A primeira evidencia científica do virus Sindbis data de 1952, ano no que se illa por primeira vez na capital exipcia do Cairo. Os transmisores desta zoonose son os mosquitos do xénero Culex, entre os que salienta o mosquito común (Culex pipiens) amplamente distribuído en Galicia. Con todo, as principais hospedadoras son as aves, polo que Sindbis só pode afectar a humanos se estes reciben a picadura dun mosquito infectado. A presenza desta zoonose está amplamente documentada no norte de Europa pero un estudo do Instituto de Saúde Carlos III e do CSIC vén de confirmar a primeira detección no suroeste de España. “As posibilidades de que o virus chegue a Galicia son baixas pero o risco nunca é nulo”, recoñece a entomóloga Yasmina Martínez Barciela da Universidade de Vigo (UVigo)
A investigación, publicada na revista One Health, constata unha ampla circulación de Sindbis durante o 2022, ano no que se recolleron as mostras en Andalucía occidental. O equipo do CSIC analizou 31.920 mosquitos e identificou cinco especies transmisoras, entre elas o mosquito común. Porén, a que presentou a maior taxa de infección foi Culex perexiguus, con pouca presenza en Galicia. “Apenas hai. A súa incidencia é moi baixa e puntual”, indica Martínez Barciela, membro da Rede Galega de Vixilancia de Vectores (ReGaViVec) da Consellería de Sanidade.
Non hai casos en humanos
O punto máis positivo do estudo do CSIC é que conseguiron detectar o virus antes de identificar casos en humanos. “Isto demostra que a vixilancia activa está funcionando”, enfatiza a entomóloga da UVigo. De todos modos, o estudo fai fincapé en que o virus adoita cursar de forma asintomática en humanos, aínda que pode provocar febre, irritacións na pel e dor nas articulacións e na cabeza. De feito xa se detectaron varios gromos en Suráfrica e no norte de Europa. En Suecia, o virus Sindbis identificouse en 1967 e dende 1980 houbo unha gran cantidade de casos en Escandinavia e Rusia. En Finlandia, concretamente, 3.350 contaxios.
Cambio climático
A mensaxe que transmite Martínez Barciela ao respecto é de tranquilidade. Primeiro, pola detección temperá en mosquitos e non en humanos. E segundo, porque os controis de vixilancia activa están demostrando a súa efectividade. De todos modos, a entomóloga pon sobre a mesa o factor que está a cambiar o taboleiro de xogo: o cambio climático. Agora mesmo é improbable que o virus chegue a Galicia porque as aves migratorias hospedadoras non fan parada no territorio, mais é probable que esta situación cambie co aumento das temperaturas. “Subirán ao norte”, sentencia Martínez Barciela, con todo o que se derive desa viaxe, como a chegada de novos virus potencialmente patóxenos para os humanos.
Orixe africana
En relación ao tipo de virus detectado en España, a análise xenómica levada a cabo polo ISCIII e o CSIC detectou que todas as cepas pertencen ao xenotipo I, que xa se identificou noutras zonas de Europa e de África. “As cepas españolas mostraron baixa variación xenética e estaban estreitamente relacionadas con cepas de Arxelia e Kenia, suxerindo unha introdución recente do virus no país por aves migratorias, posiblemente dende o norte (Arxelia) ou o centro de África”, informa o equipo a través dunha nota de prensa emitida polo CSIC.
“O estudo demostra a circulación dun virus con potencial importancia na saúde pública moito antes de que se detectaran casos en humanos, polo que é moi relevante coñecer a súa posible expansión en España e establecer o impacto real que pode ter na saúde da poboación”, expresan María José Ruiz López e Jordi Figuerola, investigadores da Estación Biolóxica de Doñana, dependente do CSIC, e coautores do estudo. Os seus compañeiros do ISCIII, Rafael Gutiérrez López e Ana Vázquez, tamén poñen en valor a detección temperá do virus de cara a mellorar o seu diagnóstico.
Especial atención ao virus do Nilo Occidental e ao dengue
Achar a circulación do virus Sindbis en Andalucía occidental non foi algo fortuíto, senón froito da colaboración co Programa de Vixilancia e Control do virus do Nilo Occidental en Vectores da Junta de Andalucía. Este patóxeno tampouco está presente en Galicia pero podería chegar, como indica Martínez Barciela, a causa do aumento das temperaturas e do cambio de escenario climático. O virus, xa establecido en Andalucía, causou unha gran cantidade de casos en 2024. “As condicións climáticas foron favorables e houbo moitos individuos, unha gran explosión larvaria. Aquí en Galicia a vantaxe que temos é que incluso no verán hai unha gran diferenza de temperatura entre o día e a noite”, indica Martínez Barciela, sinalando a oscilación térmica como un hándicap para o establecemento dos mosquitos.
A especie que si está instalada nunha zona de Galicia, e que tamén é transmisora de enfermidades como o dengue, é o mosquito tigre (Aedes albopictus). Martínez Barciela confirma que, polo de agora, as poboacións continúan limitadas á área sanitaria de Vigo. Foi na parroquia de Tirán, en Moaña, onde se detectaron por primeira vez e onde se volveron identificar un gran número de individuos en 2024. A contención da expansión da especie pode deberse, en palabras da entomóloga da UVigo, á efectividade das medidas tomadas por ReGaViVec pero, tamén, a unhas condicións climatolóxicas pouco favorables para o Aedes albopictus, todo o contrario ao acontecido en Andalucía co virus do Nilo Occidental. “Hai que ver como evoluciona”, conclúe Martínez Barciela, coa cautela por bandeira.
Referencia: First isolation of the Sindbis virus in mosquitoes from southwestern Spain reveals a new recent introduction from Africa (Publicado en One Health)














