As 10 palabras do Nadal en galego que debes saber

Existen moitas expresións para referirnos aos enfeites, as tradicións ou o tempo. Descúbreas e engádeas ao teu vocabulario

O Nadal é unha festividade moi arraigada na cultura galega e, por ende, está moi presente na súa fala. Existen unha gran cantidade de palabras e refráns para referirse a esta celebración e as súas tradicións. Con todo, estes termos e expresións non sempre se empregan ben. Institucións como a Real Academia Galega (RAG) lanzan propostas como o ‘Portal das Palabras’ para promover os vocábulos propios da lingua e fuxir dos castelanismos e erros gramaticais. Aquí se inclúen os termos do Nadal que máis se empregarán estas datas e que son máis susceptibles de pronunciarse incorrectamente como grilanda, xaneira ou lotaría.

Nadaliña, panxoliña e vilancico

Nadaliña é unha palabra que ten varias acepcións relacionadas co Nadal. Por unha banda é un sinónimo de panxoliña ou vilancico, é dicir, unha canción popular de tema relixioso que se canta nestas épocas. Pero tamén é unha felicitación ou mensaxe de afecto con texto, imaxes e mesmo música que nas proximidades do Nadal se envía a familiares e amigos.

Publicidade

Grilandas e festóns

Sen dúbida, unhas das partes preferidas da poboación chegada a época do Nadal é a decoración. Para isto podemos empregar grilandas, que son unha ‘tira de tecido con flores e follar, en forma de onda ou de coroa’, apunta a Real Academia Galega. É un adorno típico nas casas nestas festividades, como tamén o son os festóns, un aderezo de ‘flores e follatos entretecidos formando unha especie de trenza, que se colga por dous puntos en forma de arco’.

Acivro escríbese con ‘v’

Seguindo coa decoración temos o acivro, ao que tamén te podes referir como acevo ou xardón. É da familia das aquifoliáceas, de follas coriáceas e beiras onduladas e espiñentas, co froito en drupa vermello. Arredor desta planta creáronse moitas tradicións ao longo da historia. Os celtas consideraban o acivro sagrado e que atraía a boa sorte. Os xermanos colocaban unha póla del na porta das súas casas para afastar os malos espíritos. É unha planta que resiste as xeadas e que dá o seu característico froito en pleno inverno, polo que se emprega como símbolo da continuidade da vida. Na actualidade é unha especie moi valorada que se atopa en perigo de extinción.

Publicidade

O visgo, a planta do Nadal

O visgo é a planta que no Nadal se coñece como a planta do amor. A esta planta atribúenselle propiedades ‘máxicas’, existindo tradicións de orixe galaica e celta relacionadas coa fertilidade e o amor. Ate os nosos días chegou a tradición de bicarse cando nos atopamos debaixo dunha póla de visgo. É necesario non confundir esta planta co acivro xa que ambas as dúas se empregan como enfeites de Nadal.

Lotaría, e non ‘lotería’

A primeira cita é o sorteo da lotaría do Nadal o 22 de decembro, o xogo de azar no que para gañar teñen que coincidir unha serie de números no boleto.

Noiteboa

Coa casa ben decorada e cos amigos convidados chegamos a Noiteboa, do 24 ao 25 de decembro, previa ao día de Nadal. Esta palabra non só se usa para referirse a esta celebración, senón que tamén é unha ave nocturna.

Unha xaneira para o Aninovo

As xaneiras son para o Aninovo o que as nadaliñas para o Nadal: cántigas populares que se recitan o último día do ano para atraer a boa sorte. Tamén, o termo ‘aninovo’ pode utilizarse para referirse a un ‘conxunto de coplas populares que se cantan para despedir o ano que remata e celebrar a entrada do que empeza’, informa a RAG.

As badaladas de fin de ano

Na noite vella, a do 31 de decembro, celébrase a tradición de escoitar as badaladas das doce da noite e comer o mesmo número de uvas para entrar no ano con bo pé. O característico son que escoitamos, e que recibe o nome de badalada, prodúcese cando o badalo golpea na campá.

Friaxe no Nadal non fai mal

Non poden faltar as palabras para referirnos ao tempo que acompaña estas festas. Nesta caso a invernada é o tempo cru e rigoroso que dura varios días e que é típico do inverno. O frío e o mal tempo dan sentido ás recomendacións de buscar abrigo, e é por iso que nesta listaxe tamén é preciso incluír un refrán típico desta data: ‘No mes de Nadal a carón da lareira vaite sentar’. Existen moitas variantes de refráns relacionados co tempo atmosférico, xa sexa polo frío ou polos días curtos e as noites longas.

Para adozar as sobremesas

Para acompañar estas datas sempre hai nas sobremesas uns bos turróns que se compran na turronaría. Pero o turrón tamén ten outras acepcións. Na RAG indican dous significados para esta palabra, ademais do produto que se consome en Nadal: “(Animal) que turra ou truca” e “Que porfía nas súas ideas ou actitudes e non escoita razóns, mesmo ante a evidencia de estar equivocado ou obrando mal”.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

GCiencia xa se pode engadir como fonte preferida en Google: como ver máis ciencia galega nas túas buscas

O buscador permite agora que o xornalismo científico de calidade gañe peso fronte aos medios xenéricos nos teus resultados

Entre o “Teño, teño” e o “Carallo!”: a linguaxe da dor en Galicia (e en galego)

Dous documentos testemuñais de finais do século XX recompilan as expresións populares empregadas por pacientes para describir o seu malestar

Froallo, xistra ou trebón: estas son as 100 palabras en galego para falar da chuvia

A filóloga Elvira Fidalgo documentou unha ampla variedade de denominacións rexistradas en máis dun cento de localidades do noroeste peninsular

Máis do 70% do profesorado de matemáticas impartiría a materia en galego se puidese escoller

Unha investigación da RAG analiza as repercusións do Decreto 79/2010, que prohibe impartir en secundaria algunhas disciplinas científicas na lingua propia