A área idónea do castiñeiro en Galicia abranguía en 2021 case 30.000 km2. Dentro de 80 anos, en 2100, o hábitat apropiado para esta árbore no territorio galego tan só será duns 7.000 km2. Polo tanto, produciríase a perda de máis do 75% da mellor área para o desenvolvemento do castiñeiro (Castanea sativa). Esa é a principal conclusión dun mapa elaborado polo investigador Dominic Royé, líder do grupo de Bioclimatoloxía e cambio global na Misión Biolóxica de Galicia (MBG-CSIC). Con datos extraídos da plataforma ForesteCCo, vinculada á Fundación para a Investigación do Clima (FIC), o científico da MBG-CSIC alerta da delicada situación do castiñeiro en Galicia e no resto da península ibérica.
A plataforma ForesteCCo calcula a situación de decenas de especies arbóreas ata o ano 2100 e baralla catro escenarios distintos: moi optimista, optimista, moi pesimista e pesimista. O mapa elaborado por Royé baseouse nos datos da última proxección: “Imos nese camiño, pese a todas as medidas de redución de emisións”. Así o expón o científico, quen cre que se non se toman decisións contra o cambio climático, o 75% da perda do hábitat idóneo do castiñeiro en Galicia non só será unha cifra, senón un escenario real. Precisamente os factores que poñen en risco o Castanea sativa na península son o aumento da temperatura e a redución da humidade, segundo explica Royé.
Un declive pronunciado
O mapa mostra con claridade que entre 1985 e 2014 todo o territorio galego foi un lugar perfecto para o desenvolvemento do castiñeiro. Só se ven unhas zonas moi concretas, como a comarca de Santiago, A Baixa Limia e unha área de Valdeorras nas que esta árbore non parecía atopar o hábitat axeitado para medrar. Seguindo a proxección de Royé, entre os anos 2021 e 2050 o castiñeiro iría perdendo cada vez máis enclaves, sobre todo nas Rías Baixas e na comarca de Santiago, así como en puntos da provincia de Ourense e en Ferrol.
Entre 2041 e 2070, Galicia volveríase cada vez menos propicia para a árbore caducifolia, ao perder a idoneidade do seu hábitat nas Rías Baixas, na Costa da Morte, así como nas áreas de Ferrol e A Coruña. O seu declive tamén iría a máis na provincia de Ourense respecto ás décadas anteriores. Finalmente, entre 2071 e 2100 só habería enclaves moi localizados que propiciarán o desenvolvemento do castiñeiro, como a parte oriental das montañas de Lugo e Ourense, o norte de Lugo e os límites entre as provincias de Lugo e A Coruña.
Limitacións do estudo
Non obstante, Dominic Royé aclara as limitacións do seu mapa e dos datos da plataforma. Por unha banda, a ferramenta deseñada polo investigador da MBG-CSIC non se refire á perda da poboación de castiñeiros en Galicia, senón a redución do seu hábitat idóneo. Polo tanto, o mapa non mostra directamente a perda de soutos, senón como se vai reducindo cada vez máis os lugares onde poden medrar os castiñeiros. Evidentemente, o declive do seu hábitat idóneo tería consecuencias directas sobre a árbore: “Estarían máis secas, producirían menos, terían menos froito e talvez sufrisen estrés”, indica o científico.
Amais disto, o mapa de Royé só ten en conta os factores climáticos e as especies naturais. É dicir, non se contemplan aquelas variedades que puideron ser modificadas para resistir mellor condicións máis duras. Finalmente, a simulación fíxose a unha resolución dun quilómetro. “Climaticamente pode haber zonas nas que haxa variantes do castiñeiro que se adapten ao novo escenario”, incide o investigador.
Dominic Royé insiste en que tanto o seu mapa como os datos achegados pola plataforma son unha proxección. Con todo, un estudo publicado pola Universidade de Santiago en marzo de 2025 xa alertaba das consecuencias que podían sufrir as poboacións de castiñeiros se non se toman medidas eficaces contra o cambio climático. A investigación, que tamén facía unha proxección de cara ao ano 2100, alertaba da redución da idoneidade do hábitat, con perdas máis pronunciadas na rexión mediterránea.
Moita humidade e temperaturas suaves
Segundo os autores do artigo, o hábitat idóneo do castiñeiro caracterízase pola humidade, con precipitacións anuais superiores aos 800 l/m2. Tamén necesita temperaturas medias de entre 10 e 15 graos. É dicir, unhas condicións que atopa facilmente en Galicia. Pero este escenario pode mudar nas próximas décadas a consecuencia do cambio climático. “Estimamos que o castiñeiro experimentará un desprazamento altitudinal duns 60 metros de media, migrando cara a zonas máis elevadas onde as condicións ambientais sexan máis favorables”, explicaban os autores cando se publicou o artigo. Aínda que o castiñeiro parece que vai mostrar máis resiliencia nas rexións atlánticas, tamén sufrirá cambios nestas zonas, sobre todo pola competencia doutras especies máis adaptadas ás novas circunstancias climáticas.
Ante o escenario que debuxa a investigación da USC e o mapa elaborado por Dominic Royé, o futuro do castiñeiro en Galicia é, cando menos, preocupante. As medidas que recomendan os investigadores da USC no seu estudo son a selección xenética de variedades máis resistentes á seca e a temperaturas extremas, o manexo eficiente da auga en plantacións agroforestais e a restauración de ecosistemas forestais degradados. Se non se toman estas medidas, haberá un forte impacto económico, dado que o castiñeiro é fonte de recursos madeireiros e alimentarios. A súa relevancia tamén hai que subliñala dende o punto de vista ecolóxico, posto que o seu declive podería propiciar cambios na composición dos bosques e na dispoñibilidade de hábitat para diversas especies.
Unha árbore de identidade
Estas simulacións e proxeccións climáticas serven para alertar sobre o escenario “pesimista” que lle agarda ao castiñeiro en Galicia. Xa non só pola perda do seu hábitat idóneo, senón pola necesidade de facerlle fronte a tantas outras amezas como o cancro, a tinta e o fungo Gnomoniopsis smithogilvyi, que podrece a castaña. A árbore enfróntase a numerosos retos e a ciencia galega está tratando de dar a voz de alarma. Deberíase escoitar máis ca nunca se se lembran as palabras de Josefa Fernández, primeira enxeñeira de montes de Galicia e quen desenvolveu toda a súa carreira como investigadora de Castinea sativa: “O castiñeiro é a árbore da cultura galega”.












