Venres 19 Abril 2024

“O castro da Lanzada é un auténtico libro de historia de Galicia”

Rafael Rodríguez, arqueólogo da Deputación de Pontevedra, estivo á fronte das escavacións recentemente realizadas no castro da Lanzada. Rodríguez destaca o carácter excepcional dun sitio arqueolóxico que permite rastrexar a evolución das formas de vida na zona desde o século VIII a.C ata a actualidade.

-Cales son os principais achados realizados durante as escavacións na Lanzada no segundo semestre de 2016?

Publicidade

En primeiro lugar conseguimos ampliar a área visible do sitio arqueolóxico, que antes era duns 640 metros cadrados e agora achégase aos 2.000. Inicialmente buscabamos restos dunha vila romana e dun mosteiro medieval pero, como adoita ocorrer en arqueoloxía, atopamos sorpresas e non apareceron esas cousas, pero si outras moi interesantes.

-E non había restos da vila romana?

-Efectivamente hai restos da ocupación romana pero non se pode falar dunha “villae” porque se trata de estruturas illadas. Por encima deses restos atopamos unha estrutura tardorromana que aínda non pode chegar a definirse. A factoría de salgadura que xa aparecera en 2010 foi crecendo con esta nova escavación. Tamén atopamos parte da necrópole que xa se sabía que estaba pero compróbase que é máis grande do previsto. Agora hai que saber se se trata de enterramentos realizados de maneira puntual ou pertencen a unha extensión maior da necrópole existente. Apareceron catro individuos adultos (tres deles completos) e restos de 13 bebés, todos menores dun ano. Parece tratarse dun pequeno mausoleo dedicado a nenos, que se pode datar entre os séculos I e II d.C. Os restos dun dos adultos pertence a unha muller que viviu entre os séculos V e VII d.C.

“Apareceron catro individuos adultos e restos de 13 bebés, todos menores dun ano”

Hai tamén restos de cerámicas púnicas que adoitan aparecer en diversos castros das Rías Baixas e isto confirma que estes asentamentos non estaban illados. Son obxectos que poden datarse entre os séculos V e I a.C.

-Que características presentaba este asentamento baseándonos nos restos atopados?

O castro da Lanzada era un gran enclave comercial. De feito pode dicirse que nin sequera lle correspondería a denominación de castro porque, aínda que entra dentro da Idade do Ferro da cultura castrexa, non presenta as características de asentamento defensivo e nin sequera está situado nun lugar alto, como acontece coa maioría dos castros. Isto revela a gran variedade de sitios arqueolóxicos que temos na provincia de Pontevedra. Na Lanzada apareceron restos que poden datarse entre o século VIII a.C e o V d.C.  É material procedente de todas as áreas bañadas polo Mediterráneo, o que indica o carácter comercial do asentamento. Mesmo aquí chegaban mercadorías que logo se distribuían a outros lugares. Ademais, existía unha factoría de salgadura que polo menos estivo en funcionamento entre os séculos III e I a.C.

-Que traballos van afrontar nos próximos meses?

-En xaneiro imos terminar a parte de traballo de campo e posteriormente realizaremos un informe sobre todo o que se atopou nesta nova escavación. Nestes momentos está a facerse o inventario de todos os materiais que se atoparon, unhas 15.000 pezas en total, e no prazo de seis meses esperamos contar cunha memoria explicativa de todo o proxecto. Moitas das pezas atopadas están a ser tratadas e terminarán por exhibirse no Museo de Pontevedra, onde xa existen restos atopados durante outras escavacións na Lanzada.

“O castro é un auténtico libro de historia de Galicia desde o seculo VIII a.C ata hoxe”

-Como podemos cualificar este asentamento dentro do conxunto dos existentes en Galicia?

-Creo que é un dos máis importantes porque reúne características excepcionais. Para min é un auténtico libro de historia de Galicia desde o século VIII a.C ata os nosos días porque os restos atopados permítennos ver como evolucionou a forma de vida dos seus poboadores. De momento non existe en Galicia un asentamento similar ao da Lanzada para poder realizar unha análise desa evolución histórica.

-Que peza destacaría das que se atoparon nestas escavacións?

-Sen dúbida a máis significativa é unha espada curta de bronce que pode datarse entre os séculos VIII e IV a.C. Hai que investigar máis esta peza para sacar conclusións sobre o uso que se facía das reliquias na antigüidade. Ademais, entre as pezas de cerámica atopadas hai preto dun milleiro de “terra sigillata” (nome polo que se coñece á vaixela de alta calidade empregada polos romanos).

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

A Illa de Tambo, un tesouro arqueolóxico por descubrir: “Os achados apuntan a un complexo ermitán”

A Xunta deu permiso para desbrozar en San Fagundo, o punto máis alto de toda a illa. De momento atopáronse unha capela e restos do que podería ter sido outro inmoble

Arqueoloxía explicada a un científico e público interesado

O investigador Felipe Criado Boado, director do Instituto de Ciencias do...

Un estudo da UVigo atopa en Etiopía os restos de Homo erectus máis antigos do mundo

Sitúan por primeira vez a aparición destes homínidos e da tecnoloxía achelense hai dous millóns de anos

Así se conserva o ‘Titanic’ galego: “Parece que se afundiu onte”

O obxectivo da investigación Ría de Viveiro I é comprender como vivían as entidades poboacionais e a influencia do mar na súa evolución