O paseo dos namorados (Cervo, Lugo) é un deses lugares ao que acudir na busca da tranquilidade e o illamento. Meus pais ían de mozos. Eu, case sempre soa. É un lugar máxico, perdido no tempo dun pasado ilustre. Foi aquí onde o Marqués de Sargadelos estableceu a primeira siderurxia integral de toda España, a cal se considera tamén o primeiro modelo de capitalismo industrial do país. Case nada.
Hoxe, a maleza cobre algunhas das instalacións abandonadas do Marqués, mais a nave de Fundición da factoría mantén vivo o lume da forxa: fai catro anos, Telmo Cao (1986) empacou as súas pertenzas, repartidas entre Vic (Cataluña) e A Coruña, para montar o seu taller de forxa artística e escultórica en Sargadelos. Esta semana, organiza o seu primeiro obradoiro de forxa tradicional co obxectivo principal de apostar polo troco xeracional dun oficio que se está a perder. A historia, sempre se soubo, é cíclica. O broucazo no incre segue a soar en Sargadelos séculos despois da primeira martelada.
Medrar entre debuxos
Cao naceu na vila de San Cibrao, moi preto deste Conxunto Histórico-Artístico. Como bon fillo de artista, de pequeno pasaba horas no taller de seu pai Anxel, ceramista e escultor: “Crecín rodeado de debuxos e proxectos artísticos. Ata tiñamos unha pequena forxa, a cal comecei a usar sendo neno”. Isto axudoulle a ver que o que quería facer na súa vida estaría tamén vencellado á expresión artística, só tiña que atopar que era o que a el lle removía. A resposta chegou aos 18 anos: “Comecei na escola de artes aplicadas, na Coruña, onde cursei estudos de escultura, e despois funme especializando en todo o relacionado co metal”, conta.
E de alí, a aprender as técnicas perdidas da man dos mestres da forxa en León, Toledo, Vizcaya, Palencia, Barcelona, a rexión galaico-asturiana dos Oscos e ata Italia. Especializouse na escultura en metal e, despois, na fundición en bronce. No seu percorrido tivo a sorte de caer nas mans de Miquel Xirau, quen por aquel entón era considerado, segundo conta Cao, o mellor ferreiro de España.
Mudar o que non muda
A aprendizaxe dun oficio nunca remata, segundo o forxador. Ao feito de tentar recoller as técnicas que levan centos de anos empregándose nun coñecemento ancestral que a miúdo pasaba de pais a fillos, xúntase o que a tecnoloxía actual pode achegar: “De feito, cómpre lembrar que ata hai cen anos as técnicas da forxa eran a vangarda, o máis adiantado da nosa industria. Agora temos novas opcións que poden axudar, e o lóxico é empregalas. Se te pechas a empregar as novas solucións que temos na actualidade estás completamente perdido. Non podes ser rendible a día de hoxe porque, queirámolo ou non, temos que competir coa industria”.
A forxa consiste en dar forma e vida a metais como o ferro ou o aceiro aplicando distintos tipos de presión nos materiais. Ben sexa grazas á calor do lume da forxa ou á forza do martelo mecánico, as mans de Cao xogan e crean ao seu enteiro antollo, deformando e amosando a incrible plasticidade duns materiais que sempre consideramos inmutábeis.
Arte, artesanía e deseño
“Fago cousas cotiás cargadas de arte, ou esculturas utilitarias, é dicir, pezas artísticas que podemos empregar no noso día a día”, explica. A súa obra vai dende rellas, escaleiras ou cancelas ata auténticas filigranas a grande escala. Cada peza é única, forxada a man por el mesmo e feita dun xeito artesán.
O equilibrio entre a funcionalidade dunha peza e a súa expresión artística é complexa, mais Cao procura sempre o equilibrio entre as dúas partes: “Ao final, as pezas teñen que cumprir o seu obxectivo. Unha cancela ten que abrir, por exemplo. Ás veces tes que adaptar a parte artística ou pensar de novo a idea que querías transmitir, pero sempre atopas o xeito de facelo”. O deseño da peza a partir dunha idea básica, o cal implica adaptar o abstracto á física, e a parte do proceso coa que máis goza o forxador.
En moitas ocasións, Cao emprega as formas da natureza, máis orgánicas, para dar vida ás súas pezas: “Lembro unhas escaleiras que fixen para unha veciña do meu pobo, para as cales nos inspiramos nunhas algas que chamamos correas de mar (Himanthalia Elongata). En Galicia atópanse en perigo de extinción, mais diante da súa casa, no barrio da Fontiña, aínda as podes atopar”.
Da Sagrada Familia ao lugar onde todo comeza
Xa como mestre forxador, Cao chegou a ter dous talleres en funcionamento ao mesmo tempo, un na Coruña e outro en Barcelona: “No ano 2014 facía moitos traballos para xente que vivía en Mallorca ou Menorca, así que establecín unha base en Cataluña”. E así foi como un rapaz dunha vila da mariña lucense comezou a traballar para clientes como a Sagrada Familia.
Porén, seis anos despois unha pandemia parou o mundo, e Cao decidiu que era o momento de voltar: “Xa non tiña moito sentido seguir en Cataluña porque toda a miña familia estaba aquí. Chegoume o momento de pelexar dende a miña casa. Entón, outro home da vila, que ten un estaleiro artesán, faloume deste sitio e da posibilidade de montar o meu taller na antiga fundición. Eu xa coñecía parte da súa historia: lembro vir de pequeno con meu pai e alucinar ao escoitar as mil historias do Marqués e do metal. Todo cuadrou”.
Lonxe do epicentro
Apostar por unha contorna máis illada e rural, coma sempre, ten o seu cariz B: “Fixen moita forza para non montar un taller alí, porque ao final o feito de estar nunha cidade como Barcelona implica ter traballo sempre, e non é doado renunciar a iso. Os primeiros dous anos de taller en Sargadelos non tiña nin cobertura. Así que pasas dun lugar onde hai unha efervescencia total a un sitio onde a túa oficina está montada nunha furgoneta”. Outra vida e outros ritmos.
Grazas a que xa ten unha traxectoria que o avala, Cao traballa dende Sargadelos facendo pezas únicas para toda España. No ano 2022 a Guía Homo Faber, que amosa aos mellores mestres artesáns de Europa, recoñecería o seu traballo no eido da forxa: “Para min é un chute de enerxía. Cando te adicas a algo así, que pouca xente fai, vas un pouco ás cegas, así que foi como unha mensaxe tranquilizadora. Vale, estouno facendo ben”, conta.
Unha defensa da tradición e da nosa historia
Á pregunta de como posiciona un ferreiro artesán o seu traballo nos tempos de Amazon e da produción en masa, Cao defende que o que os seus clientes sempre comparten, independentemente do seu poder adquisitivo, é o feito de saber apreciar un traballo feito con cariño e esmero e que conta unha historia: “Tendemos a facer cousas que funcionen e pouco máis, e non valoramos outros aspectos como a calidade, o deseño ou que unha peza estea pensada e creada para un lugar determinado. Porén, tamén hai persoas que apostan por ter unha peza feita deste xeito máis tradicional, e penso que cada vez máis xente o valora”.
O forxador lucense fai unha auténtica labor de arqueoloxía para recuperar as técnicas e os procesos da forxa tradicional: “Hai moito coñecemento que envolve ao oficio, pero a meirande parte esqueceuse. Eu vou á xente de toda a vida para recuperalo, ou aos manuais dos anos 50, cando a industria que tiñamos era completamente artesanal”.
Á dificultade para acceder a estes coñecementos, que xa só existen nos libros antigos ou no recordo dos nosos anciáns, súmase a problemática do troco xeracional nos oficios artesáns, conta: “Todo o noso patrimonio material e inmaterial estase a perder. Eu tiven que percorrer moitísimos lugares para aprender as derradeiras técnicas da man dos maiores que aínda as coñecían”. Por iso, un dos obxectivos do obradoiro de forxa tradicional que está a celebrar estes días no seu taller é iniciar á xente no oficio e transmitir o que el foi capaz de recuperar nestes anos.
Protexer o propio
As institucións apostan cada vez máis por manter vivos os oficios artesáns, explica Cao, mais aínda queda camiño, e no caso da forxa pasa por valorar o noso patrimonio actual: “Un pulo moi grande para nós, en España e en Galicia, sería ter un apoio real por parte da administración e da nosa contorna. Temos unha morea de edificios simbólicos nos que se substitúen certas pezas forxadas a man, que tamén son patrimoniais, por outras industriais. Simplemente conservando as técnicas tradicionais nestes casos xa teríamos moito feito”.
Agora no paseo dos namorados escóitase o son dos martelos, tal e como se escoitaba hai centos de anos, tal e como se escoitará, de seguro, moitos anos despois.