIII, e que se cre obra do paisaxista Martin Thiebe; o acceso ao Pazo indícanos que penetramos nun espazo natural único, 17 hectáreas nas que conviven formacións clásicas de xardín ornamental, xardín hortícola, arboredo frutícola e bosque.

O Pazo de Mariñan está na Ruta das Camelias de Galicia por dereito propio, ao contar con numerosas camelias antigas de gran desenvolvemento multicontral ás que se foron sumando ao longo do tempo distintos exemplares, todos da variedade Camellia Japonica, que dan gran colorido ao xardín a finais do inverno.

Un visitante atento atopa neste espazo natural un tratado de botánica vivente, unha colección de árbores únicas, centenarios e especies raras e exóticas chegadas de todo o mundo que falan da fertilidade e “hospitalidade” da terra galega. Nesta enumeración hai arboledo monumental como plátanos de sombra de ata 50 metros de altura, chopos negros ou eucaliptos centenarios que, segundo a tradición, naceron das sementes que Frei Rosendo Salvado, arcebispo de Nova Nursia trouxo de Australia no século XIX para regalarllas aos seus amigos propietarios de pazos en Galicia para ser plantadas como árbores ornamentais exóticas. Tamén atopamos árbores autóctonas seculares: teixos, érbedos e anciáns exemplares de mirto común, rododendros ou especímenes raros en xardíns galegos como a Clethra arborea, o ciprés de Portugal, a palmeira datileira ou o freixo do Maná.

O gozo do Pazo de Mariñán ten un perfecto colofón na visita a Bergondo, en pleno corazón das Mariñas.


Máis información:

  • Horario de visitas
  • Teléfono de atención a visitantes: 673 050 399
  • Correo: pazo.marinan@dacoruna.gal
  • Endereito: Mariñán 15165 Bergondo
  • Teléfono: 981 777001
  • Fax: 981 794404
  • Teléfono Servizo de Patrimonio: 981 080366
  • Central Deputación provincial da Coruña: 981 080300
  • Onde comer
  • Onde durmir

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

GCiencia lanza un proxecto audiovisual para divulgar a historia do Reino de Galicia

A iniciativa, seleccionada pola área de Cultura da Deputación da Coruña, ofrecerá contidos escritos e audiovisuais en YouTube e TikTok

Faro de Ons, a torre que salvou vidas

Está situado a 128 metros sobre o nivel do mar e data do ano 1926

O futuro do río Anllóns: sensorizado e sen flora invasora

A Deputación de Coruña prevé a boa conservación da súa contorna co control e análise da súas augas e a eliminación de especies impropias da zona

A Vía Verde de Compostela recupera o pasado das estacións ferroviariais

A Deputación de Coruña impulsa a recuperación do patrimonio industrial espallado ao longo da ruta a través da realidade virtual