Unha ponte milenaria a través dos artesáns da madeira

Un documental narra o vínculo tecido pola ciencia para achegar os obxectos atopados en xacementos da Idade de Ferro aos artesáns da actualidade

“É preciso ter imaxinación para ver nestes anacos de madeira unha culler, unha vasilla ou un cesto, pero son algúns dos moi poucos exemplos que nos quedaron de como traballaban os artesáns da madeira na Idade de Ferro no noroeste da Península. E quixemos, dalgún xeito, traelos ao presente”, explica María Martín Seijo, investigadora do Grupo de Estudos para a Prehistoria do NW Ibérico – Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio (GEPN-AAT) da Universidade de Santiago de Compostela, que leva anos estudando como os poboadores desta etapa se valían dos bosques, as sementes e a madeira na súa vida cotiá. Dunha destas investigacións, a do castro de Castromaior, en Portomarín, xurdiu o proxecto que esta semana se presentou en forma de documental no Museo do Pobo Galego.

Co nome “O latexo do tempo: tres pezas, tres artesáns”, o traballo, dirixido por Illa Bufarda, teceu lazos entre tres dos restos atopados en Castromaior, (a culler, a vasilla e o cesto dos que fala Martín Seijo) e artesáns contemporáneos da madeira: Lolo de Severiano (Manuel Castro), Tito Ledo e Lola Tourón. “É algo moi interesante en dous sentidos; por unha banda, os artesáns de hoxe poden obter información de como os da Idade de Ferro facían os seus instrumentos. E por outra banda, queremos animalos a que eles recreen esas pezas, despois de interpretalas. Temos así unha vía non só para a investigación, senón tamén para a musealización e divulgación, expoñendo a recreación destas pezas ao público, e incluso para que os propios artesáns as comercialicen”, resume a investigadora.

Publicidade

O latexo do tempo humano. Tres pezas, tres artesáns. from Illa Bufarda on Vimeo.

Alén disto, outra das reflexións é facer, dalgún xeito, “unha viaxe ao tempo anterior a que o plástico comezara a substituír a case todos os instrumentos que usamos na nosa vida cotiá, e que procedían da contorna”. Tal e como explican no proxecto, “o espazo forestal era obxecto de múltiples aproveitamentos, xa que proporciona de forma simultánea unha produción diversificada”, polo que había que xestionar e traballar os recursos leñosos a través de, por exemplo, a poda, coñecendo as características de cada unha das especies para usalas con diversos fins. Así, a abeleira era máis acaída, ademais do aproveitamento dos froitos, para a confección de entretecidos, manufacturas ou leña, mentres que as vasillas e as cuncas fabricábanse a partir de troncos de ameneiros e freixos.

Publicidade

Ao contrario do que acontece na gran maioría dos xacementos do noroeste peninsular, con solos ácidos que impiden a conservación de restos orgánicos, os de Castromaior mantivéronse durante máis de 2.000 anos debido a que alguén lle prendeu lume. “Intepretamos que meteron todos os obxectos dentro do fogar e queimárono, por iso se carbonizaron e chegaron a hoxe”, conta María.

O incendio de Nigrán que segue falando 2.000 anos despois

As pezas de madeira

Cesto: Fonte das imaxes: María Martín Seijo.
Cesto: Fonte das imaxes: María Martín Seijo.

O documental, enmarcado no proxecto MATERIAL (Materialidade e Cultura Material: Madeira e outros materiais vexetais en contextos arqueolóxicos) financiado pola Xunta de Galicia e que rematou a mediados de 2019, dálle a cada un dos artesáns unha peza para que reflexione sobre ela. No caso do cesto, por exemplo, Lola de Tourón achégase aos renovos e tiras de abeleira, atopados por debaixo dun derrubo de pedra, e fragmentados, pero nas que se pode albiscar a combinación de varas e rachas, cunha técnica considerada como cestería mixta. Segundo as análises, os renovos de abeleira tiñan arredor dun ano de idade, cortados durante o período de crecemento do leño final (outono-inverno), mentres que as pezas de madeira rachada foron obtidas tamén de pólas de abeleira pero dun calibre maior.

Grazas a isto, explica María Martín, pode documentarse “a antigüidade da técnica mixta para a elaboración de cestos, e as prácticas de silvicultura asociadas a aquelas especies utilizadas en cestería, como a abeleira, que precisan de podas periódicas para obter materias primas adecuadas para o tecido dos cestos”.

Vasilla. Fonte das imaxes: María Martín Seijo.
Vasilla. Fonte das imaxes: María Martín Seijo.

A vasilla torneada, na que traballou Lolo de Severiano, ten paredes finas e está feita en madeira de ameneiro, probablemente dun tronco. No caso da técnica do torneado, a investigadora destaca: “Foi curioso que moitos artesáns da madeira buscan os referentes do torneado en Exipto, pero nós descubrímoslle, dalgún xeito, que aquí tamén había antecedentes disto”.

No caso da culler, á que se achegou Tito Ledo, o anaco recuperado corresponde coa “primeira que se documenta no noroeste peninsular”, e está confeccionada en madeira tamén de ameneiro.

Restos das tiras do cesto. Fonte das imaxes: María Martín Seijo.
Restos das tiras do cesto. Fonte das imaxes: María Martín Seijo.

O documental presentouse este xoves no Museo do Pobo Galego, nun acto no que participaron Manuel Vilar, director da institución, María Martín Seijo, Sabela Iglesias e Pilar Abades de Illa Bufarda; e os tres artesáns protagonistas do documental.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un proxecto galego analiza dous séculos de presenza humana na Antártida a través de obxectos

A investigación está liderada pola arqueóloga María Ximena Senatore e conta cunha Advanced Grant pola que recibirá case dous millóns e medio de euros durante cinco anos

De campamento neandertal a enterramento: os achados das escavacións en Cova Eirós e Monte Penedo

Os traballos, liderados dende a USC, permiten descubrir restos óseos infantís e adultos e amplían os períodos de ocupación humana das cavidades

O equipo de Santa Clara cre que o cerebro saponificado pertenceu a unha monxa de entre os séculos XVII e XIX

O órgano atopouse durante e escavación de tres tumbas no coro baixo da igrexa e agora está depositado nunha cámara frigorífica da USC para garantir a súa conservación

Unha investigación da USC descobre por primeira vez mercurio nas cerámicas galegas de hai 5.000 anos

Dous estudos científicos revelan que as mostras procedentes do illote de Guidoiro Areoso destacan por presentar os valores máis altos rexistrados na análise