Un historiador galego consegue que o Louvre cambie a procedencia dunha escultura leonesa

O estudo de Francisco Prado-Vilar sobre a procedencia dun felino de pedra establece que provén da basílica San Isidoro de León

Non todos os días un dos museos máis visitados do mundo cambia a súa información por unha investigación galega. O historiador Francisco Prado-Vilar vén de comprobar como o Louvre actualizou o rótulo que acompaña a unha escultura románica dun felino despois de ler o seu traballo. “Sen probas finais pero tampouco sen dúbidas”, a institución parisiense subscribe o estudo que explica a procedencia da peza histórica de San Isidoro de León.

Esta curiosa historia remóntase a hai ano e medio. Segundo relata o distinguido investigador da Universidade de Santiago (USC), foi convidado como profesor visitante na École des Hautes Études e, na súa visita ao museo parisiense, unha pequena escultura localizada entre varias salas chamoulle a atención. “Semellábame familiar, pero non sabáa que estaba no Louvre e vendo o rótulo, non poñía nada máis que podía pertencer a España, á contorna de León”, detalla Prado-Vilar. Foi nese momento cando decidiu comezar a súa indagación.

Publicidade

Localización da escultura no museo Louvre. Foto: Cedida.
Localización da escultura no museo Louvre. Foto: Cedida.

Tras solicitar documentación da escultura ao propio museo atopouse con que só tiñan un informe de compra. Este indicaba de que a escultura foi adquirida ao anticuario parisiense Brimo de Laroussilhe en febreiro de 1936. “Teño traballado bastante a arte dese período, sobre todo na basílica de San Isidoro de León, e tentei atopar a que portada pertencía este felino a través de diversos arquivos fotográficos que xa manexaba de estudos anteriores”, relata.

Portada norte

Na súa primeira hipótese, Prado-Vilar barallou que a escultura podería proceder da portada sur da basílica. “Pero a través de diversas fotografías da época comprobei que os leóns desa zona foron destruídos, o que me levou a reforzar a idea de que podía proceder da fachada norte do transepto e que era similar aos da sur“. Segundo traslada o investigador, o felino exposto no Louvre puido salvase do destino dos seus “irmáns” debido a que esta portada foi tapiada por varias construcións. Ademais, no século XX o restaurador responsable do arranxo desta parte da basílica levouno do seu enclave orixinal. “E por certas circunstancias que non están moi claras acabou no mercado en París”, sinala.

Publicidade

Así, tras a publicación do seu artigo no portal Románico Digital, o investigador galego mandoulle o seu estudo ao director do ‘”‘Departamento de Escultura anterior a 1.500 do Louvre’ que “quedou encantado”, segundo palabras de Prado-Vilar. “O máis sorprendente é cambiaron a información na súa páxina web moi pouco tempo despois e, xa a semana pasada, puiden comprobar en primeira persoa que mudaron o letreiro que acompaña a escultura. Ademais sorprende que matizan a información cun “sans doute”, que se pode traducir como un sen probas finais pero sen dúbidas”, conclúe.


Referencia: Un león románico en París: En busca de los fragmentos perdidos de la basílica de San Isidoro (Publicado en Románico Digital)

Gloria Montenegro
Gloria Montenegro
Graduada en Xornalismo pola Universidade de Valladolid. Comezou a súa andaina profesional en Faro de Vigo e Si Radio de Galicia. A súa experiencia profesional levouna polas redaccións de Nós Diario e Metropolitano.gal, mais tamén pola comunicación de festivais como Revenidas ou de grupos como Banda Crebinsky. Sempre cunha cámara de fotografía na man, retratou artistas como Rodrigo Cuevas ou Tanxugueiras.

1 comentario

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Do Café Moderno de Pontevedra aos ‘Seis poemas galegos’: esta é a Galicia de Lorca

O poeta granadino visitou dúas veces a cidade, mantivo vínculos con destacados intelectuais e deixou unha fonda pegada na cultura, a paisaxe e a lingua

Un estudo arqueolóxico revela o papel esencial das mulleres na construción histórica do rural galego

A investigación pon de manifesto a importancia do traballo produtivo, doméstico e de coidados, así como o papel na transmisión de saberes

Unha investigación galega afonda no dó dos arroaces: que fan as nais cando morre unha cría?

Unha análise da CEMMA documenta os comportamentos das femias e identifica nos cachorros falecidos marcas asociadas ao seu acompañamento

Unha investigación da USC profunda na figura da “adúltera castigada” do Pórtico de Praterías

O profesor José María Anguita Jaén vén de publicar unha extensa análise sobre a imaxe da muller cun cranio no colo que xa é mencionada no ‘Liber Sancti Iacobi’