Un equipo galego revela que a camuflaxe dos trazos autistas aumenta o estrés

A investigación do CiMUS da USC e do IDIS incorpora por primeira vez biomarcadores para avaliar o impacto fisiolóxico, utilizando a concentración de cortisol no cabelo como indicador obxectivo

Esconder os trazos autistas en situacións sociais pode ter un custo maior do que se pensaba para a saúde. Un estudo liderado desde o Centro Singular de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas da USC (CiMUS) a través do grupo Genomics and Bioinformatics e o Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela (IDIS), do que tamén forma parte a universidade, en colaboración co Karolinska Institutet de Suecia, revelou que estas estratexias asócianse con marcadores de estrés psicolóxico e biolóxico, achegando unha nova perspectiva sobre como afecta a camuflaxe á saúde das persoas autistas.

“Este é o primeiro traballo que logrou achar evidencias de que a camuflaxe de trazos autistas pode actuar como estresor crónico, influíndo no eixo HPA (hipotálamo-hipofisario-adrenal), principal sistema de resposta do corpo ao estrés que involucra o hipotálamo, a hipófise e as glándulas suprarrenais, o que provoca unha elevación do cortisol acumulado“, explica a investigadora do CiMUS e coautora do estudo, Sabela Conde-Pumpido Zubizarreta.

Publicidade

Así, a investigación achega información clave para comprender mellor o burnout autista —un fenómeno cada vez máis estendido—, a saúde mental e para detectar perfís de risco.

315 persoas xemelgas participantes

O traballo analizou 157 parellas de xemelgos da cohorte sueca RATSS (Roots of Autism and ADHD Twin Study in Sweden), entre as cales 69 participantes eran persoas autistas sen discapacidade intelectual. A diferenza de estudos anteriores, baseados principalmente en cuestionarios, esta investigación incorporou un biomarcador obxectivo: a concentración de cortisol no cabelo, un marcador de estrés a longo prazo, que reflicte o estrés acumulado durante aproximadamente cinco meses. Esta aproximación permitiu obter unha imaxe máis obxectiva sobre o impacto da camuflaxe no organismo.

Publicidade

Os resultados mostraron que, a nivel xeral, as persoas que utilizaban con máis frecuencia estratexias de camuflaxe tendían a presentar maiores niveis de cortisol acumulado. No caso das persoas adultas, a camuflaxe asociouse tanto con síntomas relacionados co estrés psicolóxico como con niveis elevados de cortisol, o que subliña o impacto destas estratexias na vida adulta.

A xenética, factor clave

O estudo puido examinar, grazas á mostra de persoas xemelgas, o papel dos factores xenéticos e o ambiente familiar nesta relación. Os resultados indican que estes factores contribúen de maneira importante a como se vinculan camuflaxe e estrés.

“Pero o achado máis rechamante chegou ao controlar precisamente eses factores familiares e xenéticos: nas parellas nas que ambas as persoas eran autistas e nas parellas adultas, unha camuflaxe máis intensa asociouse con niveis máis baixos de cortisol acumulado. Unha posible explicación é que o uso continuado da camuflaxe fatigue o sistema neuroendocrino, reducindo a capacidade do organismo para producir cortisol de forma sostida”, comenta Conde-Pumpido Zubizarreta.


Referencia: The impact of camouflaging autistic traits on psychological and physiological stress: a co-twin control study (Publicado en Molecular Autism)

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un proxecto galego mellora a detección da deterioración cognitiva mediante análise de sangue 

Unha investigación do IDIS estuda novos biomarcadores para avanzar cara a unha detección máis temperá e un seguimento personalizado

Un centro da USC lidera unha rede europea arredor dos mecanismos xénicos das enfermidades humanas

O proxecto DECODES, coordinado polo CiMUS, contará con 4,5 millóns de euros e formará 15 investigadores predoutorais para estudar o papel do ‘splicing’

Unha terapia probada en Santiago frea ata nove meses a progresión do cancro colorrectal metastásico

O estudo liderado polo IDIS, galardoado nos Premios DISCOVERGI, consegue resultados de supervivencia moi favorables en un de cada cinco pacientes

O proxecto Sensoxenoma evidencia que a música deixa pegadas medibles nos xenes e proteínas

A investigación da USC e do IDIS cumpre cinco anos con máis de 20.000 mostras e detecta respostas biolóxicas tras a exposición sonora, tamén en persoas con TEA