O monte ofrece numerosos recursos que poden ser aproveitados pola industria, como a madeira ou os solos. Con todo, a resina, esa substancia viscosa que se extrae dalgunhas plantas e árbores, tamén presenta un amplo abano de aplicacións aínda pouco exploradas. Isto é precisamente o que pretende demostrar o Grupo Operativo Resfo (Resina, Fortalezas e Oportunidades de Mercado), no que participa o Grupo para a Análise Empresarial da Universidade de Vigo. O proxecto, coordinado pola empresa Foresin, especializada en xestión forestal e aproveitamento resineiro, ten como obxectivo identificar os usos potenciais da resina galega como un aproveitamento complementario do monte, cun enfoque claro cara a mercados nacionais e internacionais de alto valor engadido e produtos premium.
Tras sete anos de investigación centrada na resina procedente do piñeiro galego (Pinus pinaster), Resfo puxo especial atención na ánalise das súas propiedades e características físico-químicas. Tal e como explica María Escudeiro, coordinadora do proxecto GoResfo e enxeñeira técnica forestal, na totalidade dos proxectos de investigación dedicados a esta materia, como GoAcrema ou GoPicare, analizáronse máis de 6.000 mostras de resina de distintas especies e localizacións co fin de avaliar a súa capacidade de inserción en mercados de nicho.
Na actualidade, os principais competidores son países como Brasil ou China, pero que diferenzas presenta esta especie do norte peninsular? Nestes mercados trabállase maioritariamente co piñeiro de Elliott (Pinus elliottii). No caso do piñeiro galego, a diferenza é clara: “As propiedades físico-químicas do Pinus pinaster fan que sexa moito máis versátil á hora de elaborar o produto final que as resinas do estranxeiro”, sinala a responsable do proxecto.
Con todo, o elemento diferencial reside nos métodos de extracción. Durante máis de 200 anos resinouse con técnicas tradicionais baseadas en envases abertos. A innovación chega da man de Resfo, que aposta por recolectores pechados: “Innovamos a metodoloxía extractiva e adaptámola ao contexto do monte galego, caracterizado por pendentes maiores que en Castela e por un sotobosque máis denso”, sinala Escudeiro.
Como funcionan os envases pechados?
Ata o de agora, a resina comercializábase no mercado tradicional destinada a pinturas e vernices, onde compite con grandes produtores que traballan por toneladas. Porén, este non é o enfoque do proxecto GoResfo: “Non queremos competir en volume, senón desenvolver un sistema viable baseado en envases pechados”, explica a coordinadora.

O uso destes envases supón unha clara diferenza con respecto aos sistemas empregados en países como Brasil ou China e introduce unha innovación na calidade. Este método extractivo evita a oxidación da resina durante a súa recollida, o que se traduce nunha mellora significativa dos parámetros dos ácidos resínicos e do índice de Gartner, a escala de cor que mide a calidade da colofonia. “Falamos dunha resina de mellor calidade ou, cando menos, axeitada para un mercado de gama alta ca os envases abertos”, explica Escudeiro.
Así, existen dúas razóns fundamentais para considerar que a resina galega de Pinus pinaster ten potencial para acceder a mercados de nicho ou de alto valor engadido: por unha banda, a propia especie e, pola outra, o método de extracción empregado. Como puntualiza a enxeñeira técnica forestal, “non é que a resina sexa diferente, senón que o sistema de recolección marca a diferenza”.
Con todo, Escudeiro tamén advirte da necesidade de ter en conta outros factores. A calidade da resina pode variar en función do estado do piñeiro: exemplares sometidos a estrés hídrico ou a condicións de elevada salinidade, especialmente nas zonas costeiras, presentan características resinísticas distintas.
A entrada en mercados ‘premium’
Cando a resina se transformou por primeira vez nun contexto industrial, produciu dous produtos: a colofonia —a parte sólida— e a trementina —a parte volátil—. “A resina por si mesma non ten mercados, o mercado vén dos derivados da resina“, sinala María Escudeiro. Así, a industria resineira da actualidade provén de pinturas, disolventes, recubrimentos de froitas ou mesmo de gomas de mascar. Dende GoResfo tratan de chegar ao mercado de valor engadido, con produtos na industria farmacolóxica, cosmética ou mesmo no nicho das pinturas premium que precisan características concretas da resina que non poden ofrecer as variantes sintéticas.
No caso da cosmética, a presenza desta substancia aínda é moi incipiente, influíndo por exemplo na súa aromatización. Tal e como explica Escudeiro, “nos usos tradicionais da resina tamén está a elaboración de ungüentos“, explica, o cal é relevante polas súas propiedades calmantes e antifúnxicas. Podería intervir mesmo na industria farmacéutica, aínda que se trata dun mercado máis controlado.
“O que queremos saber é se a nosa resina pode entrar neses mercados”, aclara. Isto é o que investigan grazas ao Pinus pinaster e ás súas metodoloxías extractivas, para coñecer se poden competir contra o resto das resinas, coa colaboración de Xagoza Pinaster, industria de destilación que busca optimizar o proceso industrial cos envases pechados, e Glecex, unha empresa de biotecnoloxía que está a probar diferentes usos dos derivados desta substancia arbórea.
Resinas naturais vs. Resinas sintéticas
“Hai características das resinas naturais que non as poden dar as sintéticas”, sinala María Escudeiro. As resinas sintéticas non son substituíbles en todos os compoñentes a causa dos requirimentos mecánicos que só pode outorgar a química. “A resina non vale realmente para todo”, engade. Por exemplo, os medicamentos xenéricos precisan unha fórmula AB+C que non existe sempre nas variantes naturais, xa que a formulación exacta só é posible dende a intervención científica. “O natural pode ter variables intermedias que modifican o produto final”, explica a enxeñeira.
Máis aló do económico: a visión social da resina
Transversalmente, GoResfo tamén busca o impacto social: xerar emprego no rural, fixar poboación nestas zonas e previr lumes. “De aí vén o noso valor diferencial”, sinala Escudeiro. Con todo, o mercado o marca o cliente: el é quen decide se pagar máis por produtos naturais, é quen demanda o produto. A raíz diso, a industria produce e os recursos extráense do monte. Así, a pregunta principal que se agocha tras este proxecto é: Estamos dispostos a pagar máis por utilizar resinas naturais?
Segundo María Escudeiro, a administración pública e os entes locais deberían axudar para fomentar o emprego destes materiais a través de iniciativas como o selo Galicia Calidade. “Non falo de subvencionar a resina, senón de premiar as funcións que ten a industria resineira”, sinala. Entre elas, destaca o labor de vixilancia forestal de resineiras e resineiros, quen ten que traballar na época estival, a de máis calor e maior probabilidade de incendios. En ocasións, son eles e elas os primeiros en ver os lumes. “Esta é unha función que dalgunha maneira hai que poder cuantificar”, explica a coordinadora do proxecto.
Con todo, cal pode ser o impacto da internacionalización da resina galega? Máis aló do sector primario, que tende a desaparecer e podería atopar no sector resineiro un pulo, o secundario tamén xera postos de emprego. “En Galicia existe unha industria que destila resina, polo que ten que seguir facéndoo pero dende un mercado de alto valor engadido”, explica Escudeiro. Recuperar o traballo coa resina é sinónimo de recuperar o monte, valorizalo e xerar unha industria de calidade, acompañado de postos de emprego e mellores condicións.














