Atopada en Cedeira a primeira forxa completa da época galaico-romana de Galicia

O achado súmase a outros destacados como a estrutura dun balneario castrexo, unha pedra formosa ou unha moeda romana de Vibia Sabina, a esposa de Adriano

O xacemento do castro de Punta Sarridal, en Cedeira (A Coruña), non deixa de alumar achados que axudan a reconstruír a historia de Galicia. Desta vez trátase dunha forxa da época galaico-romana, a primeira localizada no noroeste peninsular que conserva a súa estrutura completa. Ata o momento, e en distintos asentamentos galegos, tan só se atoparon vestixios que probaban a existencia desta actividade industrial.

A forxa foi localizada entre o muro perimétrico do castro e o cantil, fóra do recinto residencial. O equipo de Axa Arqueoloxía, dirixido por Emilio Ramil, sacou nesta ocasión parte dos muros, a fragua, unha base de pedra que faría ás veces de macho e as pías nas que estaría a auga para arrefriar as pezas.

Na zona tamén apareceron, segundo informa o Concello de Cedeira, restos de opus signium, un pavimento romano que cobre outra capa de empedrado castrexo na que afloraron restos que acreditan que aquí se forxaban xa ferramentas de ferro antes da chegada dos romanos, como unhas foxas que de certo serían usadas para recoller auga e pedras anfibolitas, altamente refractarias capaces de resistir as altas temperaturas do lume.

Vista xeral do xacemento. Foto: Concello de Cedeira

Está probado que Castro Sarridal é un asentamento habitado desde o século III ou IV a.c. ata o IV-V d.c., unha xoia patrimonial que o Concello de Cedeira puxo en valor e a dispor da cidadanía, e en cuxo coñecemento segue profundando. Desde o ano 2017 impulsa campañas arqueolóxicas co fin de avanzar na visibilidade, restauración e consolidación do recinto. Traballos que financia, de xeito alterno, coa Dirección Xeral de Patrimonio. 

Outros achados

As sucesivas escavacións deron lugar a achados destacados como un monumento con forno e unha pedra formosa —o quinto monólito atopado en Galicia— que conforma unha estrutura propia dos balnearios castrexos, cunha antigüidade de 2.500 anos, segundo a proba do carbono 14 ou unha moeda romana de Vibia Sabina, a esposa de Adriano, do século II d.C.

A campaña de novembro-decembro que acaba de rematar tiña como obxectivo completar a descuberta de toda a muralla, en concreto a zona máis próxima ao cantil, así como os restos que estaban na terraza e que se supoñía, como se confirmou, que formaban parte dunha zona industrial: a forxa na que os habitantes do castro fabricarían coitelos e outras ferramentas.

A Asociación para a Defensa do Patrimonio Cultural de Galicia (Apatrigal) fíxose eco do achado da forxa da época galaico-romano de punta Sarridal, no marco da súa aposta pola divulgación e a posta en valor da cultura do país. O seu presidente, Carlos H. Fernández-Coto, subliña a importancia de cada achado, “unha pista máis para coñecer a nosa historia, un piar fundamental para camiñar cara un futuro máis identitario”.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Plan científico para o verán: rutas xeolóxicas con Francisco Canosa

O xeólogo, un dos impulsores do proxecto do xeoparque de Cabo Ortegal, organiza actividades en diversos puntos de Galicia

Ruta nas praias negras de Ortegal: un paseo de millóns de anos

As visitas guiadas por este litoral amosan paisaxes maxestosas e ofrecen un libro aberto da historia xeolóxica do planeta

Os 11 campos de concentración con 30.000 presos que Franco abriu en Galicia

Un traballo do xornalista Carlos Fernández, coa colaboración de investigadores galegos, descobre unha realidade agochada durante decenios

Ultiman a candidatura á Unesco do Parque Xeolóxico do Cabo Ortegal

De ser aprobado, converteríase nun reclamo turístico do que se beneficiarían as industrias de sete concellos