As Mariñas custodia en Betanzos o segredo da mellor tortilla

Nesta vila coruñesa podemos gozar dunha gastronomía caracterizada polo produto de proximidade

CONTIDO PATROCINADO POLA DEPUTACIÓN DA CORUÑA

Se hai un tema gastronómico que suscita especial discusión é o referente ao xeito de preparar a tortilla: fina ou gorda, con cebola ou sen ela, ben callada ou pouco feita… Un bo lugar onde reflexionar sobre todas estas cuestións gastronómicas é Betanzos, localidade coruñesa con sona de facer as mellores preparacións segundo unha receita tradicional que non deixa lugar a dúbidas: unha tortilla zumarenta, con patacas, ovos e aceite de calidade e… sen cebola.

Publicidade

A singularidade da receita radica precisamente na súa sinxeleza, o que non quere dicir que a preparación e o seu acabado tan especial sexan doados de conseguir. Soamente mans expertas, con dedicación e agarimo conseguen dar co punto exacto para que a combinación funcione e pase a proba dos máis selectos padais que se achegan ata esta vila para degustar os seus preparados.

A menos de media hora en coche da cidade da Coruña, nesta vila de monumental casco histórico e relevante pasado podemos gozar dunha gastronomía caracterizada polo produto de proximidade. A tortilla, feita con pataca e ovo da zona, os produtos de horta como o repolo e o viño da terra de Betanzos son incentivo para moitos viaxeiros atraídos polos produtos gastronómicos singulares e de calidade.

Publicidade

Unha semana para a tortilla

Poderiamos dicir que, en Betanzos, non hai establecemento dedicado ás tapas que non inclúa na súa carta a tortilla, un produto que é motivo de visita para moitas persoas que elixen esta localidade como destino das súas vacacións, escapadas ou excursións. “Non hai mesa que non pida unha”, asegura Pepa Miranda, propietaria e cociñeira en Casa Miranda.

Ao xuízo da hostaleira, unha das claves desta famosa tortilla pasa por prestar atención á calidade da materia prima: “preocúpome moitísimo pola calidade do ovo, busco a mellor pataca, branca e con sabor, e soamente traballo con aceite de oliva”, asegura.

Porén, matiza que non só son importantes os ingredientes, senón que a forma de elaboración e a atención ao detalle son primordiais á hora de obter os mellores resultados. A ese respecto, confesa que algúns dos seus segredos para conseguir a tortilla perfecta residen no coñecemento do punto exacto de sal e na preparación da pataca, picándoa fina e desigual, fritíndoa ben pero sen chegar a tostala e empregando tixola e non frixideira.

Pero, sobre todo, o truco está en “dedicarlle moito tempo” e implicación persoal á receita. “Sufro se non me sae como eu quero”, recoñece a veterana cociñeira, quen lembra que “cando Casa Miranda botou a andar, hai 45 anos, a tortilla de Betanzos non era tan coñecida como o é agora xa que nos últimos anos, cos concursos, foise dando a coñecer máis”.

Unha vez ao ano, durante a Semana da Tortilla de Betanzos que se celebra no mes de setembro, a vila convértese nunha xanela na que descubrir e degustar as distintas preparacións da especialidade local.

E aínda que o estilo e presentación da tortilla de Betanzos fan que sexa única, cada establecemento da localidade ten a súa forma de traballar. “O certo é que tira a zumarenta, pero cada mestriño ten o seu libriño e cada unha vai ser distinta”, recoñece Pepa Miranda, quen afirma que, no caso de que algún cliente pida a tortilla con cebola ou máis ben pasada “tamén se lle fai”.

Unha vez ao ano, durante a Semana da Tortilla de Betanzos que se celebra no mes de outubro, a vila convértese nunha xanela na que descubrir e degustar distintas opcións da especialidade local. O gañador representa a Betanzos no certame nacional de tortilla de patacas e, en numerosas ocasións, o máximo galardón ten recaído precisamente no finalista betanceiro.

Co gallo do evento gastronómico local, nado en 2007, os establecementos concursantes compiten por ser os autores da mellor preparación, unha forma de dar visibilidade ao prato estrela local e, ao mesmo tempo, estimular a mellora continua. “Non se pode baixar a garda e hai que manter a calidade”, afirma con rotundidade a responsable Casa Miranda, cuxa tortilla ten sido premiada en 5 edicións do concurso local.

Ademais de ser protagonista da súa propia semana, a tortilla tamén está presente nas principais celebracións betanceiras, sendo un produto gastronómico moi demandado tanto pola veciñanza como polos visitantes en festas como as de San Roque. Declaradas de Interese Turístico Nacional, estes festexos patronais son coñecidos por celebracións como o lanzamento do globo e a romaría fluvial dos caneiros.

Os outros sabores das Mariñas

Pero a comarca coruñesa das Mariñas non só custodia o segredo das mellores tortillas. Un percorrido por esta terra ofrece a oportunidade de descubrir outras exquisiteces como o mexillón do porto de Lorbé, único nas Rías Altas con bateas para producir este saboroso molusco.

Outra opción indispensable á hora de descubrir os sabores deste territorio é o pan de Carral, acompañante máis que axeitado para calquera das especialidades gastronómicas da zona. A súa elaboración artesanal e o seu miolo de gran esponxosidade son as súas principais marcas de identidade.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Canto creceron as cidades galegas nos últimos 10 anos? Descúbreo neste mapa interactivo

A plataforma World Settlement Footprint Tracker sinala que tan só o 1,56% da superficie galega está ocupada por urbes ou contornas urbanas

O tesouro micolóxico da illa de Cortegada: é o lugar do mundo con máis densidade de fungos

O micólogo Saúl de la Peña atopou no enclave das Illas Atlánticas 1.500 tipos de cogomelos, cando se estima que hai uns 2.000 en toda Galicia

O virus da encefalite transmitida por carrachas chega a Galicia: un estudo detecta anticorpos en animais

Un equipo da USC confirma a circulación do patóxeno, considerado unha ameaza de saúde pública pola gravidade dos síntomas neurolóxicos que pode causar

Un proxecto galego producirá mexilla mellorada en criadeiro para combater a falta de semente silvestre

O sector do mexillón galego é responsable de preto da metade da produción que abastece a Unión Europea