A maioría de solos galegos, bastante ácidos, desintegran 'rapidamente' os ósos. No caso de terreos areosos, como este da Lanzada, os esqueletos poden durar máis, ata milleiros de anos.

A maioría de solos galegos, bastante ácidos, desintegran 'rapidamente' os ósos. No caso de terreos areosos, como este da Lanzada, os esqueletos poden durar máis, ata milleiros de anos.

A máquina do esquecemento dos solos galegos

O substrato ácido, maioritario en Galicia, acelera a desaparición de restos óseos e complica as investigacións

En moitos xacementos de Galicia, os investigadores tópanse unha e outra vez con cofres do tesouro que acaban estando baleiros. Necrópoles que poderían aportar moitos datos grazas á análise dos ósos dos devanceiros: como vivían, que comían, que doenzas tiñan… Pero na meirande parte do noso territorio, iso non é posible. Os solos galegos, principalmente ácidos, descompoñen a gran velocidade os esqueletos, e con eles desintégrase a posibilidade de coñecer un pouco mellor a nosa historia.

Escavación do Monte do Castro, en Ribadumia. Moitos xacementos non conservan restos óseos.

Escavación do Monte do Castro, en Ribadumia. Moitos xacementos non conservan restos óseos.

Rafael Rodríguez, arqueólogo da Deputación de Pontevedra, coñece ben esa sensación de que unha parte da Historia marchou para non volver. “Hai grandes lagoas de coñecemento. O gran problema que se nos presenta é que, en moitos casos, non podemos saber como morría a xente ou como a enterraban. Da Idade de Ferro sabemos onde vivían, algunhas das súas costumes… Pero sobre a morte descoñecemos aínda moitas cousas”.

Olalla López Costas, antropóloga da USC, subliña a desvantaxe que ten Galicia neste aspecto: “A porcentaxe de restos humanos ben conservados é moito menor que noutras zonas da Peninsula. As características químicas da maioría dos nos nosos solos non permiten que se conserven esqueletos humanos máis alá duns poucos centos de anos”.

Que aconteceu nos solos?

O clima atlántico ‘lavou’ o solo de Galicia. “A importancia das precipitacións e a excelente drenaxe, condicionada pola topografía e a xerarquización fluvial, levan a que os solos perderan unha gran proporción dos elementos liberados pola alteración dos minerais das rochas”, explica Felipe Macías, catedrático de Edafoloxía da USC. “O sodio e o calcio, principalmente, e o magnesio, o potasio e o silicio, en menor medida, son os que máis rapidamente se perden; isto leva a que os solos de Galicia sexan ácidos, cun pH 4,5-5,5 dominante”, engade o profesor.

Olalla López, antropóloga da USC.

Olalla López, antropóloga da USC.

Con este panorama, predominan os solos derivados de rochas graníticas, que representan un 45% do total. Son solos “cunha escasa capacidade de retención de auga e unha drenaxe moi rápida, que secan rapidamente cando non hai precipitacións, ou son escasas”, di o edafólogo da USC.

Non en tanto, cabe subliñar que “o pH non é o único factor determinante para a alteración dos restos. A presenza de limos e arxilas tamén favorece que os esqueletos non se degraden, ou o fagan máis lentamente”, di Costas, un factor que tamén subscribe Felipe Macías.

E como afecta isto aos restos biolóxicos? Nas partes brandas, o proceso é máis rápido nos solos ben drenados, xa que a actividade biolóxica é moi elevada, sobre todo no casos das zonas graníticas. E en canto aos ósos “os principais responsables son a acidez, a hidrólise e a disolución“. Así, unha vez baixo terra, os restos teñen unha esperanza moi baixa de ‘supervivencia’. “De cinco anos para os tecidos brandos e un máximo dalgunhas decenas de anos para os máis duros e insolubles”, sostén Macías.

Nos solos máis ácidos, os ósos só resisten unhas decenas de anos

Precisamente, unha das liñas de investigación de Olalla López é a análise da interacción entre solos e os esqueletos, para entender como se producen os cambios químicos que fan que un esqueleto desapareza: “Non todos os ósos se alteran coa mesma facilidade; con independencia da acidez inicial do solo onde foron soterrados, as costelas son moito máis sensibles que os ósos máis largos, por exemplo, un fémur, e que o cranio“. Outro dos achados foi que “o pH do solo tamén se ve alterado cando está en contacto cos restos humanos, e vólvese máis alcalino, debido ao enriquecemento con algúns dos elementos químicos liberados polos esqueletos, como o calcio ou o estroncio”.

O arqueólogo Rafael Rodríguez.

O arqueólogo Rafael Rodríguez.

Hai que ter en conta, sinala a antropóloga, que “os solos ácidos provocan unha rápida alteración da parte inorgánica dos ósos (a principal é a bioapatita, un fosfato de calcio), que vai desaparecendo a medida que se liberan os elementos que a compoñen e pouco a pouco, estes van pasando a formar parte do solo”.

Doble vertente

É, por tanto, un proceso de vasos comunicantes. “E isto é un punto forte“, subliña Olalla. Nos estudos vese que “os esqueletos tamén incorporan elementos do solo, pero non por unha única vía; existen elementos metálicos, coma o uranio, que parecen ser absorbidos pola matriz e fixados nos fosfatos, sen que medie unha alteración do solo. Outros, como o aluminio, parecen integrarse ao mesmo tempo que desaparecen o calcio e o estroncio; e outros como o zirconio, que forman parte de partículas moi pequenas que se adhiren á superficie do óso”.

E na arqueoloxía, como acontece na vida, da necesidade faise virtude. “Que haxa poucos restos limita a reconstrucción da vida das persoas que poboaron Galicia; e polo outro, fai que todos os científicos, administración e sociedade esteamos moito máis concienciados do seu alto valor, para que sexan ben estudados e protexidos”, apunta López Costas.

Felipe Macías sinala que, en xeral, “hai importantes oscilacións dos tempos na desintegración total”. Engade Olalla López que, como en todo, hai excepcións, xa que “temos coleccións que van dende a Idade do Bronce ata o século XVII”.

Hai máis vantaxes nos terreos ácidos. “Algúns metais, coma o bronce, consérvanse moi ben. É algo que curiosamente non acontece en zonas areosas”, explica Rafael Rodríguez. Pero se falamos de ósos, a proximidade do mar é motivo de optimismo. No litoral galego, baixo a influencia de augas mariñas ou a poalla salina, que afectan tamén ao solo, “pode darse unha importante desecación e conservación dos restos, incluso durante séculos ou milenios”, o mesmo que sucede en zonas calcáreas, apunta Macías.

E da positiva influencia do mar pode dar fe Rafael, un dos responsables dos importantes achados no castro da Lanzada, a carón da praia do mesmo nome. E o mesmo aconteceu en Adro Vello, en San Vicente do Mar (O Grove) ou na rúa Real da Coruña, tamén con solos areosos.

Felipe Macías, catedrático de Edafoloxía da USC. Foto: UPTC.

Felipe Macías, catedrático de Edafoloxía da USC. Foto: UPTC.

Foi precisamente na Lanzada onde os ósos revelaron un dato ben curioso: ‘narraron’ a gran actividade mineira e metalúrxica do imperio romano. Grazas a que se conservaron, os arqueólogos puideron averiguar os metais que se fixaron nos ósos daquelas persoas cando estaban vivas. Así, segundo sinala Olalla López, “na Lanzada obsérvase que os individuos da época romana tiñan máis chumbo nos ósos, e viuse que a maior parte del non viña do solo, senón do ambiente contaminado pola minaría e a metalurxia”.

A vida propia que teñen os solos, os sucesos que aconteceron sobre eles ou a pegada do home tamén poden ser cruciais en que hoxe atopemos, ou non, restos óseos baixo os nosos pés. Rodríguez traballou en situacións curiosas: “Nun xacemento en Ribadumia tivemos ‘sorte’ porque houbo un incendio hai 2.000 anos que lle restou acidez ao solo, e os ósos estaban mellor conservados do habitual”.

Pero non é norma que os incendios sexan positivos para a arqueoloxía. Porque a erosión do solo, un fenómeno que se verá moi ben durante os vindeiros meses tras a vaga de incendios que afectou a Galicia, acelérase tras os lumes. Segundo sinala Felipe Macías, en xeral, os solos galegos “teñen un escaso espesor e un baixo grado de evolución, relacionada coa intensidade dos procesos erosivos, favorecidos polas fortes pendentes, condicións climáticas frías e actuacións incorrectas do uso do solo, como son os frecuentes incendios e a deforestación”.

Unha razón de peso, por tanto, para coidar algo máis o solo que no futuro albergará os restos da Galicia contemporánea. En parte polas condicións que veñen dadas, en parte pola man do ser humano, baixo os nosos pés desaparece para sempre un anaco do que nos serviría para poder comprendérmonos mellor.

Unha resposta a “A máquina do esquecemento dos solos galegos”

Deixar unha resposta

XHTML: Podes empregar estas etiquetas: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.