Tres traballos publicados recentemente por científicos do CiQUS de Santiago de Compostela afondan na conservación de obras de arte contemporáneo mediante a aplicación de nanomateriais e nanotecnoloxía. Nestes estudos, o grupo liderado por Massimo Lazzari presenta un novo ‘kit de diagnóstico’ que permite analizar fielmente se unha obra de arte presenta síntomas de avellentamento precoz, detectando marcadores de degradación a partir de distintas nanotecnoloxías desenvolvidas no laboratorio; e o que é aínda máis importante: consegue facelo sen danar o traballo, segundo explican desde o centro de investigación compostelán.
As propostas dos científicos galegos conseguen diagnosticar o estado das obras sen danalas
Estes traballos enmárcanse no proxecto ‘NanoRestArt’ (‘Nanomaterials for the Restoration of Works of Art’), unha iniciativa financiada pola Comisión Europea no marco do programa ‘Horizonte 2020’ .
“Nun contexto tan fráxil como o artístico”, explica Lazzari, “é especialmente significativo lograr crear unha nova ferramenta que permite tomar as mostras sen deixar marca algunha na obra: xa non é necesario destruír un fragmento para analizar o seu estado”.
Oxidación nas obras de arte
Un dos principais problemas que deben afrontar as obras de arte é a oxidación, un proceso natural que ten lugar na materia orgánica. En contacto co osíxeno, a radiación solar e outros factores ambientais, esta materia (presente, por exemplo, na pintura ao óleo ou nos plásticos dalgunhas esculturas) degrádase e deteriórase.
Na actualidade, os conservadores dos museos e galerías de arte recorren á conservación preventiva, controlando os riscos que afectan ás obras. Porén, os métodos para determinar o momento óptimo para acometer un labor de restauración específica seguen sendo excesivamente rudimentarios e invasivos, xa que requiren da toma de varias mostras para a súa posterior análise, o que en maior ou menor grao acaba supoñendo un prexuízo para a obra.
Pero as propostas dos científicos composteláns ofrecen unha nova perspectiva. Nun dos traballos, publicado na revista Chemical Communications, descríbese o desenvolvemento teórico dun substrato para a análise das mostras mediante a técnica SERS (Espectroscopia Raman Amplificada en Superficie), en virtude do cal foi posible validar a nova ferramenta.
Os científicos mostran o procedemento seguido para a súa fabricación e explican o funcionamento dalgúns substratos desechables de plástico, obtidos mediante litografiado brando e recubertos de aluminio. Para iso recorreron a distintas técnicas, entre as que destaca especialmente a caracterización por microscopía electrónica EELS (Espectroscopía Electrónica de Perdas de Enerxía), levada a cabo no Centro de Microscopia Electrónica da Technical University, en Dinamarca.
Por outra banda, os outros dous traballos expoñen as aplicacións do novo kit de diagnóstico. O primeiro, publicado na revista Journal of Raman Spectroscopy, demostra a aplicación da metodoloxía sobre pinturas ao óleo, mentres que no segundo, publicado en Talanta, valídase a efectividade da técnica sobre plásticos modelo e obras de arte en material plástico, un traballo feito público pola revista Talanta.