Xoves 28 Marzo 2024

Francisco Canosa: “Ortegal é recoñecido polo seu patrimonio xeolóxico”

Francisco Martínez Canosa é o artífice dun dos dous proxectos de xeoparques que existen en Galicia: o do Cabo Ortegal. O parque englobaría sete concellos: Cariño, Ortigueira, Cedeira, Valdoviño, Cerdido, Moeche e San Sandurniño. Son case 630 quilómetros cadrados de terreo de alto valor xeolóxico. Canosa leva xa anos tentando conseguir todo o necesario para presentar a candidatura. Parece que xa se empezan a notar grandes avances. Recentemente a Deputación da Coruña deu luz verde a unha subvención de 500.000 euros para destinar ao proxecto.

-Cal é o patrimonio xeolóxico do futuro Xeoparque do Cabo Ortegal?

Publicidade

-É unha zona que, sen dúbida, a nivel de España é incluso a nivel mundial é recoñecida polo seu patrimonio xeolóxico. Estamos a falar dunha das maiores concentracións de rochas que o normal é que se atopen a grandes profundidades do noso planeta, de materiais da codia inferior e da parte superior do manto terrestre. É un capricho da natureza que poidamos ver desta forma materiais que na maior parte da Terra non podemos observar. Iso dende o punto de vista petrolóxico. En canto a paisaxe, podemos falar da que todo o mundo coñece: de cantís, desas formas litorais que son outro dos emblemas desta zona de Galicia.

-Por que é importante o recoñecemento desta área para Galicia e para o resto do mundo?

-A nivel científico é unha zona recoñecida, calquera xeólogo do mundo que controle un pouquiño deste tipo de materiais sabe da súa presenza… Tamén é importante que haxa unha conciencia máis social, isto é, que se entenda a importancia de esta zona. Que un lugar coma este acade a distinción de xeoparque fai que teña unha maior proxección internacional pero a nivel turístico. Calquera persoa podería saber que as rochas que temos aquí son distintas das que poden atopar noutros lugares.

-Entón, que supón exactamente a distinción de xeoparque?

-Os xeoparques son figuras que se crearon de forma recente. O que buscan é que a xeoloxía sexa “a escusa” para desenvolver de forma activa unha xeoloxía local. É importante que estes proxectos teñan unha repercusión sobre a poboación local, por iso se empregan as xeorutas ou xornadas específicas. Tamén o xeoparque é unha marca: pode axudar á industria a empuxar os seus produtos. Por exemplo, unha persoa que teña unha conserveira, unha empresa de queixos, de mel… pode vender os seus produtos e beneficiarse desta distinción.

-Falamos agora das xeorutas, que son exactamente e que importancia teñen neste camiño de divulgación?

A finalidade do xeoparque é facer divulgación da xeoloxía a nivel social

As xeorutas son unha forma distinta de defender a paisaxe. Ao final son rutas de sendeirismo, pero non dende unha condición física, senón máis ben como un paseo no cal hai unha interpretación ambiental. En Galicia iniciáronse no ano 2015 no concello de Ribadeo, foi o primeiro en pór en marcha as rutas xeolóxicas. Dende aí foi a explosión do nacemento desta nova forma de entender a paisaxe. A finalidade é unha divulgación da xeoloxía a nivel social, que cunha andaina a xente sexa capaz de entender aquilo que os xeólogos vemos cando paseamos.

-Canto tempo levades xa intentando acadar este recoñecemento por parte da UNESCO?

-O proxecto en si iniciouse entre o ano 2013 e o 2014 coas charlas informativas nos concellos. Despois se foron facendo distintas actividades coa idea de pór en valor esta zona. Pouco a pouco creóuse un recoñecemento. Eu creo que o proxecto do Xeoparque do Cabo Ortegal non é algo alleo á xente de aquí. É unha cousa que xa está implantada a nivel social que é un paso moi importante. A verdade é que é moi pouco tempo para o que é o normal. Temos que pensar que nesta zona hai cinco ou dez anos non había absolutamente nada de divulgación xeolóxica. Había traballos científicos, pero a nivel social non se sabía a importancia deste territorio.

-Cales son os fitos que levades conseguidos ata agora?

Cedeira é o concello con maior número de paneis sobre xeoloxía ao aire libre

Volvendo a incidir no anterior, conseguir que a poboación local saiba o que é o xeoparque é un dos maiores fitos que se acadou. Tamén é certo que o traballo é un pouco dispar a nivel de concellos: hai concellos que traballaron máis no tema pero, por exemplo, Cedeira converteuse no concello de Galicia con maior número de paneis informativos sobre xeoloxía ao aire libre. Sen dúbida, un gran logro. Dalgunha maneira, tamén foi un fito conseguir que saíra nos medios de comunicación. É importante que se dea a coñecer porque proxectos como este teñen que ter un coñecemento a nivel global. Por outro lado, tamén foi un fito a publicación dunha guía xeolóxica de Cedeira.

-Arestora como vai o proxecto?

-Agora nos atopamos nesa fase na que a Deputación da Coruña vai aportar unha cantidade importante, medio millón de euros concretamente. Ten que sacar a concurso público a concesión da empresa que vai facer o plan director, que será o que marque as directrices de cara á presentación da candidatura e da creación do organismo xestor que será o ente responsable da xestión de todo aquilo que aconteza na figura do xeoparque. Non esquezamos que cando un territorio se presenta a candidatura a xeoparque ante a UNESCO ten que ter xa unha promoción, unhas actividades antes incluso de que esa figura se materialice como tal. Esa subvención é un gran impulso para un proxecto que levaba uns meses bastante parado, sen grande actividade informativa. É un punto de inflexión nesta carreira de fondo, esperemos que non de moitos metros. Aínda así, todo dependerá un pouco dos tempos da administración e da creación dese plan director.

-Teñen como modelo outros xeoparques?

-O director científico do parque da costa vasca, que veu de visita hai unhas semanas, animounos a todos. Afirmou que este proxecto ten moito futuro, moitas posibilidades. Que nos digan isto a pesar de que España sexa o segundo país de mundo, despois de China, con maior número de xeoparques, é algo alentador. Non máis tardar do mes de xuño, o proxecto ten que recibir unha carta de apoio do Comité Español de Xeoparques. Unha vez obtida, xa se pode presentar a candidatura completa ante a UNESCO. Esta presentación oficial ten que facerse nos catro primeiros meses do primeiro ano. É unha carreira de fondo que hai que rematar. Todo dependerá dos tempos da administración.

-No caso de que se presentase o ano que vén, canto tempo se demoraría a concesión?

-Unha vez analizada a documentación, xa no 2020 habería unha visita de avaliadores internacionais que comprobarían todo o contemplado na candidatura. Se evidentemente estas visitas detectan calquera deficiencia importante esta candidatura non podería ser favorable. Se todo vai ben, aproximadamente no mes de setembro xa poderían outorgar a distinción de xeoparque ante a UNESCO.

-Cal sería o voso plan de acción?

-A curto prazo queremos que ese plan director se faga e se presente en tempo. A medio prazo, que se poida presentar unha candidatura o máis forte e o máis completa posible. É unha cousa que ás veces hai que valorar porque se anulan a candidatura é moito máis complicado que poida ser aceptada nun futuro porque xa tivo unha oportunidade.

-Recordas as dificultades que atopastes ao longo do camiño?

-A maior dificultade foi a falta de apoio por parte dalgunhas corporacións municipais. No 2013-2014, gobernaban uns partidos diferentes dos que gobernan actualmente na meirande parte dos concellos. Entón, as dificultades foron enormes para conseguir o apoio e que se entendera a importancia da zona, de que esa figura do xeoparque non era un impedimento do desenvolvemento dun territorio, senón que todo o contrario. De feito, o concello das Somozas, que estaba no proxecto inicial, desvinculouse porque consideraba que a súa actividade industrial se vería repercutida. Algo que podo certificar que é totalmente falso: ese patrimonio xeolóxico está illado das actividades industriais que nese momento tiña ese concello. O resto penso que son pequenas dificultades que se solucionan de maneira sinxela. Si que me gustaría que o traballo fose máis equitativo en todos os concellos pero, en xeral, o apoio foi unánime e importante.

-E como balance final, cales serían as perspectivas de futuro?

Se o proxecto non chega en tempo á candidatura do primeiro ano, seguiremos traballando para presentalo no seguinte prazo… E no caso de que non saia adiante seguiremos traballando para logralo algún día. Ao final é unha zona que o merece, sobre todo polo esforzo e o apoio de todas esas persoas que confiaron nel. É un territorio que paga a pena, que ten un potencial enorme. O proxecto constitúe unha maneira diferente de empezar a coñecer o noso territorio.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Atopados os vestixios máis antigos da presenza humana en Europa nunha zona de Ucraína

As ferramentas paleolíticas achadas no xacemento de Korolevo quedaron enterradas hai 1,42 millóns de anos

Un proxecto europeo busca reducir a captura accidental de especies protexidas no Atlántico

Investigadoras do IEO liderarán un dos casos de estudo dirixido a mitigar a captura de quenllas e tiburóns nas pesqueiras de atún

África González, ante a reaparición do sarampelo: “As familias deben vacinar os seus fillos”

España rexistra os seus primeiros casos trala pandemia e dende o 1 de xaneiro suma xa 15 contaxios

O sarampelo rexorde con forza en Europa: que podemos facer?

https://theconversation.com/javascripts/lib/content_tracker_hook.js *Un artigo de As autoridades sanitarias portuguesas confirmaron un novo caso de...