Este é o artigo gañador da VI edición o IGFAE C3, o Concurso de Comunicación Científica que convoca anualmente o Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE) da Universidade de Santiago. O seu autor, Gustavo Alfredo Arciniega Durán, é físico teórico e investigador na Universidade Autónoma Nacional de México (UNAM).
O poeta cubano Eliseo Diego escribiu: “La eternidad por fin comienza un lunes/ y el día siguiente apenas tiene nombre/ y el otro es el oscuro, el abolido” [1]. Semella que o poeta está a evocar iso que en ciencia chamamos “a teoría da Gran Explosión” se acaso o noso universo nacese un luns.
Mais, por que non? Concedamos que foi luns cando, hai aproximadamente 14.000 millóns de anos, o noso universo iniciou a súa expansión acelerada cara ao infinito: a fría e escura eternidade do futuro inexplorado. Octavio Paz escribiu en 1965 o poema Viento entero: “El presente es perpetuo/ Los montes son de hueso y son de nieve/ están aquí desde el principio” [2]. De novo, a intuición-poeta aparece misticamente para describir a ciencia pois, segundo o texto da contraportada que acompaña a edición de 2014, este primeiro verso “marca un ritmo que ten como contrapunto a idea de que o espazo cambia, pero o tempo non” [3], do mesmo xeito que o fai a métrica de Friedmann-Lemaître-Robertson-Walker, a ecuación que é base do modelo matemático máis aceptado que describe o noso universo: o tempo avanza uniforme, mentres o espazo se expande. O tempo cambia sen cambio, o espazo cambia cambiando.
Con todo, a eternidade non sempre foi ben vista. Boecio de Dacia, clérigo e mestre de artes na Universidade de París na década de 1270, presentouse diante da inquisición para falar en defensa dos libros que serían condenados pola igrexa católica no ano 1277 [4]. Boecio non foi acusado nese momento polo inquisidor, a pesar de que un dos seus libros, Sobre a eternidade do mundo, foi un dos libros condenados. Siger de Bramante, clérigo e colega de Boecio na universidade, si foi acusado. Boecio e Siger foron os únicos mencionados como clérigos problemáticos da Universidade de París. Siger escribira un libro cun título case igual ao de Boecio: Tratado sobre a eternidade do mundo. A idea de eternidade do mundo ía en contra do dogma cristián, así que, en 1277, prohibiuse que se ensinase na universidade a proposta aristotélica de que “o mundo é eterno” [5]. O 7 de marzo de 1277 apareceu unha lista con 219 proposicións prohibidas baixo pena de excomuñón, tanto para quen as ensinase como para aquel que as escoitase. A proposición 87 é a que prohibe dicir que o mundo é eterno. Queimáronse libros de Avicena, Averroes e Tomás de Aquino. Tamén os de Boecio e Siger, sendo eles mesmos testemuños da queima dos seus libros por man da xente da cidade de París.
Pero os tempos cambian, aínda que pareza que nos estamos contradicindo. Afortunadamente, o índice de libros prohibidos foi abolido en 1948, por iso en 2014, o físico alemán Christof Wettrerich atreveuse, sen medo, a preguntarse sobre a posibilidade de que o noso universo fose eterno, sen comezo nin final. Xa en 1917 Albert Einstein propuxera un modelo de universo estacionario e eterno, é dicir, fixo e inmutable, e obtivo a primeira solución no terreo da cosmoloxía para a teoría de Relatividade Xeral. O prezo que pagou Einstein por un universo eterno foi que se viu na obriga de engadir un termo que non consideraba orixinalmente na teoría: a constante cosmolóxica [6]. As observacións pronto mostraron que o universo se está expandindo en todas direccións e, por tanto, non é un universo fixo, estático e ríxido, polo que abandonou a súa proposta.
En 1948, Fred Hoyle, Herman Bondi e Thomas Gold regresaron á idea dun universo eterno [7, 8], pero agora era un universo que se move e expande en todas direccións sen deixar de se ver igual todo o tempo, dando a aparencia de que non cambia, aínda que se expanda. Deste xeito, o modelo de Hoyle, Bondi e Gold sería, en aparencia, o mesmo desde o pasado infinito e o mesmo no futuro interminable. Curiosamente, 17 anos antes que eles, o propio Einstein tivo a mesma idea, pero abandonouna porque as súas contas lle amosaron que a súa proposta carecía de materia e, por tanto, de estrelas e galaxias [9], aínda que estivo disposto a pagar o prezo, como Hoyle, Bondi e Gold, e aceptar que todo o tempo se está a crear materia para que substitúa, con novas estrelas e galaxias, os espazos baleiros das estrelas e galaxias que se afastan durante a expansión. Ao final atopouse evidencia no ceo que refuta este modelo: unha moi sutil e tenue luz que baña todo o noso universo e suxire que si, que houbo un inicio.
O modelo que Wetterich publicou en 2014 considera un universo con existencia eterna que busca ser compatible coas observacións que botaron abaixo ao modelo estacionario de Hoyle, Bondi e Gold, aínda que o seu prezo foi o ter que aceptar a modificación da estrutura do tempo continuo por unha estrutura descontinua do mesmo [10]. O seu modelo é só unha posibilidade teórica entre moitas outras e non é o modelo aceptado pola comunidade científica, pois mentres non haxa evidencia científica que indique o contrario, o modelo actual do universo seguirá reinando (chamado Lambda-CDM) [11]. O modelo do universo que rexe actualmente ten as súas orixes nos traballos de Friedmann de 1922 e de Lemaître, quen fixo o propio en 1931. A principal idea deste modelo é que o universo se está expandindo co espazo-tempo, de modo que todo se afasta de todo, en todas direccións, todo o tempo. Isto podemos comprobalo ao medir a velocidade e dirección de estrelas e galaxias. Non é teoría, é evidencia.
Pero, se todo está a expandirse, podemos pensar que ao ir cara a atrás no tempo todo estaba máis preto entre si. Se retrocedemos suficientemente no pasado deberiamos chegar a un momento onde todo estaba xunto, sendo un só, e a piques de iniciar a súa viaxe de expansión ata os nosos días. Ese momento é a Gran Explosión. Ese momento orixinou pouco despois o resplandor que se foi debilitando ata ser esa tenue e fría luz que vemos en todo o ceo, como di Borges no ensaio Historia de la eternidad, escrito en 1936: “Congregamos las dichas de un pasado en una sola imagen; los ponientes diversamente rojos que miro cada tarde, serán en el recuerdo un solo poniente” [12]. Ese momento é o inicio do universo e calcúlase que sucedeu hai aproximadamente 14.000 millóns de anos. Ese momento foi luns.
Referencias:
- [1] Poesía en voz alta. (2020, 10 outubro). COMIENZA UN LUNES. ELISEO DIEGO. POEMA COMPLETO [Vídeo]. Youtube: https://www.youtube.com/watch?v=Om6fwcItTcw
- [2] Paz, O. (2014). Hacia el comienzo. En Octavio Paz – Obra poética – 1935-1998 (3ra.). Ed. Galaxia Gutemberg – Edición conmemorativa do centenario do nacemento do poeta. https://trianarts.com/octavio-paz-viento-entero/#sthash.LGNomqJH.dpbs
- [3] Fundación para las letras mexicanas. (2018). Viento entero – Detalle de la obra -Enciclopedia de la Literatura en México – FLM. Enciclopedia de la Literatura en México -FLM. http://www.elem.mx/obra/datos/5749
- [4] Herráiz Oliva, Pilar. (2022). Dos tratados averroístas sobre la eternidad del mundo. (1 ª Ed.). https://ebooks.eunsa.es/reader/dos-tratados-averroistas-sobre-la-eternidad-del-mundo?location=59
- [5] Aristóteles. (1996). Acerca del cielo; Meteorológicos. Gredos Editorial S.A. Libro II. páx. 107. 283b 25.
- [6] Einstein, A. (2008). Consideraciones cosmológicas sobre la teoría de la Relatividad General. En La Gran Ilusión. Las grandes obras de Albert Einstein (Crítica, pp. 154-169). Stephen Hawking.
- [7] Bondi, H., & Gold, T. (1948). The Steady-State theory of the expanding universe. Monthly Notices of the Royal Astronomical Society, 108(3), 252-270. https://doi.org/10.1093/mnras/108.3.252
- [8] Hoyle, F. (1948). A new model for the expanding universe. Monthly Notices of the Royal Astronomical Society, 108(5), 372-382. https://doi.org/10.1093/mnras/108.5.372
- [9] O’Raifeartaigh, C., McCann, B., Nahm, W., & Mitton, S. (2014). Einstein’s steady-state Theory: An Abandoned model of the cosmos. European Physical Journal H, 39(3), 353-367. https://doi.org/10.1140/epjh/e2014-50011-x
- [10] Wetterich, C. (2014). Eternal Universe. Physical review, 90(4). https://doi.org/10.1103/physrevd.90.043520
- [11] QuantumFracture. (2022, 4 abril). La teoría del Big Bang NO HABLA del Big Bang [Vídeo]. YouTube. https://www.youtube.com/watch?v=In85bmP5rk0
- [12] Borges, J. L. (2017). Historia de la eternidad. En Borges esencial. Edición conmemorativa (Conmemorativa, pp. 319-336). Penguin Random House, RAE e AALE. A cita aparece na páxina 333.