Bautizados antes de nacer: o ritual exclusivo de Galicia con raíces na Idade do Ferro

O historiador Aitor Freán publica un estudo sobre o rito para protexer os embarazos que prohibiu a Igrexa no século XVIII

Un sábado a medianoite, cos raios da lúa chea proxectados sobre a ponte da Ramallosa, alguén debuxa unha cruz sobre o ventre dunha embarazada e, despois, verte auga do río sobre o seu corpo. O obxectivo deste ritual ancestral é protexer a xestación e conseguir que o embarazo chegue a termo, co nacemento dun neno san. Parece un rito de hai séculos pero algúns investigadores apuntan que se segue a practicar hoxe en día, pero en segredo. Este ritual, denominado bautismo anticipado, non se comprende ben dende a óptica actual pero tampouco dende a cristiá. Así o defende o historiador galego Aitor Freán Campo, quen cre que as raíces desta celebración están na Idade do Ferro. O investigador, que acaba de publicar un estudo na Revista de Folklore, tamén explica que se trata dun rito exclusivo do noroeste peninsular e, sobre todo, dalgúns puntos de Galicia, dado que non existe constancia de que se practicase noutras zonas.

“Sabemos que se facía na Coruña, nas Rías Baixas, en Asturias, no norte de Portugal e nalgún punto de Estremadura. Non hai constancia de que se practicase en Lugo, por exemplo. De todas formas, isto non significa que non estivera máis estendido. A xente facíao ás agachadas porque estaba mal visto“, explica Freán. De feito, a Igrexa condenou e perseguiu o bautismo anticipado dende comezos do século XVIII. A referencia máis antiga data de 1719, cando o bispo de Tui urxía a erradicación desta práctica. Algo que reafirma o arcebispo de Santiago, Gil Taboada, en 1747. Unha condena que non só se aplicou en Galicia, senón tamén en Portugal, onde se chegou a definir como “práctica diabólica”. Tal persecución por parte da Igrexa dá a entender, en palabras de Freán, que era un ritual “bastante estendido” entre a poboación.

Publicidade

“As embarazadas estaban desesperadas. Non había médicos e a única opción era rezar”

AITOR FREÁN, autor do estudo

Porén, esta activa persecución por parte da Igrexa puxo en xaque a supervivencia desta cerimonia ancestral. Dado que estaba mal visto socialmente, as embarazadas que se sometían a esta práctica tiñan que facelo na clandestinidade. Isto provocou que perdese visibilidade, que queden poucos testemuños e que se apostara por outras opcións mellor vistas pola relixión. Por exemplo, as ofrendas a santos. “As embarazadas recorrían a estes rituais porque estaban desesperadas. No rural non había médicos ou eran moi caros e a Igrexa a única solución que che daba era rezar”, puntualiza Freán. Segundo explica no seu artigo, a estocada final chegou na década dos 60 do século XX, cando se xeneraliza a asistencia médica e os partos comezan a perder progresivamente a súa vinculación co ámbito doméstico. Polo tanto, a xente abandona as supersticións asociadas á saúde e á fertilidade para abrazar a ciencia.

De todos modos, o investigador trata de afondar nas raíces do bautismo anticipado. Cre que esta cerimonia é dificilmente comprensible se non se acode a mentalidades anteriores á romanización do noroeste peninsular. “Este ritual está moi relacionado coa morte, cos cruceiros e coa auga, que era un elemento importante na Idade do Ferro”, defende. Segundo explica no artigo, e dada a falta de tumbas e outras evidencias arqueolóxicas sobre a morte neste período, todo indica que os falecidos eran incinerados. Despois, faríase unha celebración da comunidade a modo de banquete e, a continuación, depositaríanse os restos nunha corrente de auga. “Esta realidade veríase reforzada coa existencia dunha deusa como Nabia, encargada de garantir o tránsito do mundo dos vivos aos mortos a través dos ríos”, apunta Freán no seu artigo. Ademais disto, a importancia da parroquia e a celebración dun banquete posterior á práctica do bautismo anticipado conectarían este ritual coas tradicións da Idade do Ferro.

Publicidade

Como se practicaba?

Este ritual aínda chega aos nosos días, aínda que non hai moitas evidencias sobre a súa práctica dado o seu matiz de clandestinidade. Pénsase que segue a facerse na zona da Ramallosa, en Nigrán, onde xa quedaba constancia desta cerimonia nunha noticia publicada en El Pueblo Gallego en 1945. Tamén se documentan bautismos anticipados na ponte do Burgo, en Pontevedra, en La Revista Popular e Diario de Pontevedra, ambas informacións datadas a finais do século XIX. “Si que se segue facendo na actualidade e incluso hai algún documental no que se recrea esta práctica. Non se ten máis constancia porque se ten medo ao que dirá a xente. De todas formas, hoxe en día está o problema da iluminación pública, que fai moi complicado que este ritual se faga ás escondidas”, explica Freán, dando conta da progresiva desaparición deste ritual.

Os cruceiros e as correntes de auga eran os factores determinantes para realizar o ritual

Segundo o recollido no seu artigo, o rito debía celebrarse preferiblemente os sábados, sempre que coincidise con lúa chea ou crecente. Aínda que hai algunhas variacións segundo as fontes consultadas, adoitaba realizarse á medianoite, agás na zona de Ribeira e Mazaricos, onde se facía ao amencer. No que respecta ao espazo, a cerimonia tiña que levarse a cabo nunha ponte con cruceiro no seu centro ou nas súas inmediacións. Porén, Freán especifica no seu artigo que as pontes non eran comúns en Galicia, sobre todo antes do século XIX, polo que os trazos máis determinantes para a realización do ritual eran a presenza de cruceiros e correntes de auga. Así, podía facerse en cruces de camiños ou, en ocasións excepcionais, na propia casa da embarazada.

Un dos aspectos que enfatiza Freán no seu artigo é a importancia dos cruceiros no contexto deste ritual, dado que a súa presenza era imprescindible para realizar o bautismo anticipado. A súa construción comeza a popularizarse a partir do século XVII, xusto cando se difunde a idea do Purgatorio. Isto favorece a celebración de misas para salvar as almas dos defuntos, xunto con oracións e ofrendas nos lugares onde estaban os cruceiros ou os petos de ánimas. “O cruceiro asumiu dende os seus inicios unha vinculación fundamental co imaxinario da morte do noroeste peninsular”, indica Freán na súa investigación.

Pénsabase que calquera interrupción, incluída a dun animal, sería un sinal de mal augurio

Unha vez determinados o tempo e o espazo, incluídos os elementos arquitectónicos fundamentais para a realización do bautismo anticipado, comeza o ritual. A embarazada irá acompañada das persoas da súa maior confianza que deben levar os instrumentos necesarios para facer a cerimonia, como un recipiente para verter a auga. Logo, a muller deberá colocarse no centro da ponte ou no lugar do camiño marcado polo cruceiro mentres os acompañantes pechan os accesos ao lugar. Pénsabase que calquera interrupción, incluída a dun animal, sería un sinal de mal augurio. Por exemplo, segundo explica Freán, na ponte de Pintelos, na Cañiza, pechábase o acceso con ramas e paus.

As persoas que pasaban polo lugar tiñan que manter o silencio e non podían pasar ata que rematase a cerimonia. E non só iso, a primeira en chegar ao lugar sería a madriña ou o padriño do bautismo anticipado. Unha vez que esta persoa aceptaba a petición, descubríase o ventre da embarazada e pronunciábanse diferentes fórmulas que están documentadas. Por exemplo: No nome de Deus, o Fillo e o Espírito Santo, para que veñas a este mundo san e salvo. Tamén se adoitaba debuxar unha cruz sobre o ventre, que en función das zonas podía ser máis dunha en diferentes partes do corpo. Finalmente, procedíase a verter auga corrente sobre o corpo da muller. Se era en zonas de costa, a auga salgada aplicábase directamente. Se era en zonas de interior, rezábase antes de verter a auga doce sobre o ventre. Para rematar o ritual, celebrábase un banquete no que participan as persoas implicadas.

A primeira en pasar polo lugar sería a madriña ou o padriño deste particular bautismo

A forma de practicar o bautismo anticipado depende das zonas e non é uniforme. Aínda que se circunscribe, segundo as evidencias, á zona do noroeste peninsular, pode que estivese máis estendida do que se pensa. E pese que hai constancia de que se segue a practicar hoxe en día nalgúns puntos de Galicia, é residual. O que realmente determinou a súa progresiva perda de funcionalidade non foi a prohibición da Igrexa, que si favoreceu que se practicase na clandestinidade. Senón que o que propiciou o abandono da superstición foi, como non podía ser doutra maneira, a chegada da ciencia e da razón. Unha vez que se democratiza a asistencia médica, os rituais de fertilidade e saúde das embarazadas perden a partida.

  1. Na parroquia de Macendo en Castrelo de Miño, este acto fíxose para as personas que non lograban ter fillos.

  2. Na Pobra do Caramiñal mantíñase e defendíase esta práctica cando menos ata na segunda metade dos sesenta do pasado século. A ponte de Santo Antón, vínculo da vila coa parroquia do Xobre, veu máis dunha vez ese bautismo. Sempre coa primeira persoa que cruzaba a ponte, nunha ou noutra dirección, xusto despois da media noite. A petición facíaa unha persona intermediaria, e nin a embarazada nin o padriño mantiñan fala. Un pouco de auga das xunqueiras vertida, dende logo con coidado, polo escote, amplo a mantenta, da muller embarazada, pechaba o rito. Din que a cortesia obrigaba, de agromar o feito -poida ser que os non “florecidos” non se dixeran nin contaran- a “ofrecer” ao padriño do bautismo non nato ao ser tamén do recén nado. Poida que nunca fora certo, pero fermoso é o. Moito

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

O mar acada os 22 graos en Galicia: as claves dun quecemento inusual para maio

Os sistemas de observación detectan valores moi superiores á media habitual para maio, provocados pola acumulación de calor asociada a episodios persistentes

Documentado por primeira vez un gorgoncéfalo vivo en augas galegas

Investigadores do IEO localizan un exemplar xuvenil na Ría de Arousa, o que amplía o límite norte coñecido da especie

Como funciona a amizade entre arroaces? Así é como as bateas moldean a súa vida social nas Rías Baixas

O biólogo galego Bruno Díaz revela que as preferencias alimentarias condicionan a formación de vínculos entre cetáceos

O ventilador atlántico pon fin á calor en Galicia cun descenso das temperaturas de case 10 graos

Unha masa de aire frío procedente do noroeste traerá chuvias febles e ceos cubertos a partir do martes 2 de xuño