Unha terapia probada en Santiago frea ata nove meses a progresión do cancro colorrectal metastásico

O estudo liderado polo IDIS, galardoado nos Premios DISCOVERGI, consegue resultados de supervivencia moi favorables en un de cada cinco pacientes

A doutora Nieves Martínez Lago, do Servizo de Oncoloxía Médica do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago de Compostela (CHUS) e investigadora do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela (IDIS), foi recoñecida nos Premios DISCOVERGI por un traballo do estudo BeTAS centrado en pacientes con cancro colorrectal metastásico

O proxecto analiza, en condicións de práctica clínica real, a experiencia cun tratamento combinado —trifluridina/tipiracil máis bevacizumab (FTD/TPI+BEV)— utilizado en pacientes con esta patoloxía que xa recibiran varias liñas terapéuticas. Participaron no estudo un total de 593 pacientes tratados en 19 hospitais españois, o que permitiu coñecer mellor os que poden obter un beneficio especialmente prolongado con esta estratexia.

Publicidade

Aproximadamente un de cada cinco pacientes permaneceu polo menos nove meses sen progresión da enfermidade, con resultados de supervivencia moi favorables dentro deste contexto clínico. Estes datos achegan información relevante para comprender mellor a resposta ao tratamento e avanzar cara a unha atención cada vez máis individualizada. “Este traballo pon tamén de manifesto o valor dos estudos de práctica clínica real, que permiten complementar a información procedente dos ensaios clínicos e coñecer como funcionan os tratamentos en pacientes atendidos na práctica asistencial habitual”, explica a Dra. Nieves Martínez.

Un grupo de investigación de referencia

A investigadora do grupo Oncomet do IDIS recolleu o galardón o pasado xoves 10 de setembro en Madrid, durante a final dos Premios DISCOVERGI, unha iniciativa científica da Fundación ECO (Fundación para a Excelencia e a Calidade da Oncoloxía), coa colaboración de Servier. O proxecto foi seleccionado entre os traballos finalistas no ámbito dos tumores dixestivos. Para a Dra. Martínez Lago, este premio supón un recoñecemento ao carácter colaborativo do estudo: “Detrás deste traballo hai moitas horas de esforzo, colaboración entre centros e, sobre todo, un gran equipo de investigadores. Este recoñecemento é de todos os profesionais e centros que fixeron posible o estudo BeTAS”. Un paso máis na traxectoria de Oncomet, que se consolida como un dos grupos de investigación oncolóxica de referencia no ámbito galego, estatal e internacional.

Publicidade


Referencia: Long-term responders to trifluridine/tipiracil plus bevacizumab in previously treated metastatic colorectal cancer: Results from the BeTAS real-world study (Publicado en Journal of Clinical Oncology)

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

O proxecto Sensoxenoma evidencia que a música deixa pegadas medibles nos xenes e proteínas

A investigación da USC e do IDIS cumpre cinco anos con máis de 20.000 mostras e detecta respostas biolóxicas tras a exposición sonora, tamén en persoas con TEA

Identificadas moléculas con potencial terapéutico en cancro no primeiro leite das vacas tras o parto

Un equipo galego revela que as vesículas extracelulares do calostro bovino frean de forma reversible a proliferación de tumores gastrointestinais

Unha tatuaxe para curar as uñas: a técnica galega para mellorar o tratamento das enfermidades ungueais

Un equipo da USC desenvolve un método minimamente invasivo que aumenta a eficacia terapéutica para patoloxías como a psoriase

Un equipo galego achega novas claves sobre a evolución dunha grave patoloxía circulatoria

O estudo do aneurisma de aorta abdominal achega unha base científica para o desenvolvemento de biomarcadores sanguíneos que permitan diminuír o risco dos pacientes