Segundo datos da Organización Mundial da Saúde, en 2022 aproximadamente unha de cada sete persoas vivía con algún trastorno mental, coa a depresión, a esquizofrenia e o trastorno bipolar como patoloxías con maior impacto clínico, social e económico. Ademais, o 12,9% dos galegos declararon padecer depresión nos últimos doce meses na última a Enquisa Nacional de Saúde de España, a cifra máis alta do Estado despois de Asturias.
O investigador do IDIS Roberto Carlos Agís-Balboa explica: “Trátase de enfermidades complexas, onde inflúen diferentes factores, como a predisposición xenética, o ambiente ou aspectos psicosociais. Pese a iso, o seu diagnóstico continúa sendo fundamentalmente subxectivo ao carecer de biomarcadores obxectivos que axuden a detectar, caracterizar ou monitorizar a enfermidade”.
De aí a relevancia da tese presentada polo investigador Carlos Fernández Pereira e dirixida polo propio Agís-Balboa e Saida Ortolano, baixo o título O factor de crecemento similar á insulina tipo 2 (IGF-2) como potencial biomarcador periférico en tres trastornos psiquiátricos: esquizofrenia, trastorno depresivo maior e trastorno bipolar. O traballo foi realizado no Instituto de Investigacións Sanitarias do Galicia Sur no Hospital Álvaro Cunqueiro entre os anos 2020-2025.
Bases que subxacen
Roberto Agís explica que “a neurobioloxía tratou de explicar as bases que subxacen a estas enfermidades con hipóteses como a dopaminérxica na esquizofrenia ou a monoaminérxica na depresión. Non obstante, estas ideas quedan curtas porque ao estudar estas condicións atopamos que existen unha chea de mecanismos biolóxicos alterados como disfunción mitocondrial, neuroinflamación, alteracións relacionadas co metabolismo lipídico ou da glicosa, etc”.
O investigador sinala a importancia de estudar o sistema IGF, formado polos ligandos IGF-1 e IGF-2, e distintas proteínas de unión (IGFBPs) e os receptores IGF-1R e IGF-2R.
Posible candidato para a investigación
“O sistema IGF emerxeu como un posible candidato para a investigación biolóxica en psiquiatría, dadas as súas funcións de neuroprotección, plasticidade sináptica e regulación do neurodesenvolvemento e tamén ao seu potencial integrador afectando varios dos posibles mecanismos alterados nos trastornos psiquiátricos”.
A tese de Fernández Pereira constitúe a primeira investigación en España que analiza de forma conxunta IGF-2 e varias IGFBPs en tres trastornos psiquiátricos maiores, combinando estudos transversais e lonxitudinais en pacientes con esquizofrenia, trastorno depresivo maior e trastorno bipolar.
Esquizofrenia, depresión maior e trastorno bipolar
As principais achegas da tese na esquizofrenia foron o achado de niveis plasmáticos de IGF-2 reducidos no primeiro episodio e cun aumento significativo tanto nese como en IGFBP-7 tras iniciar tratamento con antipsicóticos. En pacientes con múltiples episodios en tratamento estable, os niveis de IGF-2 atópanse elevados respecto aos controis. Estes achados suxiren que o IGF-2 podería reflectir tanto alteracións iniciais do neurodesenvolvemento como responder ao tratamento antipsicótico.
En pacientes con depresión maior, Fernández Pereira atopou que o IGF-2 aparece significativamente elevado en comparación con suxeitos sans. Tras unhas tres semanas de tratamento antidepresivo, o IGF-2 descende, achegándose aos valores de control. O traballo constitúe o primeiro estudo en humanos en avaliar de forma específica o papel do IGF-2 como biomarcador periférico en depresión.
Barreira hematoencefálica
Dado que o IGF-2 pode atravesar a barreira hematoencefálica, os resultados apoian a hipótese dun posible mecanismo compensatorio, segundo a cal o aumento periférico de IGF-2 podería actuar como unha reserva destinada a incrementar os niveis reducidos a nivel encefálico.
En pacientes con trastorno bipolar en episodio maníaco, non se observaron diferenzas estatísticas no IGF-2 pero si diminucións claras en IGFBP-3 e IGFBP-5, proteínas clave para a estabilidade das IGF en circulación. Ademais, o marcador inflamatorio MCP-1 atópase elevado en fase maníaca e normalízase tras o tratamento. Estes resultados suxiren unha interacción entre factores neurotróficos e inflamación no trastorno bipolar.
As conclusións
A tese de Fernández Pereira indica que, pese á escaseza de evidencia sobre o IGF-2, os resultados dispoñibles apuntan a que mostra alteracións consistentes, dependentes do tratamento, que poderían converter o sistema IGF nun candidato relevante para a futura psiquiatría de precisión.
O traballo propón seguir explorando o IGF-2 na esquizofrenia para dilucidar se se trata dunha redución ocasionada polo estalido agudo do primeiro episodio ou se é unha alteración ligada ao neurodesenvolvemento que podería estar xa presente en etapas prodrómicas da enfermidade e ter un potencial papel preditivo. Podería ser de utilidade para monitorizar o seguimento ao tratamento psicofarmacolóxico.
Así mesmo, Fernández Pereira subliña a necesidade de cautela á hora de interpretar os resultados e que segue sendo necesario apostar por estudos multimodais que integren biomarcadores periféricos, neuroimaxe, xenética e transcriptómica para avanzar cara a modelos máis integradores e obxectivos, co fin de “neurobioloxizar” a psiquiatría actual e poder complementar satisfactoriamente o incalculable valor do modelo clínico actual.















Boas noites: tengo un hijo, licenciado en veterinaria, con dos másteres: DESENVOLVEMENTO RURAL y REPRODUCCIÓN BOVINA, fue diagnosticado de trastorno bipolar y tuvo que dejar la profesión. Me gustaría contactar con el equipo investigador o con el autor de la tese, el nuevo doctor. Saúdos