Unha investigación da USC profunda na figura da “adúltera castigada” do Pórtico de Praterías

O profesor José María Anguita Jaén vén de publicar unha extensa análise sobre a imaxe da muller cun cranio no colo que xa é mencionada no ‘Liber Sancti Iacobi’

José María Anguita Jaén, profesor de Filoloxía Latina na Facultade de Humanidades do Campus de Lugo, acaba de publicar unha ampla investigación sobre a imaxe da muller cun cranio no colo, a ‘adúltera castigada’, esculpida no Pórtico de Praterías da Catedral de Santiago de Compostela (ca. 1100), que xa é mencionada no Liber Sancti Iacobi e cuxo significado segue fascinando na actualidade, pois deu pé a múltiples interpretacións. O artigo titúlase Niveis de lectura e paralelos literarios da mulier adulterata (Liber Sancti Iacobi 5,9) do Pórtico de Platerías: o Ruodlieb e o Cuento de los Tres Consejos (ATU 910B) e veu a luz no Annuarium Sancti Iacobi. O documento contribúe tamén a homenaxear a figura do cóengo arquiveiro José María Díaz Fernández.

Este traballo centra a súa atención na enigmática escultura dunha muller cun cranio no seu colo representada no Pórtico de Praterías da Catedral de Santiago de Compostela, e asociada indisolublemente a unha estraña narración resumida no Liber sancti Iacobi (5,9) do Códice Calixtino. “A nosa proposta, por unha banda, entende esta figura como unha imaxe polisémica, con varios significados, que poderían resultar mesmo antagónicos, pero que poden coexistir en distintos planos de interpretación”, explica o investigador.

Publicidade

Por outra banda, a partir do resumo do Liber sancti Iacobi e da análise do Ruodlieb e outros textos literarios contemporáneos, proponse como fonte un relato perdido pero cuxo argumento completo sobreviviu, grazas á tradición, no coñecido como Conto dos Tres Consellos (ATU 910B). A partir dos temas e as datas involucradas, “propoñemos que a iniciativa destas creacións artísticas ao redor do motivo da muller cun cranio xurdiu do debate ao redor do matrimonio promovido en ambientes relacionados coa reforma gregoriana na segunda metade do século XI, co fin de cristianizar unha institución sobre a que pesaba máis un arcaico e bárbaro dereito consuetudinario que o propio dereito canónico”, sinala.


Referencia: Niveles de lectura y paralelos literarios de la mulier adulterata (Liber Sancti Iacobi 5,9) del Pórtico de Platerías: el Ruodlieb y el Cuento de los Tres Consejos (ATU 910B), publicado no Annuarium Sancti Iacobi

Publicidade

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un historiador galego consegue que o Louvre cambie a procedencia dunha escultura

O estudo de Francisco Prado-Vilar sobre a procedencia dun felino de pedra establece que provén da basílica San Isidoro de León

“Faino ti!”: o reto que destapou aos 40 anos a vocación de Juan Oliveira, o escultor dos cabalos

Cúmprense 20 anos da morte do autor de obras como a fonte da praza de España de Vigo, un artista que descubriu o seu talento por casualidade

Químicos galegos desenvolven novas técnicas para coidar e restaurar obras de arte

Investigadores do CiQUS de Santiago propoñen ferramentas capaces de detectar de forma rápida e non invasiva problemas en óleos e esculturas