Venres 29 Marzo 2024

Ruta nas praias negras de Ortegal: un paseo de millóns de anos

As visitas guiadas por este litoral amosan paisaxes maxestosas e ofrecen un libro aberto da historia xeolóxica do planeta

NOTA: Por motivos de conservación e seguridade, é recomendable realizar a xeoruta ás praias negras de Teixidelo en compañía do guía do Concello de Cedeira. A información sobre visitas guiadas en Ortegal pode consultarse no portal Rutas Xeolóxicas de Galicia.

En poucos lugares parecen tan próximos o mar e o ceo. Ao pé dos cantís da Capelada, os máis altos da Europa continental, as nubes ocultan gran parte do ano os cumios da serra, que caen directamente ao mar desde 600 metros de altura. Puido suceder doutro xeito, pero sucedeu así, e a natureza e a historia debuxaron unha paisaxe tan abraiante pola súa beleza como polo seu interese científico.

Desde hai anos, ao abeiro do proxecto para impulsar o xeoparque do cabo Ortegal, os concellos da zona ofrecen varias rutas divulgativas para achegar aos veciños da zona e aos visitantes o patrimonio xeolóxico da zona. GCiencia realizou unha delas, a coñecida como xeoruta das praias negras, en Teixidelo (Cedeira).

Publicidade

A ruta das praias negras

Francisco Canosa, un doutor en Xeoloxía que estuda desde hai máis de 10 anos as rochas de Ortegal, é o guía das rutas que percorren a zona. A cita é ás 10 da mañá no cruceiro de Teixidelo, a aldea onde comeza e remata a xornada, no medio do orballo e a néboa. Antes de comezar a camiñar e descender cara á costa, a primeira parada é nun dos miradoiros da zona, onde se albiscan xa algunhas das peculiares trazas nas rochas. De camiño tamén se pasa, por certo, polo monumento ao actor británico Leslie Howard, que morreu ao ser abatido o seu avión durante a Segunda Guerra Mundial por naves alemás cando voaba de Lisboa a Inglaterra, aínda que non hai indicios de que o suceso tivera lugar preto da zona.

Comeza logo o descenso cara a un libro aberto na historia do planeta, mais tamén ao interior da Terra. No sendeiro que leva ao antigo val glaciar (formado cando o clima era moito máis frío e a liña de costa estaba máis de 10 quilómetros mar adentro) aparecen os primeiros sinais de que estamos nun lugar especial: hai unha pequena planta cunha flor rosada, a Erinus alpinus, que medra en substratos calcarios, cando en teoría estamos nun lugar con predominio granítico: o que parece seixo é, en realidade, un filón de calcita, como demostra in situ cun experimento cun reactivo Francisco Canosa.

O antigo val glaciar, a falla e a fervenza de Teixidelo

A menos de dous quilómetros da saída, entramos de cheo no antigo val glaciar de Teixidelo. “Hai debate sobre isto, pero o certo é que aquí vemos todos os elementos de que moitos anos atrás, aquí houbo un glaciar: a forma en U do val, restos de morenas, estrías nas rochas, bloques de tamaños moi desiguais (o coñecido como till), e mesmo depósitos de arxilas que aínda hoxe están sen solidificar, e que producen un curioso fenómeno de desprazamento na zona.

E neste mesmo val pode apreciarse tamén a falla que leva o nome do lugar, unha fenda de case 300 millóns de anos que corta en dous anacos a Capelada: ao norte quedan as peridotitas e ao sur, granulitas e anfibolitas. E no medio, o oco foi cuberto polo seixo que emerxe nalgunhas zonas como as cristas que se ven no val ou as que cruzan a estrada que leva a Cariño.

A xornada prosegue cara a outra das paraxes que fascinan ao camiñante: unha fervenza de case 50 metros de altura procedente da unión de dous regatos que se cruzan na primeira parte da ruta e que, despois de discorrer un treito baixo terra, cae ao Atlántico preto da illa Gabeira.

A praia de Teixidelo

Despois doutra parada na xeoruta para contemplar as formacións rochosas do val, o grupo pon rumbo cara a praia de area negra, un caso posiblemente único no mundo entre as que non teñen orixe volcánica. “Hai moi poucos sitios no mundo onde se atopa a peridotita (formada por olivina) sen saír directamente dos volcáns, xa que se forma a moita profundidade, a máis de 70 quilómetros, e moi rara vez chega á superficie. E destes sitios, case ningún está na costa”, explica Francisco Canosa. Hai outro factor que converte á praia negra de Ortegal nun lugar especial: “Ao tratarse dun lugar tan agreste, o mar non é quen de desprazar ata aquí area doutras praias próximas, composta doutros elementos, polo que só se forma a praia cos materiais das cores que vemos aquí”.

A olivina de Teixidelo, composta por ferro, magnesio e silicio, descomponse para formar coa axuda do osíxeno a serpentina (Mg e Si) e magnetita (Fe), os minerais que compoñen a area da praia. Ao observar cunha lupa é posible apreciar cristais verdes e negros nela. E nesta peridotita aínda sen descompoñer é posible ver o interior da terra: as bandas debuxadas na superficie da rocha dan conta de como se repartiron os diferentes compostos na cámara magmática.

Francisco Canosa: “Ortegal é recoñecido polo seu patrimonio xeolóxico”

Aquí, nesta paraxe que ás veces parece estar pintada en branco e negro, cando a néboa da mañá xa se levantou ata o cumio dos cantís, o grupo detense a xantar. Arredor aínda se ve a ferralla do Bonnie Carrier, un buque que veu bater en 1986 contra esta costa ao romperen as amarras mentres era remolcado. O camiño que se fixo para recuperar os seus restos é a senda pola que hoxe transita parte da ruta. Tamén preto da praia está unha das bocas das prospeccións mineiras para extraer níquel no século XIX, e que deron pé a outra historia xeolóxica que merece ser contada.

Pouco despois, antes de que a marea suba demasiado, e unha nova parada para explicar a xénese destas praias negras, o grupo da xeoruta emprende o regreso costa arriba cara a Teixidelo. Seis horas de paseo por unha paisaxe de millóns de anos.

Vista panorámica dalgúns dos puntos de interese da xeoruta das praias negras. Fonte: Google Maps/Elaboración propia.
Vista panorámica dalgúns dos puntos de interese na xeoruta das praias negras. Fonte: Google Maps/Elaboración propia.

Máis información:

– Proxecto do xeoparque de Cabo Ortegal (PDF).

– Rutas Xeolóxicas de Galicia.

1 comentario

  1. ¿Cómo é posible poñer tal disparate, un glaciar en Cabo Ortegal?. O único responsábel é por suposto o suministrador da información , neste caso o xéologo. Nunca houbo glaciares en toda a historia xeolóxica de Galicia en Cabo Ortegal. Trabucase o dito xeólogo confundindo un esbaramento circular do terreo cun circo glaciar. As estrías que este xeólogo atopa nas rochas son as propias de calquer bloque de rocha incluido nun esbaramento. A mixtura de tamaños nos bloques non son o resultado dun glaciar mais si da fragmentación do macizo polo deslizamento. Gciencia non debería acoller estes disparates qiue desacreditan ao xeólogo que fai estas afirmacións

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Atopada en Cedeira a primeira forxa completa da época galaico-romana de Galicia

O achado súmase a outros destacados como a estrutura dun balneario castrexo, unha pedra formosa ou unha moeda romana de Vibia Sabina, a esposa de Adriano

Illas Atlánticas, un destino de ciencia

Primeira entrega da guía turística Observer das Illas Atlánticas

O Xardín botánico de Padrón, novo destino Observer de Turismo Científico

O selo destaca as súas numerosas especies botánicas singulares e a organización de actividades periódicas para enxalzar a ciencia

Catro propostas de turismo científico sen saír de Galicia

As Fragas do Eume, os Museos Científicos Coruñeses, Combarro e Sálvora son boas opcións para desconectar da rutina