O refuxio do ameazado mexillón de río: 35.000 exemplares do ‘termómetro’ dos ecosistemas

Investigadores do campus Terra da USC leva máis dunha década traballando na protección e conservación desta especie en perigo de extinción en Galicia

Exemplares adultos de mexillón de río. Foto: Paz Ondina.
Exemplares adultos de mexillón de río. Foto: Paz Ondina.

O mexillón de río ou náiade (Margaritifera margaritifera) foi ata o século XX unha especie moi presente nos ríos galegos. Era e é, segundo os científicos, un moi bo indicador da calidade dos ecosistemas fluviais, xa que resulta moi sensible ás alteracións do seu hábitat. Hoxe en día aínda persiste nalgúns cursos de auga do país, pero o seu declive, impulsado pola contaminación da auga, a construción de barreiras como presas e encoros e a aparición de especies exóticas invasoras, levouna a estar catalogada en perigo de extinción. Aínda así, Galicia conserva nas súas concas fluviais o 80% da poboación ibérica deste bivalvo. E nunha estación preto de Lugo, na ribeira do río Mera, no Veral, un equipo de investigadores da USC desenvolve desde hai máis de 10 anos un proxecto para protexer e recuperar a especie.

Este martes, a estación do Veral recibiu a visita da conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, ata onde tamén se desprazou a vicerreitora de Coordinación do Campus de lugo, Montserrat Valcárcel, así como a directora Xeral de Patrimonio Natural da Xunta de Galicia, Belén Do Campo, e o delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, entre outros representantes políticos. Alí, a coordinadora do grupo de Conservación de Peixes e Moluscos (CoPeMol) da USC, Paz Ondina, explicou os traballos a prol da especie, entre os que destacan a cría de 35.000 exemplares de mexillón de auga doce.

Nun primeiro momento, as accións de recuperación do mexillón de río foron impulsadas por unha actuación dentro do proxecto Life Margal Ulla (2010-2016), coordinado pola Dirección Xeral de Conservación da Natureza (actualmente de Patrimonio Natural) da Consellaría de Medio Ambiente da Xunta de Galicia, no que a USC participou como socio beneficiario, a través do grupo de Química Ambiental e de Conservación de Peixes e Moluscos. Con aquela iniciativa, segundo explica Paz Ondina, perseguíase non só a recuperación das poboacións da náiade Margaritifera margaritifera e do desmán ibérico na bacía do río Ulla, senón tamén a mellora do seu hábitat.

Visita da conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, á estación do Veral (Lugo). Foto: Xunta de Galicia.
Visita da conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, á estación do Veral (Lugo). Foto: Xunta de Galicia.

Dende o momento no que finalizou o proxecto Margal Ulla, a Xunta e a USC asinaron un convenio para continuar a tarefa de cría da especie. Actualmente, a estación de cría de bivalvos de auga doce de O Veral é a única da Península Ibérica. Este carácter pioneiro levouna tamén a ser a primeira en comezar como un dificultoso plan piloto que acumula xa un importante recorrido experimental que conta neste momento cos 35.000 exemplares de mexillón de río nas súas instalacións.

O mexillón de río Margaritifera margaritifera “é unha xoia descoñecida dos ríos galegos”, salientou a conselleira Ángeles Vázquez, ao tempo que recordou a importante función que cumpre este bivalvo de agua doce como biofiltrador, extraendo da columna de auga algas, bacterias e partículas de materia orgánica. Dado que o declive desta especie ten consecuencias directas para o ecosistema dos ríos, Vázquez destacou que “a Xunta aposta por incrementar as poboacións de mexillón de río para mellorar a calidade das augas fluviais galegas e as poboacións piscícolas que habitan nas mesmas”.

Estudan o papel da troita e o salmón como dispersores do mexillón de río

Por parte da USC, Paz Ondina aproveitou a presenza de Ángeles Vázquez para poñer en valor a colaboración sostida que mantén coa Administración autonómica. O convenio, renovado en outubro pasado e vixente ata 2023, contempla unha achega de 85.000 euros, un financiamento que contribúe esencialmente á contratación de persoal indispensable para o mantemento dunhas instalacións dunha estación, cuxo obxectivo próximo pasa por ampliar o cultivo da especie a outras bacías de Galicia, ademais de manterse como referente para o resto da Península.

O grupo de investigación de Conservación de Peixes e Moluscos da USC está implicado na actualidade nun proxecto da Fundación Biodiversidad, así como nunha iniciativa europea para as que tamén contou co apoio explícito da Consellería de Medio Ambiente. Esta colaboracións, subliña Ondina, reseñan a importancia de sumar sinerxías entre organismos públicos, compartindo con éxito e de xeito exemplar recursos e transferindo os resultados da investigación e os coñecementos aos técnicos responsables da xestión da conservación de hábitats e especies.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.