O cribado de cancro colorrectal detecta máis de 2.600 casos en Galicia nunha década

A Consellería de Sanidade informa dunha tendencia ascendente na participación, liderada polas mulleres cun 56% fronte ao 44% dos homes

O programa galego de detección precoz de cancro colorrectal, posto en marcha no ano 2013, diagnosticou, ata decembro de 2023, un total de 2.618 cancros, segundo traslada a Xunta. O 65% estaban en fase inicial, o que mellorou as posibilidades de tratamento e supervivencia dos pacientes.

O programa iniciouse na área de Ferrol no ano 2013 e na actualidade está implantado en toda Galicia. En xullo de 2019 completouse unha rolda de cribado en todas as áreas sanitarias. Desde o inicio deste proxecto, que desenvolve a Dirección Xeral de Saúde Pública, enviáronse 2.331.114 invitacións a participar, o que supón preto dun 99% de homes e mulleres de 50 a 69 anos, con respecto aos datos facilitados polo goberno galego.

Publicidade

As mulleres lideran a participación

O informe da Consellería de Sanidade constata que nos últimos anos existe unha tendencia ascendente na participación. Deste xeito, no 2023 superouse o 54% derivada, en parte, polo cambio de estratexia do programa, que pasou no 2022 a enviar directamente os tests aos domicilios. A participación no programa galego “é superior á media nacional”, segundo a Xunta.

As mulleres lideran a participación, cunha taxa do 56%, fronte ao 44% dos homes. Existen diferenzas na taxa de positividade global, máis alta nos homes, 7,14%, fronte ao 4,54% en mulleres.

Publicidade

Respecto da participación por rolda de cribado, obsérvase que aquelas persoas que xa participaron algunha vez volven facelo en preto do 90% dos casos.

Desde o inicio do programa e ata decembro de 2023, realizáronselles colonoscopias a 56.641 persoas e detectándose 23.100 persoas con lesións que requiren vixilancia, o que supón unha taxa de detección de lesións a seguimento do 21,6% por cada mil persoas.

Os cancros de intervalo, que son aqueles que se dan entre dúas citas de cribado, “foron mínimos, graza á alta sensibilidade do programa”, asegura o goberno galego. Ademais, o programa incorpora as actividades de seguimento de todas as persoas ás que se lles detecta un risco alto ou intermedio de padecer un cancro colorrectal.

Incidencia

O cancro colorrectal é o tumor máis frecuente en Galicia e o segundo en mortalidade. Cunha taxa de incidencia de 90,4 casos por 100.000 homes e 74,2 por 100.000 mulleres en 2022, este tipo de cancro supón un dos maiores desafíos de saúde pública. En concreto, máis de 1.100 falecementos anuais por cancro colorrectal en Galicia. A maioría dos casos diagnostícanse en estadios avanzados, o que limita as opcións de tratamento.

Ademais, a incidencia do cancro colorrectal aumenta significativamente a partir dos 55 anos. Segundo os datos do Rexistro Galego de Tumores, este grupo de idade concentra a maior parte dos novos diagnósticos.

Mensaxe e material

A invitación a participar á poboación diana —homes e mulleres de 50 a 69 anos residentes en Galicia— realízase a través dunha mensaxe por teléfono móbil. Ademais, envíase o material necesario para a toma de mostras das feces, acompañado dun folleto explicativo. A mostra pode depositarse en calquera centro de saúde da área de residencia das persoas, desde onde se envía ao laboratorio de referencia.

Se non se atopan restos de sangue nas feces, a proba considérase normal e en dous anos envíase de novo un equipo para a nova recollida da mostra. A persoa participante entraría na súa segunda rolda de participación.

Na actualidade, esta información envíase a través dunha mensaxe de texto ao teléfono móbil das persoas subscritas a este tipo de comunicación co Servizo Galego de Saúde e, ademais, atópase dispoñible na plataforma É-saúde.

Cita na atención primaria

Por outra parte, as persoas nas que se detectan indicios de sangue oculto nas feces son citadas na consulta de atención primaria para explicarlles o significado deste resultado e a necesidade de realizar unha colonoscopia. Posteriormente, no hospital de referencia realízaselles unha colonoscopia de cribado, a cal ten carácter de diagnóstico e tamén terapéutico, xa que se trata de visualizar e extirpar todas as lesións detectadas.

Unha vez realizada a colonoscopia e extirpadas, se é o caso, as lesións suxestivas de malignidade, o programa realiza unha avaliación individual do risco en función do resultado da anatomía patolóxica e establécese o seguimento adecuado. Este resultado da avaliación comunícaselle por carta á persoa interesada.

No caso de que se detecte cancro nalgún pólipo ou biopsia, o programa xestiona directamente unha cita no servizo de dixestivo ou en cirurxía. As persoas que precisan un seguimento mediante colonoscopia continúan no programa ata os 75 anos, de xeito que pasan a formar parte da actividade rutineira do programa de cribado.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

As Rías Baixas gardan a maior pegada toponímica da antiga presenza de focas en Galicia

Un estudo identifica 43 talasónimos asociados a estes animais mariños e reconstrúe a súa distribución histórica, con especial concentración na ría de Arousa

A nova Unidade Mixta da USC avanzará en anticorpos terapéuticos para cancro e doenzas inflamatorias

A iniciativa reúne persoal investigador do CiMUS e a biotecnolóxica SunRock Biopharma para impulsar tratamentos biolóxicos de precisión

O mar acada os 22 graos en Galicia: as claves dun quecemento inusual para maio

Os sistemas de observación detectan valores moi superiores á media habitual para maio, provocados pola acumulación de calor asociada a episodios persistentes

Documentado por primeira vez un gorgoncéfalo vivo en augas galegas

Investigadores do IEO localizan un exemplar xuvenil na Ría de Arousa, o que amplía o límite norte coñecido da especie