Un estudo vencella a exposición ás larvas dos ‘Anisakis’ co cancro de colon

Os investigadores subliñan que una presenza anormal do verme no organismo podería axudar a identificar unha maior susceptibilidade de desenvolver células canceríxenas no futuro

Un estudo liderado pola Universidade Complutense de Madrid (UCM) e a Fundación para o Fomento da Investigación Sanitaria e Biomédica da Comunitat Valenciana (Fisabio), levado a cabo con pacientes do Hospital Arnau de Vilanova de Valencia, sinala que persoas con cancro de colon teñen niveis máis altos de anticorpos fronte ao parasito Anisakis.

Anisakis é un nematodo, un tipo de verme que parasita o estómago dos mamíferos mariños. Os ovos producidos polas femias desenvólvense na auga. Algúns crustáceos mariños inxeren estas larvas e, tras isto, os peixes que se comen a estes crustáceos quedan infectados.

Publicidade

Un hóspede pouco habitual

Os humanos poden actuar como hóspedes accidentais ao consumir peixe cru ou pouco cociñado. Este parasito de transmisión alimentaria causa graves problemas de saúde pública en todo o mundo. Os parasitos localizados na mucosa gástrica ou intestinal poden causar afectación gastrointestinal. Ademais, o anisakis tamén pode provocar reaccións como urticaria, asma e anafilaxe.

A inflamación crónica como resultado dunha infección persistente pode provocar danos no ADN, maior expresión de xenes vencellados ao cancro, diminución da morte celular e suprimir o sistema inmunolóxico. Estas son algunhas das razóns da indución do cancro. Por este motivo expúxose a hipótese dunha relación entre os Anisakis e o cancro, porque as respostas celulares aos produtos liberados polas larvas de Anisakis poderían provocar inflamación e dano ao ADN.

Publicidade

“Os niveis máis altos de anticorpos revelan que estes pacientes entraron en contacto coas larvas deste parasito en maior medida que o resto da poboación, o que suxire unha asociación entre Anisakis e o cancro de colon”, sinala Carmen Cuéllar, coautora do artigo e responsable do grupo de Inmunobioloxía e Inmunomodulación Parasitaria da UCM .

“Fai máis de tres décadas xa se postulaba que Anisakis puidese estar relacionado co cancro gástrico, comprobándose o potencial canceríxeno dos produtos liberados polas larvas, pero ata a data non había evidencias que suxerisen unha relación entre este parasito do peixe e o cancro de colon”, engade Cuéllar.

Parasitos e cancro, unha relación antiga

“Os linfocitos T analizados no presente traballo son parte da inmunidade innata e por tanto un reflexo da resposta inmune dos pacientes. Unha diminución destes linfocitos como se describe neste artigo pon de manifesto non só a relación entre Anisakis e cancro de colon senón tamén a diminución da resposta inmune destes pacientes oncolóxicos fronte a este axente canceríxeno” explica Francisca López Chuliá, coautora do estudo.

“No noso grupo xa describiramos correlacións entre algúns parasitos e o cancro de colon; mesmo nas fases temperás e premalignas. Este estudo revela a posibilidade de identificar persoas cunha maior susceptibilidade á enfermidade e o potencial de xerar novos mecanismos para previla” conclúe Antonio Llombart, autor principal do artigo e responsable do grupo Oncoloxía clínica e molecular no Hospital Arnau de Vilanova.

Referencia: Anti-Anisakis antibodies in colon cancer patients and their relationship with γδ T-cells (Publicado en Parasitology Research)

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

00:06:28

Un microscopio feito a medida para estudar nanopartículas individuais

Investigadores do CINBIO incorporan un equipo hiperespectral de campo escuro sen equivalente comercial, capaz de medir moléculas que ata agora só se podían analizar en conxunto

Un estudo galego revela que os lumes favorecen ás aves máis afectadas polo abandono rural

A USC e o CSIC investigan a Serra do Xurés e analizan a recuperación desigual segundo o hábitat, cunha maior vulnerabilidade das especies forestais

Extraer ADN de amorodos ou resolver unha ‘escape room’ climática: así será a sexta edición da G-Night

A Noite Galega das Persoas Investigadoras terá lugar o 25 de setembro de xeito simultáneo nas sete cidades galegas

Identificadas moléculas con potencial terapéutico en cancro no primeiro leite das vacas tras o parto

Un equipo galego revela que as vesículas extracelulares do calostro bovino frean de forma reversible a proliferación de tumores gastrointestinais