Un novo estudo revela a tendencia de Europa cara a veráns máis longos e intensos e alerta de que a estación máis cálida podería ter 40 días máis en 2100. Así o advirte unha investigación publicada na revista Nature Communications e na que participou o investigador da Universidade da Coruña (UDC) Armand Hernández. Segundo o artigo, a tendencia europea reflicte condicións ocorridas hai 6.000 anos, cando as causas naturais estenderon a estación máis cálida ata case os 200 días. Hoxe, eses mesmos mecanismos están a ser intensificados polo quecemento global, con profundas consecuencias para a agricultura, os ecosistemas e a vida.
O equipo, liderado pola investigadora da Royal Holloway University of London Celia Martín-Puertas, empregou un arquivo xeolóxico da historia climática: antigas capas de lama acumuladas no fondo de lagos europeos. Estes sedimentos, que se depositan de forma estacional, actúan como “calendarios climáticos naturais” e rexistran como cambiaron os veráns e os invernos durante os últimos 10.000 anos.
Os resultados mostran que hai uns 6.000 anos Europa viviu os veráns máis longos dos últimos milenios —de case 200 días cada ano—, unha duración comparable ás estacións cálidas máis extremas da actualidade. Isto debeuse a un quecemento natural do Ártico, que á súa vez provocou cambios na circulación atmosférica que favoreceron un clima máis estival. Hoxe, eses mesmos procesos están a ser amplificados polo cambio climático, empuxando a Europa cara a un futuro con veráns máis longos e intensos.
Condicións cada vez máis extremas
O estudo pon o foco nun aspecto esencial da física atmosférica: o gradiente latitudinal de temperatura, é dicir, a diferenza de temperatura entre o Ártico e o ecuador. Este gradiente impulsa os ventos do Atlántico cara a Europa, que determinan as condicións climáticas no continente. Porén, como o Ártico se está a quentar case catro veces máis rápido que a media global, esa diferenza debilítase, as correntes de aire ralentízanse e vólvense máis erráticas. O resultado: cicloxéneses e patróns de verán máis persistentes, ondas de calor e secas máis longas, seguidas por eventos de precipitación extremos na transición cara ao outono.
“Cando o contraste de temperatura entre o Ártico e as latitudes medias se debilita, o verán europeo expándese e amplifícanse os eventos extremos tanto de temperatura como de precipitación”, explica Armand Hernández, investigador do Centro Interdisciplinar de Química e Bioloxía (CICA) da UDC e un dos autores do estudo. “Os nosos achados demostran que non se trata dun fenómeno novo, senón dun comportamento recorrente do sistema climático terrestre. O diferente agora é a velocidade e intensidade do cambio”, sinala.
Segundo o estudo, unha diminución dun grao no gradiente de temperatura entre o ecuador e o Polo Norte podería alongar o verán nuns seis días. Se as emisións de gases de efecto invernadoiro continúan ao ritmo actual, Europa podería experimentar ata 42 días adicionais de verán en 2100, só como resultado do quecemento do Ártico. Ademais, factores como os cambios nas emisións industriais de aerosois e os mecanismos de retroalimentación do sistema climático poderían intensificar aínda máis esta tendencia.
Máis risco de incendios e secas
Un verán máis longo podería alterar profundamente os ecosistemas, a agricultura e a saúde pública. Ao principio, as tempadas de cultivo máis extensas poderían beneficiar algunhas rexións do norte de Europa, pero a calor extrema e a escaseza de auga poderían reverter rapidamente eses beneficios. Sería como se as bandas climáticas se expandisen cara ao norte e España tendese a ter un clima máis parecido ao do Sáhara. Os ecosistemas adaptados a condicións máis frías e húmidas veranse baixo presión, mentres que os riscos de incendios forestais, secas e ondas de calor aumentarán.
Para este equipo científico, os rexistros dos antigos lagos son moito máis ca unha xanela ao pasado: son unha advertencia sobre o futuro. “Os sedimentos mostran que o clima da Terra sempre respondeu aos cambios atmosféricos, pero ese ritmo está a verse alterado polo quecemento global, empurrando os límites naturais cunha rapidez sen precedentes cara a un futuro máis incerto”, sinala Martín-Puertas, responsable do estudo.
Os achados, conclúen os investigadores, subliñan a profunda conexión entre o clima global e as condicións meteorolóxicas de Europa, e mostran como comprender o pasado pode axudarnos a afrontar os desafíos dun planeta en rápida transformación.
Referencia: Consistent response of European summers to the latitudinal temperature gradient over the Holocene (Publicado en Nature Communications)












