O catedrático da UVigo Adolfo Cordero. Foto: Duvi.
O catedrático da UVigo Adolfo Cordero. Foto: Duvi.

A nova árbore evolutiva das libélulas, con selo galego

O catedrático da UVigo Adolfo Cordero é o único científico español que participa na clasificación filoxenética máis completa dos odonatos

A pesares de que a día de hoxe existe xa un amplo coñecemento sobre boa parte das preto de 6300 especies de libélulas existentes no planeta, na historia evolutiva destes insectos aínda quedan baleiros por encher. Co obxectivo de resolver algunhas das cuestións pendentes no referido aos graos de parentesco existentes entre diferentes grupos de especies, 14 entomólogos e entomólogas de seis países, entre os que se atopa o catedrático da Escola de Enxeñaría Forestal Adolfo Cordero, participaron nun estudo que, a través do uso de xenómica dirixida, permitiu levar a cabo unha revisión da árbore filoxenética dos odonatos. Os resultados deste traballo recóllense nun artigo publicado na revista Molecular Phylogenetics and Evolution, no que redefinen esta árbore coa incorporación de cinco novas familias de especies, á vez que restitúen outras dúas, que perderan a consideración de familias en investigacións previas.

Trátase, como explica Cordero, dunha “revisión da clasificación dos odonatos a nivel mundial”, que parte do uso de “secuencias de ADN de última xeración” para obter nova información dalgunhas das familias de especies “que aínda tiñan difícil encaixe na evolución do grupo”. Coordinado polo investigador da Brigham Young University estadounidense Seth M. Bybee, este estudo constitúe “a clasificación filoxenética máis completa” destes insectos, xa que parte dunha “análise xenética a longa escala” de 136 especies de libélulas pertencentes a 46 das 48 familias ou incertae sedis, aqueles grupos “dos que non se sabe cales son os seus parentes máis próximos”, existentes.

Exemplar de 'Mesagrion leucorrhinum', única especie da nova familia 'Mesagrionidae', fotografado en Colombia. Foto: Adolfo Cordero.
Exemplar de ‘Mesagrion leucorrhinum’, única especie da nova familia ‘Mesagrionidae’, fotografado en Colombia. Foto: Adolfo Cordero.

14 entomólogos e entomólogas de Estados Unidos, Países Baixos, Canadá, Colombia e España asinan un estudo no que se intentou “incluír todos os grandes grupos de libélulas do mundo”, como salienta o investigador principal do grupo EcoEvo (Ecoloxía Evolutiva e da Conservación). Ao mesmo tempo, traballouse cunhas secuencias de ADN moito máis amplas das habitualmente empregadas neste tipo de estudos, xa que intentaron analizarse 478 xenes de cada especie, “mentres que o habitual en traballos anteriores eran tres ou catro”, apunta Cordero, que destaca que o traballo de secuenciación realizado polo grupo que coordina Bybee supuxo “un salto cualitativo moi importante”, que fai deste un estudo “que penso que vai ter bastante percorrido”.

Como explica Cordero, os avances tecnolóxicos fan posible a día de hoxe “secuenciar moitas partes do xenoma” destes insectos, un proceso complexo e moi custoso, pero que permite obter “moitísima máis información” de cara a tentar “resolver algunhas cuestións que quedaban pendentes acerca do grao de parentesco entre algunhas das familias e saber cales son as que derivan dun tronco común”. Non en van, aínda que a investigación abrangueu tamén o manexo de datos referidos á morfoloxía, ecoloxía e comportamento de diferentes especies, a información molecular permite facer fronte a posibles “conclusións erróneas”, posto que dúas especies diferentes “poden parecerse entre si porque evolucionaron a partires dun antepasado en común, pero tamén porque están vivindo nun ambiente similar”, lembra o docente da EE Forestal.

Xunto aos investigadores de Brigham Young, no estudo participaron expertos das universidades estadounidenses de North Carolina, Alabama e Florida State, do Museo Americano de Historia Natural e do Museo de Historia Natural de Florida; así como da axencia de agricultura do Goberno de Canadá, da colombiana Universidad de Rosario e do Centro de Biodiversidade Naturalis, dos Países Baixos, ademais do catedrático da UVigo. Nese senso, ao traballo de procesado das secuencias sumouse a colaboración de expertos e expertas de diferentes países, “cada un deles especialista nalgún grupo de libélulas”, como é o caso de Cordero, que achegou tamén unha serie de mostras de “individuos difíciles de conseguir e que nós tiñamos”, como resultado de investigación previas que o grupo EcoEvo levara a cabo en diferentes partes do mundo.

A árbore evolutiva proposta por este grupo de expertos e expertas mantén en primeiro termo as tres subordes (Anisoptera, Anisozygoptera e Zygoptera) xa definidas previamente, nas que se divide a orde dos odonatos, dentro das que sinala a existencia de 48 familias de especies, que á súa vez agrupan cada unha delas un ou varios xéneros. Concretamente, as novas familias propostas son as Amanipodagrionidade, Mesagrionidae, Mesopodagrionidae, Priscagrionidae, Protolestidae, cinco grupos de especies “que non tiñan aínda unha situación definida”, como recoñece Cordero. Así mesmo, a raíz da información molecular obtida, propoñen tamén a “reintegración” doutras dúas familias, Rhipidolestidae e Tatocnemididae, que foran consideradas como tales previamente, pero que un estudo previo situara como “subfamilias” doutros grupos.

“Isto non deixa de ser unha proposta, que dependerá tamén do que opinen outra serie de expertos”, salienta Cordero, que lembra que a “taxonomía é unha ciencia histórica”, que obriga a deducir a evolución das especies a partires da situación actual. De feito, a pesares de que a información xenética analizada permitiu “resolver bastantes casos” de grupos de especies que ata agora definíanse como incertae sedis, aínda existen outros “dos que non hai case información”, por atoparse unicamente en lugares recónditos ou de difícil acceso, e cuxo estudo podería implicar cambios no futuro nesta clasificación.

Este estudo súmase ás numerosas publicacións en revistas científicas do grupo EcoEvo, como o artigo que Cordero e Iago Sanmartín asinaban recentemente, xunto aos investigadores da Universidade de Sao Paulo Rodrigo Rocourt Cezário, Rhainer Guillermo-Ferreira e Vinicius Marques Lopez co obxectivo de rebater as afirmacións realizadas polo filósofo Ben Bramble sobre os depredadores. Publicado na revista Animal Biodiversity and Conservation, este artigo busca dar resposta aos “inxenuos argumentos” propostos por Bramble nun artigo previo, no que sostiña que os depredadores infrinxen dor e medo as súas presas e propuña dúas alternativas para “minimizar” os seus efectos, que para os asinantes “carecen de sentido” tanto desde o punto de vista científico como ético, ademais de que deixan, lembran, a plantas, fungos e organismos unicelulares.


Referencia: Phylogeny and classification of Odonata using targeted genomics (publicado en Molecular Phylogenetics and Evolution).


Podes ver a noticia do DUVI nesta ligazón.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.